Máis axudas discrecionais da Xunta a un colectivo de Venezuela codirixido por un cargo do PP

A Hermandad Gallega de Venezuela recibe dous convenios da secretaría xeral de Emigración. Grazas a isto, a sede da Xunta en Caracas mantense nun local desta asociación, dirixida por un grupo que “se le identifica con el Partido Popular Español” e cuxo secretario é vogal do PPdeG.

Por Manuel Vilas | Santiago de Compostela | 16/06/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia acaba de volver a subvencionar discrecionalmente a unha asociación codirixida por directivos do PP. 

Miranda e José Antonio Alejandro (de azul) diante da oficina de información que a Xunta financia na Hermandad
Miranda e José Antonio Alejandro (de azul) diante da oficina de información que a Xunta financia na Hermandad

A  Hermandad Gallega de Venezuela recibirá 30.000 euros para “contribuír á atención das necesidades sociosanitarias e asistenciais básicas dos cidadáns galegos residentes en Caracas (Venezuela)” e 20.000 para o “mantemento dunha oficina de información e  asesoramento en Caracas”. 

José Antonio Alejandro González compatibiliza o cargo de secretario da Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas co de vogal na directiva do Partido Popular de Galicia. A sede da Xunta en Caracas leva anos no local da Hermandad.

As axudas figuran na relación de convenios do primeiro cuadrimestre que acaba de publicar a Secretaría Xeral de Emigración no DOG, como lle obriga a Lei. É importante ter en conta que os convenios non son subvencións normais, outorgadas en base a puntuación e de acordo a unhas bases públicas. Son axudas directas, discrecionais, a criterio de cada mandatario.

GC xa alertou a comezos de ano que a Xunta repartía convenios reiteradamente entre dúas asociacións codirixidas por cargos ‘populares’; a citada Hermandad e a Fundación Apoyo a la Ciudadanía Española en Venezuela (FACEV), cuxo presidente é Felisindo López Lorenzo, quen asemade é presidente do PP en Venezuela.

O presidente e secretario da Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas, Roberto González e José Antonio Alejandro, respectivamente; canda o Rodríguez Miranda nunha reunión no despacho do Secretario a pasada semana
O presidente e secretario da Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas, Roberto González e José Antonio Alejandro, respectivamente; canda o Rodríguez Miranda nunha reunión no despacho do Secretario a pasada semana

O asunto chegou ao Parlamento, tras unha pregunta de Luca Chao (En Marea). Na cámara o secretario xeral defendeu estas prácticas, argumentando que en todo caso os convenios supoñen só o 20% do que gasta a Xunta nestes colectivos. 

Antonio López Miranda argumenta que o uso de convenios "non é arbitrario", aínda que "pode ter certa discrecionalidade". O político di que hai tantas axudas para a Hermandad porque “aglutina a varias entidades” e presta atención a máis de 25.000 asociados.  Con todo, nas eleccións de 2015 había 8.022 con dereito a voto.

Miranda alega que non foi ata 2015 cando José Antonio Alejandro González pasou a formar parte da directiva da Hermandad. O mandatario engade que xa antes a Hermandad recibía cartos públicos, tamén durante o bipartito. Ademais, promete que el non reparte o diñeiro en función da cor política das asociacións.

Alejandro González acaba de ser reelixido no cargo como parte da candidatura que encabeza, Fernando Pérez, que tamén repite como presidente. Nas súas redes sociais, González acostuma a rebotar vídeos do presidente Feijóo. 

Un presidente da Xunta que non ve problema en dar diñeiro público a dedo a unha asociación dirixida por un subordinado seu no PP. “Non sería legal tentar poñer cortapisas a que unha persoa milite nun partido ou nun sindicato”, razonou Feijóo.

Segundo España Exterior, a candidatura Grupo Unión que acaba de vencer nas eleccións da Hermandad “se le identifica con el Partido Popular español”. Aos seus rivais da candidatura “La Galaica” son “identificados con el PSOE”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 mondedeuro podreiros

enton non teñen control os cartos... ???? poden estar dando a terroristas ???? a mugre asasina???? ou incluso o narqueo de cocas... venezuelas esta moi mal moi podre... entre uns e outros arrasaron cun país rico... MOITO E HERDANZA DE EXPAÑA... O CATOLICISMO E A "MERDA" XA O DECIAN GRANDES ESCRITORES SOBRE A ETICA PROTESTANTE, A ORIXE DO CAPITALISMO E DA BURGUESIA.... os países católicos son mais atrasados o catolicismo e un.ha relixión fraudulenta ... son seita!!!! ver isas caras de venezuelas e ver a autenticos porcos expañolentos!!! en canto as dereitas son todas ladronas criminais e asasinas!!!-

2 galegoexiliado

E seguirá a pasar mentras poidan votar e non teñan que pagar impostos. Pero non hai problema, recortamos unhas cuantas becas, pechamos camas de hospital, e recortamos asistencia social, total seguirán a acadar maioría, e por qué non van a facer o que queiran si os galegos, que pagan impostos na Galiza, os apoian e os votan. Galicia ba vien.

1 mx5u

Os conseguidores teñen que coller parte da tallada, un bo conseguidor so se move polo interés .... do seu cú.