Temas: ABANCA

O colectivo Down prepárase para coñecer o mundo financeira

ABANCA súmase á celebración do Día da Educación Financeira con máis dun centenar de actividades durante os meses de outubro e novembro con bradoiros de banca móbil para o colectivo de maiores.

Por GC Emprende | A Coruña | 02/10/2017 | Actualizada ás 12:51

Comparte esta noticia

ABANCA incluirá a partir deste curso 2017-2018 o colectivo de usuarios de Down Coruña dentro do seu programa de educación financeira. Así o reflicte o acordo asinado este luns coa entidade social durante a presentación das actividades que desenvolverá o banco con motivo da celebración do Día da Educación Financeira que promoven o Banco de España e a CNMV o primeiro luns de outubro de cada ano.

De esquerda a dereita, Tatiana Suárez, directora de RSC de ABANCA, e Manuel Álvarez, presidente de Down Coruña
De esquerda a dereita, Tatiana Suárez, directora de RSC de ABANCA, e Manuel Álvarez, presidente de Down Coruña | Fonte: Abanca

A directora de RSC de ABANCA, Tatiana Suárez Cancelo, que estivo acompañada polo presidente de Down Coruña, Manuel Álvarez Esmorís, destacou a importancia desta colaboración. “En ABANCA sempre apostamos por unha educación financeira inclusiva e aberta ao conxunto da sociedade, xa que é evidente que dispor da cultura financeira adecuada pode contribuír á integración e a promover a igualdade de oportunidades”, indicou a responsable de RSC do banco.

Durante o curso 2017-2018 ABANCA organizará 240 actividades no marco deste programa que desenvolve desde o último trimestre de 2015 en colaboración con Afundación. Delas, 107 concentraranse durante os meses de outubro e novembro. Tatiana Suárez destacou na presentación que se mantén a oferta ampla e variada “para poder chegar ao maior número de persoas posible co formato e contido adecuados a cada idade e ás diferentes etapas da vida”.

Concienciación dos máis pequenos

Unha das principais novidades que presenta o programa para o curso que acaba de comezar é unha nova proposta escénica para escolares encargada polo banco á compañía Zarándula. Trátase da obra de teatro ‘Laberinto’, dirixida a alumnos e alumnas de 4º, 5º e 6º de Primaria, que ten como obxectivo trasladar aos pequenos como as súas accións poden contribuír tamén a mellorar a economía e o aforro familiar. As primeiras representacións serán os días 25, 26 e 27 de outubro no Teatro Afundación de Vigo e a continuación realizaranse funcións en Pontevedra, Lugo, Santiago de Compostela, A Coruña, Ourense, Vilagarcía de Arousa e Ferrol.

ABANCA promoveu este formato innovador para introducir conceptos económicos básicos entre nenas e nenos o curso pasado coa obra ‘De los cuentos a las cuentas’, tamén encargada a Zarándula, e a iniciativa foi recoñecida como o mellor proxecto para mozos nos premios á Obra Social e á Educación Financeira 2016 que organiza a revista Actualidade Económica en colaboración coa Confederación Española de Cajas de Ahorros (CECA).

Outra das actividades do programa dirixida ao público infantil é o Gran Prix Financeiro, que continuará o seu percorrido por Galicia e está previsto que visite este curso 40 centros escolares. A través da recreación de situacións cotiás, difúndense valores como a responsabilidade e a solidariedade, e sentan as bases adecuadas para aprender a tomar pequenas decisións económicas.

Formación en novas tecnoloxías para maiores

O colectivo de maiores contará tamén cunha atención especial dentro deste programa de ABANCA. Neste momento están pechados 45 talleres sobre banca móbil nos Espazos +60 de Afundación que se centrarán en ofrecerlles a formación necesaria para que poidan utilizar as novas tecnoloxías para mellorar o control das súas finanzas persoais.

Economía básica para a xuventude

En liña coa universalidade do programa de educación financeira de ABANCA mantéñense ao longo deste curso as conferencias dirixidas a estudantes de secundaria e bacharelato sobre economía básica. Ao longo dos próximos meses os relatores de ABANCA achegarán os conceptos financeiros fundamentais a 1.900 alumnos e alumnas de institutos galegos.

ABANCA puxo en marcha o seu programa de educación financeira no curso 2015-2016 e as diferentes actividades realizadas neste período contribuíron a mellorar a cultura financeira de 18.992 persoas de todas as idades. Delas, 9.785 son nenos e nenas que empezaron a tomar conciencia da importancia de tomar decisións financeiras adecuadas.

Temas: ABANCA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta