“A presenza de baleas azuis confirma que as augas galegas están entre as máis ricas do mundo”

Bruno Díaz, director do Bottlenose Dolphin Research Institute (BDRI), con base no Grove, explica a GC a importancia científica dos recentes avistamentos en augas galegas de dous exemplares de balea azul, o animal máis grande do mundo, en perigo de extinción. Vídeo e fotos cedidos polo BDRI.

Por Alberto Quian | O Grove | 29/09/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

"Bomba científica". Así cualificou Bruno Díaz a confirmación da presenza de baleas azuis en augas galegas. O pasado día 20, un equipo do BDRI avistaba un exemplar de Balaenoptera musculus duns 24 metros, preto da illa de Ons. Poucos días antes, un grupo de mariñeiros filmaba na ría de Muros outro exemplar desta especie, identificado pola Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA). En menos de dúas semanas, dous avistamentos que teñen sorprendido e emocionado á comunidade científica. A presenza nas rías galegas do animal máis grande do mundo, e tamén dos máis ameazados, é un feito histórico e de enorme transcendencia científica. Trala ebulición suscitada por este extraordinario achado, o director do BDRI aporta agora a GC as explicacións científicas á aparición desta especie e a grande abundancia doutros cetáceos nas augas de Galicia.

Exemplar de balea azul en augas de Ons
Exemplar de balea azul en augas de Ons | Fonte: BDRI.

Que supón dende un punto de vista científico o achado de dous exemplares de balea azul en augas galegas en tan pouco tempo?

Dende un punto de vista científico é unha clara confirmación de que en termos de biodiversidade mariña as augas galegas están entre as máis ricas do mundo. Isto coñecíase en termos de upwelling [afloramento de augas profundas] e polas correntes mariñas, pero o feito de avistar unha especie tan simbólica e tan en perigo de extinción é sen dúbida moi significativo.

Pensan que estes son eventos puntuais ou poden ser síntomas dalgo?

Pensamos que son varios os factores que condicionan a presenza destas baleas nas nosas augas. O primeriro é sen dúbida a alta concentración de nutrientes neste mes de setembro, o que permite a presenza de alimento para as baleas nas proximidades da costa. Isto coincide  ademais co período no cal estas especies viaxan cara o sur e pasan preto das nosas augas. É como se estivésemos a falar dun punto de avituallamento temporal de camiño ao sur.

Exemplar de balea azul en augas de Ons
Exemplar de balea azul en augas de Ons | Fonte: BDRI.

Tralo avistamento na contorna de Ons dunha balea azul, vostede xa ligaba, en comentarios para este xornal, a presenza destas baleas e doutros cetáceos co afloramento de augas profundas, que poderían estar causando unha sorte de gran banco de alimentos para estes animais. Pode afondar máis neste asunto? Que está a pasar? Que están a observar?

As nosas augas son famosas polo upwelling (afloramento de augas profundas), o que provoca unha alta concentración de nutrientes que favorecen a presenza de fitoplancto e despois de zooplancto, este último, principal fonte de alimento destes xigantes do mar como son a baleas azuis. Estes datos puidémolos confirmar grazas ás medicións por satélite de clorofila no noso SIG (sistema de información xeográgico) e por recollida de mostras de plancto nestes últimos días na nosa embarcación.

"A concentración de baleas comúns e azuis observadas nestes meses supera todo o observado ata o momento polo noso grupo dende o ano 2014".

Estase a facer ou fíxose un seguimento especial destes exemplares?

Contamos coa presenza de baleas alibrancas durante todo o ano, pero a concentración doutras especies de baleas (balea común e azul) observadas nestes meses supera todo o observado ata o momento polo noso grupo dende o ano 2014, cando iniciamos os proxectos. Dende a observación da balea azul estamos tratando de realizar máis saídas para poder coñecer con máis precisión o tempo que estarán nas nosas augas e as zonas de distribución. Polo momento xa temos confirmado que estes animáis estan na zona para alimentarse, xa que agregacións de varios exemplares (baleas comúns e azuis) na mesma zona só ocorren cando hai alimento.

Outra técnica empregada para estudar estes animais é a foto-identificación. No caso da balea azul foi sinxelo porque teñen un patrón caracteristico na sua coloración que, xunto coa aleta dorsal, nos permite indentificala. No caso de volver vela poderemos saber que é a mesma ou diferenciala doutro exemplar. Por exemplo, comparando as imaxes desta balea en Ons coa avistada en Muros, a pesar de que o vídeo non é moi claro e non se pode ver a aleta dorsal, pódese ver que a coloración da cabeza non è a mesma, polo que eu me inclinaría pola posible presenza de máis dun exemplar nas nosas augas. As nosas pesquisas seguen e non só co traballo de observación no mar, tamén enviamos as imaxes identificativas deste exemplar a diferentes grupos de investigación da balea azul en augas atlánticas, dende o Ártico, Islandia, Noruega, Escocia, ata Azores. Polo momento podemos dicir que ninguén a recoñece, pero aínda estamos analizando varios catálogos de identificación para entender a posible ruta migratoria deste exemplar e este traballo vai levar meses.

"Posiblemente, estes datos serán presentados no próximo congreso europeo sobre mamíferos mariños que terá lugar en Italia na primavera de 2018"

Dende o punto de vista da conservación desta especie, que poden aportar estes avistamentos á comunidade científica internacional? 

A información e moi valiosa e por iso a colaboración entre centros de investigación é importante, xa que estes animais non coñecen fronteiras. Como falaba anteriormente, é moi importante coñecer se este examplar chega dende o norte e onde foi visto con anterioridade ou onde poderá ser avistado no futuro.

Teñen datos e información suficiente para trasladar estes achados á comunidade científica, ou aínda é cedo para presentar isto nun traballo ou congreso científico?

Como comentaba antes, o BDRI leva realizando estudos de distribución de cetáceos na zona dende 2014, polo que a concentración de avistamentos como os realizados neste mes aportan unha valiosa información para tentar comprender cales son os factores que condicionan a presenza destes animais. Se non tivésemos datos precedentes un avistamento pode converterse nunha nota esporádica, pero o conxunto de datos de varios anos permítenos presentar os resultados en revistas ou congresos. De feito, posiblemente estes datos serán presentados no próximo congreso europeo sobre mamíferos mariños que terá lugar en Italia na primavera de 2018.

"A falta de axudas públicas para o estudo destes importantes acontecementos é o principal obstáculo que temos".

Está Galcia preparada para acoller, estudar e protexer estas especies? 

Boa pregunta, pero penso que a debería responder unha persoa que represente aos galegos dende un punto de vista institucional. Galicia no pasado acolleu regularmente estes animais, polo que se se achegan máis regularmente ás nosas costas sería algo polo que estar orgullosos. Como director dun centro de investigación, evidentemente a falta de axudas públicas para o estudo destes importantes acontecementos é o principal obstáculo que temos, xa que sendo animais de distribución peláxica os gastos derivados do seu estudo son moi elevados.

Teñen as administracións públicas que xogar algún papel en concreto nisto?

Sempre que falamos da biodiversidade das nosas augas é unha responsabilidade da administración a tutela e colaborar no estudo destas e doutras especies. No caso da balea azul, sendo unha especie moi simbólica, serve para o estudo e conservación de moitas outras especies.

Estes avistamentos deben levar a novos protocolos, seguimentos e traballos das distintas organizacións implicadas no estudo de cetáceos e da fauna mariña, en xeral, en Galicia?

Penso que non. O importante é a colaboración entre entidades ao igual que estamos colaborando con centros de diversos países do mundo.

Pola parte do BDRI, están redeseñando os plans e actividades? 

Seguimos cos nosos estudos sobre os cetáceos peláxicos e o feito de ver exemplares como estes é unha motivación para seguir adiante con traballo a pesar das dificultades.

"Temos que decatarnos da importancia de conservar o que temos e do afortunados que somos de telo; se non cambiamos o modo de actuar isto pode durar moi pouco".

En décadas pasadas Galicia tivo unha importante industria baleeira; hoxe fálase de facer das augas galegas un destino turístico para a observación destes e doutros cetáceos. Parécelle unha opción viable?

Islandia fíxoo, pero a concentración de exemplares é mais estable. Sen datos que aporten información durante canto tempo e en que períodos se achegan estes animais non creo que sexa viable poder avistalos coa regularidade necesaria para este tipo de actividades. Por exemplo, este martes saímos a recoller datos despois de case unha semana en terra polas malas condicións do mar, e a néboa impediunos traballar durante nove das dez horas no mar...

Da parte do sector pesqueiro, de que xeito lles afecta a presenza destes e doutros cetáceos en augas de Galicia? 

Non afecta, xa que as baleas se alimentan principlamente de plancto. O feito de que haxa baleas son boas novas tamén para eles porque temos máis peixe no mar.

E á sociedade en xeral, que mensaxe se lle pode enviar? Porque pode impresionar moito a presenza destes grandes cetáceos nas rías...

Temos que decatarnos da importancia de conservar o que temos e do afortunados que somos de telo, pero se non cambiamos o modo de actuar (por exemplo, o abuso dos plásticos, contaminación, etc.), isto pode durar moi pouco.

Ademais deste achado extraordinario das baleas azuis, que outras especies están destacando pola súa presenza nas augas de Galicia? E cales son as que precisan unha maior atención científica?

Penso que todas as especies teñen igual importancia en termos de estudo e conservación. É verdade que especies como a balea azul son simbólicas e facilitan o teu traballo. Ao mellor se o avistamento fose doutra balea non estariamos a facer esta entrevista. Nestes días, ademáis da balea azul atopamos baleas comúns (o segundo máis grande animal do planeta despois da azul), polo menos doce animais identificados, baleas alibrancas, caldeiróns, arroaces boto ou caldeirón gris, arroaces, golfiños comúns e toniñas (un dos cetáceos máis pequenos e vulnerables nas nosas augas).

Teñen novos datos ou novidades sobre a presenza de cetáceos nas nosas augas?

Polo momento o traballo continúa recollendo datos para analizar ao final do ano e ver as novidades.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta