O fume dos incendios en Galicia e Portugal e o po do Sáhara tinguen de laranxa o ceo en Reino Unido

Os habitantes de cidades e vilas británicas viron sorprendidos este luns como o ceo se tinguía dunha estraña cor alaranxada causada polo fume dos lumes no occidente peninsular mesturado cunha nube de po do Sahara.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 16/10/2017 | Actualizada ás 19:18

Comparte esta noticia

O ceo británico tinguiuse este luns dunha "estraña" cor alaranxada que sorprendeu á poboación do Reino Unido. Dende as grandes cidades, como Londres ou Manchester, centos de persoas reportaron en redes sociais este raro fenómeno que se produciu pola mestura de po do Sáhara e do fume dos grandes incendios que asolan Galicia e Portugal, empurrados cara o norte polos fortes ventos do furacán Ophelia.

Ceo alaranxado e sol tinguido de vermello en Manchester (Reino Unido) pola mestura do fume dos incendios en Galicia e Portugal e unha nube de po do Sahara, empurrados polo furacán Ophelia
Ceo alaranxado e sol tinguido de vermello en Manchester (Reino Unido) pola mestura do fume dos incendios en Galicia e Portugal e unha nube de po do Sahara, empurrados polo furacán Ophelia | Fonte: Baiba Auria‏ (@BaibaAuriaArt).

O fenómeno non só foi reportado polos cidadáns; tamén a prensa británica e outros medios influentes no mundo, como The New York Times, se fan eco deste estraño acontecemento que ten asombrado ao país, que viu tamén como o sol tomaba unha cor avermellada.

Segundo os medios británicos, xa a primeira hora os habitantes da zona sur puideron observar o que todos consideran unha "estraña" cor do ceo, tinguido dunha tonalidade laranxa. A medida que foron pasando as horas, o fenómeno foi estendéndose cara o norte do país, primeiro na capital, Londres, e logo en cidades máis setentrionais como Manchester.

O científico Dave Reynolds, de The Weather Channel, explicou aos medios británicos que este fenómeno se produciu polos fortes ventos chegados dende o sur, contendo principalmente po do Sáhara pero tamén partículas dos incendios en Galicia e Portugal.

Ceo alaranxado en Londres (Reino Unido) pola mestura do fume dos incendios en Galicia e Portugal e unha nube de po do Sahara, empurrados polo furacán Ophelia
Ceo alaranxado en Londres (Reino Unido) pola mestura do fume dos incendios en Galicia e Portugal e unha nube de po do Sahara, empurrados polo furacán Ophelia | Fonte: Spencer Kelly‏ (@spenley).
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta