Dous xeitos de afrontar a crise

Foi unha lástima que Elena Espinosa desaproveitara a súa derradeira visita a Lugo como ministra para protagonizar unha bronca co conselleiro Samuel Juárez na vez de traerlles, para variar, algunha boa nova a pescadores, gandeiros ou labregos.

Por X.M. Barreiro | Lugo | 29/10/2010

Comparte esta noticia

Preferiu emular ó tamén galego, daquela compañeiro de goberno, José Blanco, quen tamén optou por blandir a súa verborrea, desta volta algo subida de tono, contra Agustín Hernández na vez de explicarlle ós lucenses, e de paso ó resto dos galegos, o pecado que cometeron para acabar pagando os erros cometidos polo goberno que lidera Rodríguez Zapatero e dos que, claro está, nin tomaron parte nin son responsables.

 
Quizais ambos consideraron que o ataque era a mellor defensa para tentar zafarse da reacción que estaban a provocar os orzamentos do Estado para a nosa comunidade e, particularmente, para a nosa provincia. Pero, cos datos na man e descontando o alto custo da compravenda de vontades políticas para gañar algo máis de tempo no goberno, e por moita e boa intención que se poña no intento, é imposible sacar conclusións positivas.
 
Pese a todo, temos que agradecerlle a José Blanco que contribuira a enriquecer o noso vocabulario colectivo. Se non fora por el, probablemente o de “reprogramar” non pasaría de ser un vocablo exclusivo da xerga informática. Agora universalizouse o seu uso e, dende logo, describe e resume á perfección a acción de goberno dos socialistas. Reprograman os avances e dereitos sociais que costou décadas conquerir; reprograman repetidamente o plan de infraestructuras; ata se reprograman a si mesmos nunha ampla remodelación ministerial co fin de resultar, cando menos, algo máis comunicativos…
 
Pero a falta de tino dun goberno, como moi ben recoñeceu o novo vicepresidente Alfredo Pérez Rubalcaba, repercute na casa de cada un dos cidadáns deste país. A mala previsión de todo o equipo Zapatero, naqueles tempos nos que rebosaban de optimismo e vían medrar brotes verdes polas paredes, vaille costar ós galegos 2.600 millóns de euros. E a súa nefasta política económica fai que este ano a Xunta conte, vía transferencias, con 1.500 millóns de euros menos para incorporar ós seus orzamentos e, polo tanto, para investir en Galicia. Tamén, por conseguinte, na provincia de Lugo.
 
Dende logo que as decisións que adopte un goberno, preocúpenos moito ou pouco a política, redúndanos directamente no bolsillo. No de todos. 
 
Pese a todos os pesares, os efectos da crise económica xeral e esta inevitable interdependencia entre administracións, a Xunta foi capaz de identificar e fixar prioridades nas contas para o vindeiro ano. A obrigada contención do gasto non conlevará, ademais (e é un aspecto a ter moi presente), ningunha merma na prestación dos servizos sociais básicos. 
 
Na provincia de Lugo, por exemplo, ningunha das grandes obras comprometidas foi obxecto de reprogramación algunha. 
 
A diferencia é notoria. Uns cumplen; outros non.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xosé Manuel Barreiro Foi conselleiro de Medio Ambiente e vicepresidente da Xunta de Galicia no último goberno de Manuel Fraga. Actualmente é o presidente do PP de Lugo e membro da dirección do PPdeG. O seu blog blog