A lingua: Corpo Vivo do de Nós

Non é ningún despropósito que o PPdeG considerara un erro o decreto do galego do goberno Bipartito, que o puido ser, e consecuentemente o revocara.

Por Xoán Vázquez | New Yersey, USA | 14/10/2010

Comparte esta noticia

Non obstante, o coherente no goberno actual, consorte as promesas electorais, houbera sido restaurar o consenso – o único consenso - que saíu do Parlamento de Galicia, todo o demais é simple vinganza cega contra crimes que só existen  nos paranoicos mundos alleos á realidade do de nós. Embarcar nun ollo por ollo só nos garante afundir o país nas tebras dos tempos, onde tantos séculos ficou varado e extraviado.

Penso que non tiña alternativa o Presidente Núñez Feijóo cando decidiu mudar o desafortunado nome (reminiscencia de cousas que magoan a memoria) das escolas infantís que utilizaban (utilizaban…) o galego como lingua vehicular, e aí remataron os acertos do Presidente. Tanta présa para tan pouco… E aí comezaron de novo a sangrar as feridas no Corpo Vivo do de Nós.  O das galescolas –na miña opinión, e na dalgúns máis-, foi un erro. Foi un erro nos modos e formas que xa non no fondo: é –porque ten que ser- indiscutible que no espazo propio do galego os pais que así o soliciten teñan o dereito, inalienable, de estenderlle aos seus rapaciños o uso do galego como lingua vehicular, e, mesmo, nos primeiros anos do ensino estenderlle  esa cortesía aos meniños de fala castelán, ofrecéndolles tamén espazos na lingua vehicular coa que se identifican no seo familiar.  Nos primeiros anos do ensino, introducir os rapaciños polos vieiros máis amenos,  ao abeiro da mornura da fala que acaricia os seus oídos no mesmo instante de espertar, no alborexar da súa existencia, na seguridade do seu fogar, amósaseme completamente natural. A fala é unha extensión natural do fogar. Se esto se fai ben, pensado no ben, e limitándoo aos primeiros anos escolares, non vexo, por ningures, risco de segregación ou fragmentación social. Os primeiros anos do ensino son para introducir  os rapaciños á escola, sen traumas nin fobias. Non obstante, desde o primeiro día de escola é un deber irrenunciable apousar a nosa lingua no corazón dos meniños,  guiándoos ao niño da fala, ensinándolles a aceptar algo tan irrefutable como que Galicia ten unha milenaria lingua de seu,  e que esa lingua é de todos. De todos, si, pero sobre todo deles. E que aínda cando neste intre algúns poidan non coñecela, motivalos coa promesa que pronto han ter a oportunidade de disfrutar dela, con ilusión,  sen medo, e sen fobias. Ensinarlles a querela, porque querer é o estado natural do corazón dos meniños; porque o corazón é moi grande, e os adultos esquecémonos que o dos rapaciños late cunha tenrura dilixencia e precisión inconmensurable. O agarimo é o compás que os guía coma pombiñas no voltar ao seu pombal. Ao pombal da fala só se pode voar coa forza do amor.  Nós, os adultos, que xa podemos ter o corazón algo murcho, non descarguemos as nosas eivas na inocencia efervescente destas adegas do amor inconmensurable. Que iso son os meniños, adegas de amor esperanza e agarimo.  Apaguemos, pois, os ruídos perversos que nos  magoaron o acordo, pechemos os ollos e en silencio absorbamos os anacos de lembranza que aínda nos quedan de nós mesmos, e espertemos perante a realidade de que a nosa voz  morre coma un eco rebotando nos outeiros se non ten  acollida nas gorxas das crianzas que a volvan facer berro.

Se as benvidas a academias estranxeiras e nomear galescolas as escolas infantís de lingua vehicular vernácula foi percibido como unha innecesaria politización do máis prezado patrimonio do noso pobo, moito máis terribles son os agoiros deste desnorte calculado que arestora descende sobre nós: retornar á diglosia castelanista, para así finar con toda esperanza de coexistir en harmonía, na plenitude da nosa identidade, reconciliados coa nosa realidade máis íntima e afirmativa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Vázquez Nado en 1957, na aldea do Zapatal, parroquia de Santa Mariña de Xuño, concello do Porto Do Son. Con 17 anos emigra aos EE.UU. Estuda informática na Kean University. Actualmente exerce de informático en New Jersey. O seu blog: http://xoangvazquez.blogspot.com/