Cidade da Cultura vs Guggenheim

O goberno de Euskadi tivo que afrontar a parte final da cruenta reconversión industrial, xa nos anos 90 do s. XX. Reconversión iniciada por Felipe González froito do peaxe pactado na negociación cos poderes de Europa (que aínda estamos a pagar por certo en Galicia), para entrar na construción común europea. Os daquela dirixentes do PNV e de Euskadi apostaron por un proxecto novo, apostaron pola cultura como un motor da súa economía. O proxecto que propuxeron á sociedade foi crear un espazo cultural referente: o Guggenhein.

Por Juan Carlos Piñeiro | Burela | 23/11/2017

Comparte esta noticia

Convén ter a referencia da forte crise social e a contestación social do momento, tamén a falla de vista de: PSOE, PP e da esquerda abertzale, que sempre estiveron en contra, incluso a ameaza do terrorismo. Máis dende o goberno do País Vasco apostaron forte e gañaron. O resultado é hoxe incuestionable,  o museo é un dos motores da forte economía de Euskadi, ademais de ser un polo de atracción é tamén unha ferramenta de proxección no mundo. Tiven a sorte de coñecer da man de Atutxa o traballo realizado para a implicación do Pobo Vasco no proxecto, esa foi a chave do seu éxito: impregnar na fachenda dos cidadáns de Euskadi un forte orgullo polo Guggenhein facendo parte do proxecto a todos os Vascos, hoxe todos presumen do seu Museo, forma parte da iconografía do País Vasco e da súa promoción como Nación.

En Galicia a Cidade da Cultura ben podía ter un papel semellante (agora que está non imos tirala). Pero é de todo imposible, de momento. A este “noso” proxecto invádelle un problema: o complexo e o apoucamento da clase dirixente galega. No canto de ensinala e potenciala, no canto de presumir como fan os Vascos do seu, aquí os gobernos agóchana, aproban gastos de forma escondida e non apostan por implicar na súa proxección ó Pobo Galego, quizais tamén porque non sabemos o que realmente é a Cidade da Cultura, parece mentira pero se preguntamos a 50 persoas polo País, seguro que só 5 saben explicar o que o Gaias contén e representa.

Hoxe é unha das moitas oportunidades perdidas do noso País, pero temos a obriga moral de darlle un pulo, temos a obriga de xustificar o alí gastado, temos a necesidade de implicar á xente do común no seu desenvolvemento. O Gaias ten que ser un referente da cultura galega un motivo de fachenda, unha ferramenta que constrúa País. Un movemento de identidade.
En definitiva o Guggenheim foi un acerto da acción política en Euskadi, que se converteu nun movemento do pobo, se fracasamos na Cidade da Cultura vai ser un fracaso de todos.
 Será que non interesa? Pode ser unha proxección no mundo, que faga de Galicia aínda máis unha Nación singular. Identidade temos, cultura temos, forza temos para poder encher sen problema catro Cidades da Cultura. Porque logo somos apoucados? non o foron os Vascos, pero claro alí gobérnanse eles a si mesmos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA