Temas: TREN ANGROIS

PSOE e En Marea chegan a un acordo de mínimos sobre a comisión de investigación do Alvia

As dúas formacións apostan por chegar "á raíz do problema" e por que se busquen solucións".

Por E.P. | MADRID | 27/09/2017 | Actualizada ás 15:45

Comparte esta noticia

O PSOE e En Marea chegaron a un acordo de mínimos para a fusión das súas propostas de creación dunha comisión de investigación sobre as causas do accidente ferroviario ocorrido en Angrois (Santiago) o 24 de xullo de 2013, que supuxo 80 mortes e causou 144 feridos. Deste xeito, o Congreso dos Deputados aprobará este xoves, agás cambio de última hora, a creación desta comisiónsobre o accidente do tren Alvia que ocorreu o 24 de xullo de 2013 en Angrois, á entrada de Santiago de Compostela.

Alexandra Fernández, de En Marea, no Congreso
Alexandra Fernández, de En Marea, no Congreso | Fonte: Europa Press

A orde do día do Pleno do Congreso deste xoves incluía o debate sobre a creación da citada comisión e a votación de dúas propostas: unha presentada polo PSOE e outra rexistrada polo grupo confederal de Unidos Podemos e o Mixto.

Con todo, nas últimas horas, PSOE e Unidos Podemos e o Mixto transaccionaron as súas iniciativas tendo en conta que o obxectivo de ambas as partes é o que veñen reclamando as vítimas do sinistro desde o primeiro momento, é dicir, "que se faga xustiza", segundo explicou en rolda de prensa a deputada de En Marea Alexandra Fernández.

OS SEUS OBXECTIVOS, MÁIS AMBICIOSOS

Por tanto, e agás un veto de última hora, o Pleno votará unha soa proposta que, segundo Fernández, supón un acordo de mínimos para pór en marcha a comisión. Posteriormente, segundo recalcou, En Marea velará por que o plan de traballo que elabore a comisión contemple os seus obxectivos, que son "moito máis amplos" que os expostos polo PSOE.

Segundo lembrou, En Marea sempre loitou por chegar "á raíz do problema" e por que se busquen solucións para que accidentes destas características non se repitan. Pero, ademais, apuntou que pretenden que se ouza a voz da Plataforma de Vítimas Alvia 04155.

"Isto non pode quedar nunha cuestión de partidos --dixo--, e traer ás vítimas sería un gran indicador de saúde democrática e demostraría a vontade real dos diferentes grupos de que hai compromiso coa verdade e a reparación" para con elas.

O PP, EN CONTRA

De saír adiante na votación deste xoves, a comisión estará composta por catro representantes do PP (único grupo con máis de 100 membros), tres do PSOE e tres de Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea (que teñen máis de 50), dous do mixto e dous de Ciudadanos (con máis de 10), un de Esquerra e outro de PNV (grupos con menos dunha decena de integrantes).

O prazo para a realización dos traballos da comisión proposto no texto transaccionado é de cinco meses desde a súa constitución (que tardará ao redor dun par de semanas) e poderá prorrogarse por acordo do pleno da Cámara.

Ao ser necesaria unha modificación da orde do día para que o texto que se debata sexa o finalmente acordado, e non os dous rexistrados orixinalmente por separado, cabe a posibilidade de que o PP o vete, pero fontes parlamentarias consultadas por Europa Press dan por feito que non será así, tendo en conta que o voto dos seus 134 deputados, previsiblemente, será en contra, sexa cal for o documento.

A favor votarán con toda probabilidade, do outro lado, PSOE e Podemos-En Comú Podem-En Marea, que xuntos suman 151 deputados. Ciudadanos, cos seus 32 parlamentarios, tamén confirmou o seu apoio á creación desta comisión. Por definir queda a postura de Esquerra, que se espera que apoie a petición (9 membros); PNV (cinco) e grupo mixto (19).

Temas: TREN ANGROIS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Ai....

Anarquismo, Putin... Fáltalles alguén por meter no imbroglio???? Eu, que saibades que xa todas as mañás me levanto despois de horribles pesadelos cos bots rusos... A culpa xa se sabe: de Rusia e dos anarquistas... Por certo, parece que a teima coas outras linguas se estende caro Ńostrus... https://es.noticias.yahoo.com/putin...

1 Ai....

Ou sexa que Anova acaba de chegar a acordos co partido deste señor: http://www.lavanguardia.com/politic... Mentres Beiras et alii. van aos actos dos cupaires??? Que cousas non? En Anova coherencia escribídelo sen h, non?

1 comunista independentista

Explícalle ti ás vítimas do Alvia que estás en contra da comisión de investigación por ter que negociar co PsoE. Veña, D. Coerente.