Temas: VIVENDA CRISE

Galicia, un dos lugares onde máis crece o prezo da vivenda a pesar da crise

Mercar un piso ou unha casa subiu un 10% no último trimestre de 2017. Unha suba que quintuplica a do estado, que foi un 2%. O prezo medio do metro cadrado sitúase en 1.106 euros.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 09/01/2018 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

O prezo da vivenda en Galicia creceu un 10% no cuarto trimestre de 2017 con respecto ao mesmo período no ano anterior. Unha suba que quintuplica a do estado, que foi dun 2%. O prezo medio do metro cadrado sitúase en 1.106 euros. Tamén creceu o número de transaccións de compravenda durante o trimestre anterior, que foi de 4.088, un 12% máis que no mesmo período de 2016. Estes son algúns dos datos quedo Informe de Vivenda de Gesvalt.

Por provincias, á cabeza atópase Pontevedra, cun prezo medio de 1.242 euros por metro cadrado e un crecemento interanual de 18,9%. Séguelle A Coruña, 1.114 euros/m2 (11,6%). Pola contra, o prezo do metro cadrado está máis baixo en Lugo, 884 euros/m2 (6,1%) e Ourense, 995 euros/m2 (1,1%).

No resto de comunidades, o prezo da vivenda incrementouse por encima do 5% interanual en Madrid (7%), Andalucía (6%), Cataluña (8%), Murcia (9%) e Castela León (10%). Pola contra, este experimentou lixeiras caídas en Cantabria (-5%) e Rioxa (-2%).  Só en Aragón (0%), Baleares (-1%) e País Vasco (-1%) mantívose practicamente estable.

ALUGUEIROS

O aluguer, pola súa banda, mantense á alza, alcanzando un incremento medio dun 10% en España con respecto ao ano anterior. En liñas xerais, as cotas mensuais son moi superiores con respecto a anos anteriores. No caso concreto de Galicia, o aluguer máis elevado rexístrase en Pontevedra (7,07 euros/m2), seguido de Coruña (5,63 euros/m2). Os arrendamentos máis alcanzables atópanse en Ourense (4,95 euros/m2) e Lugo (5 euros/m2).

SEGUNDA MAN

Uns datos que corrobora tamén o informe anual de prezos de venda de www.pisos.com. Segundo este estudo, a vivenda de segunda man en Galicia en decembro de 2017 tivo un prezo medio de 1.586 euros por metro cadrado. Esta cifra rexistrou un ascenso da 0,13% fronte ao mes de novembro. Interanualmente, produciuse unha suba do 5,95%, a terceira máis marcada do estado. Semestralmente, creceu un 5,66%. Tratouse da segunda subida nacional máis pronunciada. Trimestralmente, repuntou un 0,70%.

Así, Galicia tería sido a sétima autonomía máis cara de España, por detrás do País Vasco (2.599 euros/m²), entre outras. En canto á vivenda de segunda man en España, en decembro de 2017 rexistrou un prezo medio de 1.571 euros por metro cadrado.

Vivendas en Santiago de Compostela
Vivendas en Santiago de Compostela

Temas: VIVENDA CRISE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta