Denuncian que El Correo “vulnerou os dereitos fundamentais” dunha persoa sen fogar

O Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia critica que este xornal atenta contra a privacidade e dignidade de persoas sen fogar e pide aos medios dignidade no tratamento deste tipo de informacións.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 21/06/2017 | Actualizada ás 10:28

Comparte esta noticia

O Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (Ceesg) denuncia o tratamento informativo que recentemente se lle dou no xornal El Correo Gallego a unha persoa sen fogar que vive na cidade de Santiago de Compostela. A noticia alude á situación na que se atopaba a persoa nun momento determinado, e acompáñase dunha imaxe que, explica o Ceesg, "atenta contra o dereito á privacidade e o respecto á imaxe e identidade persoal, ademais de aportar no texto datos persoais que en nada contribúen á relevancia xornalística da nova, ao indicar o seu nome completo e expoñer cuestións relativas á súa vida privada".

Redacción de El Correo Gallego
Redacción de El Correo Gallego | Fonte: elcorreogallego.com

Por isto, o Ceesg considera que "esta noticia incorre non só nunha grave falta de profesionalidade xornalística, senón na vulneración de dereitos fundamentais da persoa á que se fai alusión".

"Dende un punto de vista socioeducativo, este tipo de información non só non achega ningún valor ao coñecemento de problemáticas de persoas ou colectivos, senón que alimenta os estereotipos e crea situacións de rexeitamento social que dificultan calquera proceso de inclusión", alertan dende o Colexio.

Dende o Ceesg tamén lembran que "a responsabilidade ética dos medios de comunicación é necesaria debido ao relevante papel destes na opinión pública", xa que poden "colaborar na constitución dunha sociedade máis comprometida coa inclusión social, axudando na sensibilización cidadá ante este tipo de problemáticas".

Esta é a segunda vez que o colectivo dos educadores sociais sinala a El Correo Gallego. En 2015 xa denunciaron outra nova sobre persoas sen fogar publicada no mesmo xornal, polo que solicitan aos xornalistas deste medio que usen o Código Deontolóxico manexado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o manual de estilo xornalístico promovido pola Rede Europea de Loita contra a Pobreza (EAPN) 'Mira a las personas sin hogar. Guía de estilo para periodistas', "unha ferramenta útil para un trato adecuado na información dos medios de comunicación", din.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

Pero que lle vades pedir a un enxendro de periódico?