Falan os traballadores da CRTVG: “Sentimos vergoña do tratamento informativo e pedimos desculpas”

Raquel Lema, xornalista, traballadora da CRTVG, ex-presidenta do Comité Intercentros, non ten pelos na lingua para falar alto e claro sobre o que acontece nos medios públicos do país. “Algún día haberá repercusións penais por practicar a manipulación informativa”, subliña nesta entrevista. E deixa claro que unha cousa é o labor dos traballadores “que se partiron o lombo durante 24 horas para sacar adiante o seu traballo”, e outra os cargos directivos que non estiveron á altura das circunstancias.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 18/10/2017 | Actualizada ás 20:35

Comparte esta noticia

O que pasou nos medios públicos galegos o pasado domingo foi un “total descontrol, desorganización, caos, falta de mando e de coordinación” dos poucos equipos que había dispoñibles. “Nós fixemos o noso traballo, horas e horas, sabémolo facer, pero non estivemos dirixidos. Ademais, enviáronse a Santiago moitas imaxes de lumes tomadas en condicións extremas e nunca se chegaron a aproveitar. Iso doe, a quen arrisca mesmo a súa vida por gravalas. Por que non se emitiron?”, queixase Raquel.

Raquel Lema nunha entrevista co reporteiro Gonzo, del Intermedio da Sexta, sobre manipulación informativa
Raquel Lema nunha entrevista co reporteiro Gonzo, del Intermedio da Sexta, sobre manipulación informativa | Fonte: La Sexta

Por iso, asegura que “non é xusto” que paguen os traballadores, aínda que saben que pode pasar. E critica a imaxe que se está dando desta crise porque “a interpretación que se está a radiar é interesada e partidista, favorable ás teses do partido que goberna na Xunta”.

E para paliar a situación fala da creación dun Consello de Informativos ou o Estatuto Profesional e de "darlle un curso de ética, de deontoloxía, de dereitos constitucionais a todos os parlamentarios". “Se eles non queren, e non toman as decisión oportunas para desgubernamentalizar a CRTVG, nunca será posible”, asegura.

Son directo xa. Hai manipulación na CRTVG nos últimos días?

Si, claro. Poñamos de exemplo para nos entender o tratamento informativo que se lle deu ás multitudinarias manifestacións que se desenvolveron por todo o país o luns 16 de outubro. Milleiros de persoas secundaron as diversas convocatorias. Quen estivo nalgunhas delas sábeo ben. Na TVG mereceron unhas “colas” duns poucos segundos, nin sequera un video, colas que se elaboraron cun par de planos dalgunhas concentracións. Ante a previsión de asistencia que calquera podía imaxinar, non sería un criterio xornalístico rigoroso poñer un punto de directo nalgunha cidade? Pois non o fixeron. Despois dirá o director xeral no Parlamento que as manifestacións eran ás oito da tarde e as imaxes chegaron ao telexornal das nove con dificultade. Mentirá, porque desde que somos capaces de facer conexión en directo, non hai xa esa escusa,

Protesta dos traballadores da CRTVG contra a manipulación informativa durante a crise dos lumes
Protesta dos traballadores da CRTVG contra a manipulación informativa durante a crise dos lumes | Fonte: Comité CRTVG

Pero isto non é de agora. O da manipulación é una crítica recurrente entre traballadores e sindicatos, tamén durante o bipartito?

Si, tamén durante o bipartito. Houbo algúns episodios de intervención política ou partidaria que motivaron mesmo a demisión das súas novas responsabilidades de profesionais da TVG que non quixeron formar parte desas prácticas. É un problema estrutural, de ver con naturalidade a intromisión do poder político na conformación da imaxe do país que se contrúe desde os medios de comunicación. É preciso acabar con iso, articular ferramentas que nos axuden a avanzar, como o Consello de Informativos ou o Estatuto Profesional. Algunhas pensamos que mesmo algún día haberá repercusións penais por practicar a manipulación informativa, entendendo o dereito á información desde a súa perspectiva constitucional. Xornalistas e políticos deberan responder penalmente por vulnerar dereitos teóricamente tan protexidos como o da información.

 Cóntame que pasou o domingo?

