Galicia está a converterse nun paraíso para as baleas: 60 exemplares vistos en mes e medio

Os científicos do BDRI fan outro avistamento dun exemplar de balea azul, o cuarto en augas galegas nun mes e medio. Tamén identificaron especies de baleas nunca antes vistas aquí, algunhas delas en perigo de extinción. O biólogo Bruno Díaz celebra que "Galicia está a converterse nun 'restaurante de moda' para estes xigantes". Os científicos falan de "situación case única no mundo".

Por Alberto Quian | O Grove | 01/11/2017 | Actualizada ás 19:32

Comparte esta noticia

As augas galegas estanse convertendo nun paraíso para os grandes cetáceos, como o demostra a presenza dunha balea azul identificada este martes por científicos do Bottlenose Dolphin Research Institute (BDRI), con base no Grove. Trátase do cuarto avistamento dun exemplar desta especie —o maior animal do mundo, en perigo de extinción— en Galicia, en apenas un mes e medio. Algo inaudito. Á presenza destes especimes súmase o avistamento doutras especies de baleas nunca antes vistas en augas galegas. Os membros do BDRI chegaron a identificar 60 exemplares de até cinco especies distintas, "unha situación case única no mundo", din.

Exemplar de balea azul duns 25 metros de lonxitude, preto de Corrubedo
Exemplar de balea azul duns 25 metros de lonxitude, preto de Corrubedo | Fonte: BDRI.

"Galicia esta a converterse nun paraíso para as baleas!", celebran dende o BDRI, cuxos científicos puideron acompañar este martes·aos mamíferos máis grandes do planeta nunha "viaxe de investigación épica en augas galegas", magnifican.

Ademais dun novo exemplar de balea azul, tamén observaron ducias de exemplares de rorcual común, ademais de rorcual alibranco e rorcual norteño —"novas especies vistas por primeira vez nestas augas", subliña o BDRI—, e un "incrible" xibardo, apuntan. 

Bruno Díaz, director do BDRI, destaca a "elevada concentración de baleas atopada este outono en augas galegas". 

"A pesar do paso do furacán Ophelia a concentración destes xigantes do mar segue sendo moi alta. De feito, onte mesmo durante a última das xornadas de traballo de campo do noso centro a riqueza destas augas volveu sorprendernos, xa que en pouco máis de cinco horas tivemos a ocasión de avistar unha balea azul alimentándose xunto a máis de dez rorcuales comúns, dous rorcuales norteños, varios rorcuales alibrancos e un xibardo", detalla en declaracións para Galicia Confidencial.

Un exemplar de balea azul duns 25 metros de lonxitude, preto de Corrubedo
Un exemplar de balea azul duns 25 metros de lonxitude, preto de Corrubedo | Fonte: BDRI.

GALICIA, UN "RESTAURANTE DE MODA" PARA AS BALEAS

O interesante desta xornada de traballo, ademais de atoparse cinco especies de baleas na zona, foi que se logrou fotoidentificar varios exemplares, o que permitiu aos científicos recoñecer a varios "vellos coñecidos", confirmando que algúns exemplares, entre eles unha balea azul, dous comúns e un xibardo están en Galicia polo menos desde setembro.

"A pregunta que nos faciamos de por que estaban en Galicia xa queda case resolta e podemos dicir que Galicia está a converterse nun 'restaurante de moda' para estes xigantes", resalta Bruno Díaz.

A presenza desta cantidade e variedade de especies de baleas é para os biólogos, "sen dúbida, unha noticia de optimismo e de posible recuperación das especies que empezan a recolonizar zonas nas que sempre estiveron presentes", comenta o director do BDRI.

"Isto ten un valor importante, xa que estamos a falar de cinco especies de misticetos (baleas con barbas) e tres delas consideradas en perigo de extinción pola IUCN [International Union for Conservation of Nature]: a balea azul, o rorcual común e o norteño, polo que reforza a importancia das augas galegas e manda unha mensaxe positiva de posible recuperación das especies, que esperamos empecen a repoboar de novo zonas que antes visitaban regularmente", incide Díaz.

"Non cabe esquecer", prosegue, "que Galicia foi un pobo de baleeiro ata non hai moito (última factoría pechada en 1985) e que moita xente viviu grazas á industria da caza de balea, polo que é sorprendente como a xente o descoñece; moitos pregúntanme en que século ocorreu iso... e falamos de hai trinta anos. Agora, claro, os tempos cambiaron, pero hai outras formas de fruición dos recursos dun modo máis sustentable e non invasivo, como o turismo, favorecendo á súa vez a conservación e estudo destes xigantes do planeta".

60 BALEAS ENTRE FISTERRA E CÍES

Revisados os datos obtidos desde o 10 de setembro até o 31 de outubro, e tras once días de mostraxes, os científicos do BDRI contabilizaron "un total de 60 baleas entre Fisterra e as Illas Cíes, entre as cales cinco corresponden a avistamentos de balea azul (dous exemplares identificados e un visto en dúas ocasións), 40 rorcuales comúns, nove rorcuales alibrancos, dous rorcuales norteños e dous avistamentos dun xibardo", enumera Díaz.

O caso da balea azul identificada é "aínda máis interesante", subliña o director do BDRI, xa que "os responsables do catálogo internacional de baleas azuis do Atlántico Este acábannos de confirmar que este individuo foi visto en xullo nas illas Azores, polo que xa coñecemos de onde vén e en certo xeito é sorprendente, xa que en teoría se pensaba que as baleas subían ata Islandia para alimentarse, polo que nos abre un abano de preguntas por resolver", explica Díaz.

O director do BDRI explica que grazas a estes últimos avistamentos están puidendo "atar cabos e resolver algunhas das preguntas iniciais". Ademais, "a presenza continuada de varios exemplares reforza o feito de que Galicia non é unha simple zona de avituallamento, senón que estamos a falar dun verdadeiro 'restaurante', e non de comida rápida", salienta.

Cuarto avistamento dunha balea azul en augas galegas entre mediados de setembro e finais de outubro de 2017
Cuarto avistamento dunha balea azul en augas galegas entre mediados de setembro e finais de outubro de 2017 | Fonte: BDRI.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 José

Non creo que sexa para tanto. Mais ben, creo que as baleas levan estando por aqui muito tempo, por algo as ían cazar desde varios portos galegos, con factorías onde as procesaban. Sempre, máis ou menos, as pillaban a 30-60 millas. O que pasa é que, ata a chegada do BDRI, nada máis que a CEMMA, con escasos medios, se preocupaba polo tema, e algún mariñeiro con guasap.