Temas: LUMES INCENDIOS

Unha iniciativa lexislativa popular de 60 colectivos para cambiar a xestión do monte e a loita antilumes

Propón "parar os pés ao eucalipto" e "actuar sobre as causas" dos lumes cun monte multifuncional que faga fronte a unha "morte lenta"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/10/2017 | Actualizada ás 14:06

Comparte esta noticia

Uns 60 colectivos ecoloxistas, agrarios e sindicais impulsan unha iniciativa lexislativa popular (ILP) para un cambio no modelo de xestión do monte galego e de loita contra o lume. Representantes da rede Cousa de Raíces, que promove esta ILP, presentaron esta semana a documentación no Parlamento galego coa que se pon a marcha o proceso polo cal deberán recoller 10.000 sinaturas para poder debater na Cámara a toma en consideración desta iniciativa.

Cousa de Raíces entrega documentación sobre ILP no Parlamento
Cousa de Raíces entrega documentación sobre ILP no Parlamento | Fonte: Europa Press

Fins Eirexas (Adega), un dos portavoces de Cousa de Raíces, sinala que con esta proposta búscase "revitalizar e facer un mundo rural vivo" en Galicia, que "é a única garantía de que non se sufra" a vaga de incendios dos últimos días.

Tamén se marca o obxectivo de "parar os pés ao eucalipto" no monte galego, en defensa do bosque autóctono, xa que "sen un monte eucaliptizado habería menos incendios".

Dado que o cambio climático "está aquí para quedar", remarca que "sobre as causas dos lumes pódese actuar", e "unha moi importante é sobre o modelo de aproveitamento forestal", posto que "hai outra forma de facer as cousas".

De feito, Eirexas di que "mesmo dando por boa esa teoría disparatada" de que "existe esa trama organizada", "esa especie de sindicato do mal" que "se dedica a pór lume todos os anos", pregúntase: "Como arderá menos o monte?". "Coa actual situación, chea de eucaliptos, cun abandono brutal, onde só os intereses especulativos das pasteiras e as mineiras teñen cabida ou con outro modelo de explotación do rural moito máis multifuncional e sustentable?", cuestiona.

CHAMAN A UN APOIO "MASIVO"

Por todo iso, Fins Eirexas fai un chamamento á poboación a que "canalice esa indignación" que provocou nos galegos a última vaga de incendios para que haxa un apoio "masivo" a esta ILP e "force ao PP a retratarse".

"O que queremos é trazar unha liña vermella, os que están ao lado do bosque autóctono, de parte dun mundo rural multifuncional e sustentable teñen que apoiar esta ILP; o contrario significa porse de lado do eucalipto, de ENCE, dos lumes", asegura. Por iso, contrapón "cambiar de sistema" ou "seguir con esta morte lenta".

Esta é a terceira ILP de carácter forestal "en menos de 30 anos", explica Eirexas, "o que dá unha idea da preocupación que hai na sociedade" e "a necesidade de articular dunha vez medidas" para evitar "a secuela dos lumes forestais".

MEDIDAS

Entre outras medidas, con esta ILP avógase por ordenar o territorio, facer unha xestión das masas boscosas, apostar por monte multifuncional e fálase de crear franxas de seguridade.

Nesta liña, o presidente da Asociación Galega de Comunidades de Montes, Xosé Alfredo Pereira, deixa claro que a política forestal fai que o lume sexa "un problema por 'secula seculorum' para o monte galego" porque "non atalla os problemas" existentes.

Así, subliña que "a solución nos incendios forestais está moi vinculada a conseguir un modelo de monte totalmente distinto ao modelo do PP", baseado no "monocultivo forestal" e "arrincar o modelo de xestión aos titulares" para que "empresas poidan campar ás súas anchas".

SEN AXUDAS PARA PREVENCIÓN MANUAL EN MONTES

Una das cuestións sobre as que chamou a atención Pereira é que as axudas forestais "aparecen a destempo", entre agosto e setembro, "cando xa non é o prazo".

Tamén resalta que "hai moitos montes veciñais que non puideron acollerse" a liñas de axudas de prevención de incendios forestais porque se fixa que "só poden ser (traballos) mecanizados", cando ese labor "é imposible" en moitas zonas e debe ser manual.

"O lóxico é que permitisen as dúas fórmulas, manual e mecanizada", afirma o presidente da Asociación Galega de Comunidades de Montes, pero lamenta que non o fan "porque é un negocio para as empresas".

Temas: LUMES INCENDIOS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

1 Fumedecarozo

Deixen de malmeter e de contar mentiras. O eucalipto non é o malo. Miles de hectáreas que hai 20 ou 30 anos permitiron estudar a moitos dos que agora falan por falar, que sacaron da fame durante a crise ao millerios de familias e que son plantacións ben xestionadas, en liñas, rozadas e que van pola 3 ou cuarta corta, cun chan profundo que nin seca nin se esgota como queren vender. Miles de hectáreas de propietarios particulares en solo forestal que deciden o que facer co seu monte, non que outros decidan por eles. Que o eucalipto leva máis de medio século entre nos, non chegou onte, non veñades vendendo falacias. Se queredes un xardín pagade por el.

1 Davidp

O que deberíades é pagar vós cando prenda lume. E responder vós cando queime as casas da xente e morra a xente. O eucalipto potencia e propaga os incendios, esa é unha realidade incuestionable. Se tí gañas cartos con él eche outro tema.

2 Xose

Fumedecarozo Tes bó negocio co eucalipto, mirase ben. Vai para Australia e levao pra là de volta contigo, en Galicia queremos bosques, non xardins coma ti dis, non os precisamos, pero a natureza si, e a natureza sempre foi gratuita meu reí.