A provincia de Ourense segue ardendo

Segue activo un incendio forestal en Lobios e outros dous controlados en Vilariño de Conso e Lobios (Ourense). A Garda Civil detivo este luns a un brigdista como presunto responsable de varios lumes no Xurés.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/10/2017 | Actualizada ás 10:30

Comparte esta noticia

O incendio forestal declarado na noite do domingo na parroquia de Río Caldo en Lobios (Ourense) permanece activo na mañá deste martes, mentres que está controlado outro no mesmo municipio e outro no concello ourensán de Vilariño de Conso.

Un brigadista loita contra o lume no Xurés
Un brigadista loita contra o lume no Xurés

Segundo informa a Consellería do Medio Rural, desde as 23,41 horas do domingo un incendio na parroquia de Río Caldo de Lobios permanece activo e afecta a máis de 20 hectáreas dentro do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. Foron mobilizados debido a este lume 11 axentes, 34 brigadas, 16 motobombas, tres pas, cinco helicópteros e dous avións, concretou Medio Rural.

Mentres, está controlado desde as 20,15 horas do luns o incendio declarado ás 22,35 horas do venres na parroquia de Chaguazoso no municipio de Vilariño de Conso. As últimas estimacións sitúan a superficie afectada en 65,12 hectáreas de monte raso.

Tamén permanece controlado desde as 20,10 horas do pasado martes outro lume rexistrado na parroquia de Río Caldo no concello ourensán de Lobios, que tamén afecta o Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés desde as 20,07 horas do luns 2 de outubro. Queimou unhas 20 hectáreas de superficie.

EXTINGUIDOS

Pola súa banda, quedou extinguido ás 00,04 horas deste martes o lume rexistrado na parroquia de Lobás, no Carballiño (Ourense), tras comezar ás 20,02 horas do domingo. As últimas estimacións de Medio Rural apuntan unhas 52,2 hectáreas de monte arborado queimado.

Así mesmo, foi extinguido ás 4,50 horas deste martes o incendio declarado ás 19,13 horas do luns na parroquia de Sabaxáns no municipio de Mondariz (Pontevedra), tras queimar 24 hectáreas, delas 14 de arborado e dez de monte raso.

DETENCIÓNS

Por outra banda, un membro da brigada municipal do Concello de Lobios (Ourense) foi detido pola Garda Civil como presunto autor de seis incendios forestais no Xurés. O primeiro dos lumes é de finais de xullo e o último do 2 de outubro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta