Os grupos ecoloxistas expresan o seu apoio ao detido por un lume doméstico que queimou unha hectárea

18 asociacións ecoloxistas do país publican un comunicado en apoio a Miguel Ángel Martínez Novoa, único detido trala vaga de incendios e recoñecido activista medioamental, que queimou por imprudencia unha hectárea na súa propia leira, en Os Blancos (Ourense). Nun comunicado, alertan de que o seu arresto pode ser unha manobra "para desviar a atención criminalizando ao movemento ecoloxista e así eximir das súas responsabilidades a quen ten as competencias sobre as políticas forestais, agrarias e de xestión do territorio".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 21/10/2017 | Actualizada ás 14:53

Comparte esta noticia

Á indignación da familia e dos amigos de  de Miguel Ángel Martínez Novoa —único detido trala vaga de incendios por un lume na súa leira en Os Blancos (Ourense), por unha imprudencia, co resultado de apenas unha hectárea queimada—, súmase agora o sector ecoloxista galego, que a través de Adega (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza), expresa a súa solidariedade e todo o seu apoio a este home de 55 anos, recoñecido no eido do ecoloxismo en Galicia pola súa labor durante décadas. 

Veciños loitan contra o lume en Pazos de Borbén, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Veciños loitan contra o lume en Pazos de Borbén, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.

Velaquí o texto:

COMUNICADO DOS GRUPOS ECOLOXISTAS SOBRE A DETENCIÓN DO COMPAÑEIRO MIGUEL MARTÍNEZ

As circunstancias que rodean a detención de Miguel Ángel Martínez Novoa causan preocupación en todo o ecoloxismo galego. Miguel é unha persoa coñecida, valorada e querida de todas as persoas que ao longo dos anos noventa do pasado século activaron a loita social contra o a deterioración da natureza no noso país. O Movimento Ecoloxista da Limia (MEL) que el axudou a crear nos primeiros anos 90 era un máis das decenas de colectivos que neses anos xurdiron por toda Galiza e que nutrían a Asemblea de Grupos Ecoloxistas e Naturalistas de Galiza (AGENG) despois Federación Ecoloxista Galega (FEG, 1995). Ademais de coa FEG, Miguel colaboraría con ADEGA e outros colectivos, incluíndo diversas achegas como ecoloxista e poeta á revista Cerna. 

Cando o ecoloxismo estaba case na súa infancia, Miguel mostrouse sempre como unha das persoas máis conciliadoras nas inevitábeis discusións á hora de facer valoracións e acordar estratexias de traballo. Xa neses momentos e como traballador dos xulgados de Vigo, asesorou en numerosas ocasións sobre a incipiente normativa ambiental. De seguro que co seu esforzo e compormiso ecoloxista hoxe aínda podemos desfrutar de moitos dos valores naturais polos que sempre loitou na Limia. 

"Non acreditamos que Miguel sexa un delincuente, e menos aínda un perigo potencial para ter que privalo de liberdade".

O traballo de MEL (Movemento Ecoloxista da Limia) foi transcendental na loita contra os impactos da concentracións parcelarias na Limia neses anos, realizando non só as principais mobilizacións e accións de concienciación sobre o problema senón tamén solucións prácticas de grande calado. MEL é un dos grupos que segue activo e que nos últimos anos enfronta o problema de contaminación por residuos agrogandeiros na Limia, unha consecuencia máis do modelo produtivista que comezou coa destrución da natureza polas concentracións parcelarias que, como o lume, arrasaban con todo o vivo. 

Non sabemos o que aconteceu neste caso, mais non acreditamos que Miguel sexa un delincuente, e menos aínda un perigo potencial para ter que privalo de liberdade. E non só polo seu compromiso de sempre coa defensa da natureza. Segundo se nos informou desde persoas próximas, unha vez apagado o lume cuxo alcance limitouse a menos de unha hectárea (fronte ás 35.000 ardidas eses días) e en cuxa extinción empeñouse persoalmente: Miguel foi ao cuartel da Garda Civil na mesma localidade ourensá para dicir o que pasara, e deixou os seus datos persoais e de residencia en Vigo. Precisamente sería citado de novo pola Garda Civil en Vigo, a onde acudiu de novo voluntariamente. Até aí, o comportamento dun cidadán exemplar. Mais desta volta xa non recibiría o trato que agardaba pola súa colaboración e ficou detido, precisando de atención hospitalaria. Non nos corresponde valorar a súa situación de saúde, mais se esta é fráxil, aínda se xustifica memos o encarceramento dunha persoa que en todo momento colaborou para evitar consecuencias maiores e aclarar os sucesos, nin desde logo que se lle manteña a prisión incondicional, como se fora un perigo para a sociedade. 

"Agardamos que en xustiza non se convirta a Miguel nun chibo expiatorio desta catástrofe ecolóxica, para desviar a atención criminalizando ao movemento ecoloxista".

En relación con Miguel todo indica que estamos ante un episodio de lume non intencionado, se realmente tivo que ver co seu inicio, pois aínda non se pode afirmar aínda que sexa así. En todo caso, foi un incendio que el mesmo axudou a apagar e a limitar o seu alcance até ficar en testemuñal. E cómpre considerar que se trata dunha persoa que pola súa vontade e iniciativa cívica acudiu por dúas veces ao cuartel da Garda Civil. Agardamos que en xustiza non se convirta a Miguel nun chibo expiatorio desta catástrofe ecolóxica, para desviar a atención criminalizando ao movemento ecoloxista e así eximir das súas responsabilidades a quen ten as competencias sobre as políticas forestais, agrarias e de xestión do territorio.   

Asinan:  ADEGA, MEL, FEG (ADEGA, ADENCO, APDR, Asemblea do Suído, Colectivo Ecoloxista do Salnés, Grupo Naturalista Hábitat, Luita Verde, Movemento Ecoloxista da Limia-MEL, Naturviva, Néboa, NIño do Azor, Oureol, Vaipolorío, Verdegaia, Xevale, AEMS-Ríos con Vida), GREFA, ERVA.

Artigo de Miguel Martínez na revista CERNA.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

2 sdsf

lo tipico ecologistas protegiendo a incendiarios

1 José

Lo típico, comentario absurdo de alguien que ni lee

1 Portus Marinus

Hai que telos ben postos: Xevale grupo? Unipersonal, subterráneo, fantasma? Anxo M., aquel que paseaba a conselleira pepeira Manolita en bici? As veces mellor sos que mal acompañados!

1 Manolo_

Hai que telos ben gordos para poñerte ti a falar de Anxo Moure, pois deberas lavarte a boca antes de citalo. Agora non se pode traballar para a Xunta por ser esta gobernada polo PP? Van dimitir profesorado e funcionarado non-PP? Noxo dades a panda de trolls.

2 Portus Marinus

Manolo_, cariño, Anxo non é profe nin funcionario. É cómplice do sistema, repetitivo e ata vomitivo pelota do réxime, iso que ti non contas, sobriño-neto do cacique Regal, os feitos están na hemeroteca (mágoa que o tempo impediu o paseo glorioso en tandem), as asociacións fantasma desprestixian e a falla de control do terceiro sector produce ratas que nos rouban o queixo... Se cadra ti, alporizado Manolo_, participas e sabes do negocio.