Esa pregunta debías facerlla á directora de informativos da CRTVG e, na miña opinión, por debaixo dela, a todas aquelas persoas que ocupan posicións de responsabilidade dentro da empresa. Eu cóntoche o que relatan as profesionais que estaban en quenda ese día, porque a razón profunda, discriminar se primou a manipulación ou a incompetencia, non cha sei. Poñámonos na hipótese de que non se tomou consciencia da gravidade da situación ata que xa era tarde. Antes diso, tal vez se deixou correr o día, a ver se a cousa non ía a máis e tal, minimizar os lumes é habitual. Pero unha vez que se espertou do soño, tal vez cando empezaron a arreciar as críticas nas redes sociais á falta de cobertura informativa dos medios públicos, ou cando outra canle privada estatal empezaba a ocupar o espazo de referencia que debíamos estar a ocupar nós, non se estivo á altura por parte dos que deben coordinar, dirixir e organizar aos equipos, mesmo convocar a máis traballadores como se fixo noutras ocasións. As xefaturas importantes incorporaronse a partir das 8 da tarde e a directora de informativos ás 11 da noite. E moitos trablladores chamaron para ofrecerse a traballar no seu día libre e rexeituse o seu ofrecemento. Os relatos que nos chegan por parte dos compañeiros e compañeiras que se partiron o lombo durante 24 horas por sacar adiante o seu traballo son de descontrol, desorganización, caos, falta de mando e de coordinación dos poucos equipos que había dispoñibles. Coas delegacións territoriais en cadro desde hai anos (pecharon a delegación de Pontevedra que tería sido de grande axuda neste caso), e cunha política de asfixia da contratación (na sede central de san Marcos faltaban ese domingo cinco ou seis redactores que estaban de baixa e non se substituiron) é imposible cubrir un evento informativo desta magnitude como o país merece e como temos a obriga como servizo público. Pero ademáis, as catro mochilas que permiten facer conexións en directo estaban ocupadas en eventos deportivos. Por que non se suspenderon esas previsións e se enviou a eses reporteiros aos lugares dos lumes? Houbo profesionais que avisaron durante o día; algún mesmo conta que pronto se decatou de que ía haber mortos. Nós fixemos o noso traballo, horas e horas, sabémolo facer, pero non estivemos dirixidos. Ademais, enviáronse a Santiago moitas imaxes de lumes tomadas en condicións extremas e nunca se chegaron a aproveitar. Iso doe, a quen arrisca mesmo a súa vida por gravalas. Por que non se emitiron? Estaba Santiago desbordado? Posiblemente, pero doe. Hai moito que corrixir. Debían facer reunión os que mandan para que isto non se volva repetir.

A min lembrame todo isto ao que pasou co Prestige. Hai semellanzas?

Pode ser, no fondo non deixan de ser crises mal xestionadas. Pero houbo unha intensa cobertura cando o Prestige, tamén de reacción tardía, certo, pero creo que primou máis daquela a manipulación que a ausencia de información, como puido ser neste caso. Claro que, en puridade, a ausencia de información é unha das formas máis perversas de manipulación informativa. Reaccionado tarde, a CRTVG tivo ao día seguinte, e continúa a ter estes días (terá sempre mentres que os lumes sexan un problema estrutural), a oportunidade de facer información de servizo público, abordando as posibles causas e solución con pluralidade de voces, ideas e experiencias. Non creo que iso se estea a facer. A interpretación que se está a radiar é interesada e partidista, favorable ás teses do partido que goberna na Xunta.

Entón seguimos tendo uns medios públicos ao servizo dos políticos de turno?

Si. Temos un director xeral cun mandato prorrogado pola porta de atrás, vía lei de acompañamento da lei de orzamentos. Dito iso, pouco máis que dicir. Había que prohibir as chamadas entre a Xunta e a dirección da CRTVG. Bloquear eses teléfonos. E poñer a tele e a radio públicas nas mans dos profesionais da información, pero non de mercenarios externos que veñen a facer o traballo sucio, de traballadores e traballadoras da casa, xornalistas, produtores, reporteiros gráficos, operadores de video e demais que distinguen a información da propaganda. E a manipulación desaparecía.

Con todo, hai algo que hai que destacar, que é a profesionalidade de moitos dos traballadores, algúns deles mesmo pasaron situacións de perigo, non?

