Temas: RAG BIERZO

A RAG quere abrir novos espazos para o galego no Bierzo

Organiza, xunto coa Comisión Cultural Martín Sarmiento e o Instituto de Estudios Bercianos, unha xornada sobre Antonio Fernández Morales que tamén servirán para reivindicar a existencia e a recuperación da lingua galega nesta comarca.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 12/09/2017 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A Real Academia Galega, o Instituto de Estudios Bercianos (IEB) e a Comisión Cultural Martín Sarmiento organizan o Simposio do Bicentenario / XI Xornadas de Autor IEB. Antonio Fernández Morales: o cantor do Bierzo, que se desenvolverá os vindeiros 15, 16 e 17 de setembro en Ponferrada, Vilafranca do Bierzo e Cacabelos. O encontro servirá para difundir a importancia deste autor, figura do Rexurdimento inxustamente esquecida, mais tamén para estreitar os lazos culturais e lingüísticos entre Galicia e o Bierzo e reivindicar “a existencia e a recuperación da lingua galega en territorios irmáns”.

Por iso, e durante a presentación destas xornadas, o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes anunciou a convocatoria dunha xuntanza, na que se traballará da man das entidades implicadas no simposio, e outras que se poidan incorporar, “no seguimento deses novos espazos para o galego no Bierzo”.

Héctor M. Silveiro, académico correspondente e coordinador do simposio; Ana Carballo, membro da xunta directiva do Instituto de Estudios Bercianos e responsable da súa sección de lingua e literatura; Gerardo Álvarez Courel, presidente do Consello Comarcal do Bierzo; José Manuel Pereira Vega, alcalde de Vilafranca do Bierzo; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, institución colaboradora das xornadas, coincidiron neste dobre obxectivo do programa. “Desde o Consello Comarcal do Bierzo apostamos pola implantación e a continuidade da lingua galega na nosa terra. Debe ser algo en que poñamos todos os nosos recursos e as nosas aspiracións. Polo tanto, non podiamos faltar a esta cita. Estas xornadas teñen que ser un baluarte para a defensa da lingua galega na comarca do Bierzo”, expresou Gerardo Álvarez Courel.

“Desde o Concello de Vilafranca do Bierzo tratamos de fomentar a cultura desde todos os aspectos, e un deles é a fala desta zona”, engadiu o rexedor José Manuel Pereira Vega. “Feitos como a celebración do bicentenario de Fernández Morales son unha boa oportunidade para gañar espazo e dignificación para a lingua na sociedade berciana”, engadiu Valentín García, quen apuntou que este ano un novo centro se incorpora ao programa a través do cal un milleiro de alumnas e alumnos estudan galego en Castela e León.

Cartas inéditas escritas en galego xa en 1847

Nado en Astorga o 17 de setembro de 1817 e criado no concello berciano de Cacabelos, onde aprendeu galego sendo neno e finou o 15 de agosto de 1896, Antonio Fernández Morales foi militar ilustrado, progresista e republicano. O escritor é autor de Ensaios poéticos en dialecto berciano, volume integramente en galego, agás un longo poema bilingüe. A obra, un excelente retrato do galego berciano da época, viu a luz en 1861, só uns anos despois d'A Gaita Gallega de Pintos (1953), o primeiro libro en galego do Rexurdimento, pero antes do Álbum de la Caridad (1862) e dos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro (1863).

Malia a importancia dos Ensaios, a escasa difusión que sufriu impediu que sexa considerado parte destacada dos alicerces do sistema literario galego. “A filosofía do simposio é precisamente integrar plenamente o discurso poético de Morales a día de hoxe no conxunto de Galicia e da sociedade berciana”, explicou o académico correspondente Héctor M. Silveiro. Entre as novidades que se difundirán no encontro, rescataranse do esquecemento unha serie de cartas autógrafas que sitúan a Fernández Morales escribindo en galego xa no ano 1847 a invitación do filólogo catalán Mariano Cubí, avanzou o organizador das xornadas. Estas cartas ata o momento sen publicar son tamén un dos esteos da exposición Antonio Fernández Morales e o galego no Bierzo, organizada pola Comisión Cultural Martín Sarmiento, que se inaugurará o segundo día do simposio, o sábado 16, ás 13 horas no Claustro de San Nicolás de Vilafranca do Bierzo.

Apertura en Ponferrada cunha mostra e música

As xornadas abriranse o venres 15 de setembro na Casa da Cultura de Ponferrada ás 19 horas coa inauguración doutra exposición sobre o autor. É unha das contribucións do Instituto de Estudios Bercianos para “rescatar este personaxe e a súa obra, que ten non só un gran valor lingüístico, senón tamén etnográfico, porque reflicte os costumes e tradicións da súa época no Bierzo”, salientou Ana Carballo. A mostra será itinerante e o IEB espera poder levala, entre outras localidades, a Astorga.

Deseguido, José Antonio Balboa de Paz ofrecerá a conferencia inaugural, cunha nova aproximación á vida do autor. O profesor, que escribiu hai xa trinta anos unha primeira biografía de Fernández Morales, afondará na infancia, na mocidade e no ambiente familiar que o rodeou deténdose nas ideas liberais de Fernández Morales, “porque ese liberalismo explica á súa vez o seu interese pola lingua galega e a cultura popular, que son os dous elementos máis destacados da súa obra literaria”, sostén o profesor.

A primeira das tres xornadas concluirá cunha actuación musical a cargo de Carmen Penim, autora de varias cancións con poemas de Antonio Fernández Morales, e Maurizio Polsinelli. Ambos os músicos tamén participarán no programa do sábado 16 de setembro, que se desenvolverá no Teatro Gil y Carrasco de Vilafranca do Bierzo, cunha comunicación sobre rítmica e musicalidade nos poemas de Antonio Fernández Morales. Neste mesmo escenario de Vilafranca estrearán a peza serial dodecafónica, baseada no poema "Villafranca i a vendima" do autor berciano, que acaba de rematar Maurizio Polsinelli.

Obra de Antonio Fernández y Morales
Obra de Antonio Fernández y Morales

Unha profesora durante unha clase de galego Clase de galego no bierzo
Unha profesora durante unha clase de galego Clase de galego no bierzo
Temas: RAG BIERZO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 vVV

Glosando a un comandante de infantería que escribió un libro sobre los dialectos gallego y berciano...Toma ya.

1 bravo

espléndida iniciativa! forza para o galego do bierzo!!