Santiago de Compostela | 16/06/2017 | Actualizada ás 18:12 por EUROPA PRESS
O Museo Centro Gaiás, na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, acolle do 2 de xuño ao 17 de setembro a exposición 'Flor Novoneyra' na que Antón Lamazares interpreta e pinta os poemas do poeta Uxio Novoneyra co seu propio alfabeto, o Alfabeto Delfín.
Flor Novoneyra está formada por máis de cen pezas inéditas realizadas por Lamazares nos dous últimos anos entre Berlín e Madrid, nas que o autor fusiona a súa pintura cunha selección de versos de Uxío Novoneyra traducidos ao Alfabeto Delfín, un código inspirado no abecedario occidental creado por Lamazares, que o chamou así en homenaxe ao seu pai.
A cultura rural fai de fío condutor entre estes dous xenios das artes galegas. O artista que quixo ser poeta atopa noutro o que el sempre quixo dicir: "Unha das razóns polas que preferín a pintura sobre a poesía é porque tantas cousas que puiden escribir, xa as escribiu Novoneyra", explica.
Ademais, reflicte unha conexión tras a que se atopa a aldea, a infancia, as vivencias de dous homes unidos á natureza e á poesía como vía de escape. "Quero que o meu testamento pictórico sexa esta 'Flor Novoneyra' porque como el penso que 'Inda é nova a Terra' e que todo o importante que temos que dicir xa nolo dixo ela", subliña.
As pinturas de Lamazares, traballadas como soños, variacións, brillos e capas están elaboradas a base de cores da terra, a luz e o imaxinario sobre un soporte humilde, o cartón, traballado como a terra na aldea: sementado, mollado e secado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.