Sí. Pódenos a ansia e fáltannos directrices sobre como actuar en casos así. Se traballas 24 horas seguidas nunha situación de estrés deste calibre, no medio dos lumes, no ollo do furacán, poden pasar cousas. Estás canso, queres continuar, arde a túa aldea, a casa dos teus viciños, queres informar coma se foses o único testigo daquilo e podes despistarte fácil. Por sorte non pasou nada, ningún traballador resultou ferido. Pero repito que algún reporteiro gráfico, horas antes das primeiras mortes, compartíu con outros que tiña a sensación de que iso ía pasar. As condicións nas que traballaron os compañeiros e compañeiras que estiveron na primeira liña foron extremas. Co paso das horas confesan ter unha sensación agridoce, orgullosos do traballo que fixeron pero desconsolados co resultado e a repercusión que tivo, cando choveron as críticas, mesmo a do propio comité de empresa. Confesan na intimidade que sinten tristura. Non é para menos.

Quero destacar, porque o teño falado con máis compañeiros, o caso dalgún deles, e non foron poucos. Poño como exemplo a Alberto Rivero, sen desmerecer a outros, que desde a RG si fixo esa labor pública de informar a xente que andaba perdida pola zona do condado e a autovía que une Vigo con Ourense dando consellos de por onde era mellor saír ou que facer...E a pesar diso hai xente que os acusa a eles de ser os manipuladores. É duro iso non?

Iso é o peor. Alberto e tantos nomes máis. Ao día seguinte, o luns, comentáronnos algún traballadores que recibiron insultos, do tipo onde estabades onte?. Non é xusto que o paguemos nós, pero sabemos que é así. A sociedade interpreta que os coches rotulados son a TVG ou a RG. Dentro deses coches hai sempre traballadores de a pé sen arte nin parte na toma de decisión que despois os comprometen. Pero xa sabemos que é así. Pasou sempre e seguirá a pasar mentres as cousas non se fagan ben. Poñemos o lombo nós para cobrar polo que outros fixeron.

Que habería que facer para ter uns medios públicos como é debido e sen que sirvan de pin, pan, pun para o goberno que estea no poder?

Darlle un curso de ética, de deontoloxía, de dereitos constitucionais a todos os parlamentarios. Se eles non queren, e non toman as decisión oportunas para desgubernamentalizar a CRTVG, nunca será posible. O resto son parches, ferramentas previas para camiñar cara o fin. Saben ben as medidas que teñen que tomar, o caso é querer tomalas.

Cal é a sensación que tedes dentro despois do que está acontecendo?

O persoal reaccionou rápido, da man do comité de empresa, que organizou en poucas horas a protesta e a denuncia pública do que pasou dentro. Hai quen pensa que a roupa se lava na casa, pero as que pensamos que os trapos sucios deben airearse, fixémolo. Queremos que se tomen medidas, que se corrixan os protocolos, que dimita quen se sinta responsable ou que sexa cesado. Non queremos traballar así nunca máis. Nese sentido, falar do problema, nomear o problema, entendemos que é o primeiro paso para intentar corrixilo. Alguén debería tomar nota e implementar as medidas correctoras que se determinen necesarias. Niso podemos colaborar. Pero nunca contan con nós. Agora ben, escoitar hannos escoitar sempre.

E unha mensaxe para a xente que estea lendo agora esta entrevista?

As traballadoras e traballadores da CRTVG sentimos vergoña do tratamento informativo que se deu desde a CRTVG durante a xornada do domingo. Somos cidadáns ante todo, queimouse tamén o noso país, e temos unha dor dobre. Pedimos desculpas porque non nos deixaron ser o que temos a obriga de ser, a tele e a radio de referencia para os galegos e galegas. Non puidemos prestar o servizo público, a información tan necesaria que se demandaba, e sentímolo máis ca ninguén. Axudádenos a que non volva suceder. Reclamade canda nós a despolitización da CRTVG e a dotación orzamentaria necesaria para que poidamos desenvolver o noso traballo con dignidade. Precisamos a axuda da sociedade galega que cre na necesidade dos medios públicos de comunicación, porque inimigos, nos despachos da Xunta e dos grandes grupos de comunicación que conciben a información coma un negocio, xa temos dabondo. Precisamos uns medios públicos libres, veraces e independentes. Demandémolos.

