Por Galicia Confidencial | Compostela | 13/12/2017 | Actualizada ás 14:19
España non naceu cos Reis Católicos. De feito, o que se coñece como Reino de España é unha invención moderna xa que ata o século XIX, o que hoxe é o Estado español estaba dividido, aínda, en numerosos reinos e condados con personalidade xurídica propia. Deste xeito, o Reino de Galicia existiu xurídica e políticamente ata o século XIX.
Así o acaba de ditaminar o Tribunal Supremo nunha sentenza ao suliñar que Felipe II actuaba como rei de Castela e da Coroa de Aragón por separado, algo que seguiu ocorrendo despois, coa chegada dos Borbóns. A sinatura do Duque de Anjou, primeiro Borbón, nunca incluíu a palabra “España”, que tampouco figurou nunca nas rúbricas dos reis da casa de Austria nin tampouco nas dos Reis Católicos. De feito, o primeiro Borbón titulábase monarca de 24 reinos, entre eles, o de Galicia.
Por iso, ata ben entrado o XIX, coa fin da monarquía absolutista, os reinos peninsulares seguían mantendo o seu estatus xurídico-político, ante “España”, unha realidade política e territorial nova. Así, ademais de Galicia, estaban coroas con maiores ou menores doses de autonomía, como León, Navarra, Granada, Toledo, Valencia, Mallorca, Menorca, Sevilla, Córdoba, Murcia, Xaén, Canarias, Alxeciras e, tamén, os territorios de Córsega, Sardeña e as Dúas Sicilias, formado pola illa e por Nápoles.
ARAGÓN, E NON CASTELA OU ESPAÑA
O tribunal Supremo fixo ese pronunciamento ao resolver o preito que desde hai uns anos manteñen os descendentes do marqués de Oroya, un título nobiliario establecido polo propio Felipe II en Sicilia, unha illa do Mediterráneo que se integrou na Coroa de Aragón pouco despois de que Pedro III fose coroado en Palermo en 1282 e tras separarse de Nápoles.
Segundo a sentenza, o marquesado de Oroya é “un título pertencente ao Reino de Sicilia, que naquela época pertencía á Coroa de Aragón” e polo tanto non a España. De feito, o TS aplica en pleno século XXI un precepto da Compilación dos Foros de Huesca, promulgados por Jaime I O Conquistador en 1247, para decidir quen ten dereito a titularse marqués de Oroya. “Aos títulos nobiliarios concedidos pola Coroa de Aragón non lles é de aplicación a lexislación castelá”, resolve a sentenza publicada por Público, aínda que neste caso o marquesado desaparecese a finais do século XVI, cos Austrias, e fóra recuperado en 1984, coa Constitución xa aprobada.
Non é a primeira vez que o Tribunal Supremo alude a suposta “multipluralidade” da Peninsula Ibérica. Noutro preito similar ao do marquesado de Oroya dirimido en 2015, o referente á baronía turolense de Pobedilla, o tribunal deixou claro que o reino de Castela e a Coroa de Aragón seguían sendo entidades autónomas mesmo tras a chegada dos Borbóns coa vitoria de Felipe V na Guerra de Sucesión.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.