Por Galicia Confidencial | A Coruña | 31/08/2017 | Actualizada ás 13:59
A Consellería de Sanidade acaba de convocar un concurso para cambiar a rotulación de catro hospitais da rede pública do Sergas na Coruña. Uns novos letreiros que custarán máis de 183.000 euros e que se cambian para incluír o lema "Hospital Público", nun momento no que se cuestiona, precisamente, a privatización da sanidade.
Os catro centros hospitalarios onde estarán estes letreiros serán o Hospital Universitario da Coruña, Hospital Teresa Herrera, Hospital Abente e Lago e Hospital Virxe da Xunqueira de Cee. Ademais do novo letreiro indicando a condición de titularidade pública dos hospitais coruñeses, incluirase tamén no elemento identificador a simboloxía da Xunta e do propio Servizo Galego de Saúde, cuxos logos figurarán nos indicadores de próxima creación.
Segundo os pregos do concurso aos que tivo acceso GC, o adxudicatario terá que construír estes letreiros segundo o “Manual de fabricación e motaxe de rótulos para centros hospitalarios”. Estes fixan que será “un caixón en chapa de aluminio de 2 mm, con estrutura interior resistente, lacada ao forno con cor de acabado Ral 9007 e pintura poliéster para uso exterior”. A fixación do conformado realizarase mediante soldadura de arco pulsado específica para alumnio, asegurando o selado de todos os encontros e xuntas.
Garantía de sete anos
Os letreiros terán unha garantía de sete anos, tipografía Helvetica Neue 55 Roman e dous metros de largo. Tamén terán instalación eléctrica e de iluminación, con uso da tecnoloxía led.
Sanidade pide que, para cada un dos catro centros hospitalarios, se presente un proxecto coa xustificación urbanística, técnica, planos, orzamento, memoria e documentos necesarios asinados por “técnico competente”. Icluirán, ademais, “medios auxiliares necesarios para a realización dos traballos, así como as actuacións previstas en materia de seguridade e saúde, xestión de residuos e control de calidade.
O custe final será de 183.500 euros. Así, o prezo do letreiro do Hospital Universitario da Coruña e do Hospital Teresa Herrera será de 41.140 euros sen IVE, respectivamente, mentres que o prezo por rótulo do Hospital Abente e Lago e Hospital Virxe da Xunqueira será de 33.880 euros sen IVE, respectivamente.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.