Chapa co lema 'Eu non manipulo' nunha protesta dos traballadores da CRTVG
Chapa co lema 'Eu non manipulo' nunha protesta dos traballadores da CRTVG
Reporteiro gravando imaxes dun lume
Reporteiro gravando imaxes dun lume | Fonte: elcomercio
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 24 comentarios

9 bonburen

"Falan os traballadores da CRTVG". ¿Cantos? Unha ¿A quen representa? A ela. E logo falan de manipulacions neste medio...

8 Eu xornalista

Terá razón en moitas cousas das que di... Eu non son do PP ni quero pero aquí vese o interese nacionalista desta señora. Investigando o seu Facebook xa podemos ver que é nazionalista e a súa visión e sesgada e manipulada. A TVG ten moito que mellorar pero debemos ser rigurosos e esta señora non o é. Unha mágoa que sexa xornalista.

1 Celestino de Torbeo

Hai outro nacionalismo de xornalista, español bueno, que seguro a ti non che molesta: http://www.galiciaconfidencial.com/... Unha mágoa que te creas persoa ecuánime.

2 Adrian

Para NAZIonalista espanhol a estas ti

7 Antonio19760826

A la entrevistada ya se le ve el plumero. Al utilizar el término "país" para referirse a "Galiza", ya lo dice todo. Entrevista politizada, quejándose de lo que ella misma hace en la misma entrevista. Nada objetiva. Qué rápidos fuimos para montar manifestaciones...

1 Alberte

Xa o dicía o teu avó Antonio. Que todos sabemos que debía serem independentista. Porque dicía "queixo do país" e pan "do país". O teu avó era mala xente. Como tí. Que tampouco moi bo non és.

2 Antonio19760826

Alberte Aplícate el cuento. Si me hablan en gallego, respondo en gallego. Lo tuyo lo más lejos de la realidad. Te hablan en castellano y respondes en un gallego que te inventas tú. Así está el "país"

3 Celestino de Torbeo

Pois ti, Toñito, entras a comentar en castelán nun xornal en galego, logo o primeiro que non respeta es ti. E por riba con preconceitos fascistoides, seguro que ti ao País Basco lle chamas Provincias Vascongadas, e o País Valenciano será Región de Valencia. Así está a pluma da aguía facha!

6 Monica

Xa non é só a falta de comunicación senón tamén a pouca que se fai faise equivocada, con fotos de lumes de outros anos, nas que se pode apreciar claramente ó ex alcalde de Val do Dubra (concello que ardiu este domingo tamén) que faleceu hai anos, o cal me parece unha falta de respeto moi grave.

5 Gondisalvo

Sin acritud, pero cuanto cuesta al año la tele gaita ? Tiene algo, bastante o mucha audiencia ? El nivel es lamentable. No se si tiene un solo programa decente, al margen de la insufrible y escandalosa manipulación del gobierno de Feijoo. Me parece muy bien el comunicado, pero que se espera de semejante engendro. Por si fuera poco, tiene dos canales. Lo siento por sus trabajadores, pero algo que lleva tanto tiempo perdiendo pasta, que debería cerrar ya. El nivel de la otras emisoras nacionales también es lamentable, pero son privadas. Es su problema.

1 Knight

E cánto nos costa a todos o soldo de todos os políticos? Pero como o están a facer moi ben é mellor botar ós curritos á rúa que son os culpables de todo. Sen acritude...tamén ti deberías estar na cola do paro...

2 Pondaliao

O problema non é a tele, é o uso partidista que se lle dá, e como todo o público non está para negocio, senón para o servizo da xente.

3 Berros

Muy de acuerdo con Gondisalvo. El que quiera verla que la pague. Yo ni la tengo sintonizada. De los politicos mejor no hablar, pero Feijóo tuvo hace tiempo la feliz idea de reducir el número de parlamentarios autonómicos y los de siempre pusieron el grito en el cielo. Bastaba. la mitad de parlamentarios autonómicos, cada uno de los cuales sale a 6.000 euros mensuales más Seguridad Social y gastos

4 Fada laverca

Gondisalvo que fermoso e sonoro nome para escribir unha ods ou mellor le a Utilidade do inutil de Ordine.