Aumentan os traballadores pobres en Galicia

Un informe da CiG cifra nun 11% a perda de poder adquisitivo dos asalariados galegos nos últimos sete anos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/01/2018 | Actualizada ás 14:36

Comparte esta noticia

Un incremento de traballadores pobres, que non conseguen satisfacer as súas necesidades a pesar de ter emprego, e as dificultades dos mozos para alcanzar un salario digno en Galicia son as principais conclusións dun estudo sobre os ingresos dos galegos presentado este mércores pola CIG.

A CIG presenta un informe sobre os ingresos dos galegos
A CIG presenta un informe sobre os ingresos dos galegos | Fonte: Europa Press

"Estase asentado a figura do traballador pobre en Galicia", denunciou o secretario de Servizos e Afiliación do sindicato nacionalista, Renato Núñez, que acompañou a Nati López na presentación do documento que usa como base os datos da Axencia Tributaria correspondentes a 2016 sobre as declaracións anuais de retencións e ingresos a conta sobre rendementos do traballo.

Na súa intervención, a autora do estudo explicou que en 2016 declararon ingresos a Facenda un total de 1.784.611 persoas en Galicia. Os máis elevados percibíronos aquelas persoas que combinan salarios procedentes do traballo con algún tipo de pensión, condición que tiveron 76.740 persoas, cunha retribución media de 26.354 euros anuais.

No lado oposto o documento sitúa en 67.194 as persoas que só percibiron fondos procedentes dalgunha prestación por desemprego, xa que os seus ingresos medios anuais alcanzaron os 4.135 euros como máximo.

SITUACIÓN QUE EMPEORA

A CIG describiu un empeoramento da situación de todos os colectivos desde 2009, exercicio desde o que só resisten os pensionistas, que rexistran un incremento dos ingresos medios debido ao tipo de prestacións que reciben as persoas que se incorporaron a este sistema durante este período.

"É certo que a este colectivo non se lle reduciron as retribucións (os incrementos foron mínimos), en termos correntes; feito que non ocorreu coas persoas asalariadas, que tanto no sector público como no privado viron reducidos os soldos", sinala o sindicato.

Así, Nati López precisou que, no caso dos asalariados, a redución dos fondos que cobran é dun 1,6%; e a dos desempregados dun 18%. "Se temos en conta o incremento da inflación neste período, que foi dun 10,2%, queda máis que patente a grave perda de poder adquisitivo da clase traballadora desde o inicio da crise até a actualidade", indicou.

Entre outras cuestións, o sindicato nacionalista atribúe esta redución dos ingresos que reciben as persoas que non teñen emprego ao feito de que cada vez sexa maior o número de desempregados que percibe o subsidio (de contía inferior) ao dos que perciben a prestación contributiva.

"Para os que só percibiron ingresos procedentes do desemprego no ano 2016, estes apenas superaron os 4.000 euros anuais de media", aclara a CIG.

PERSOAS ASALARIADAS

O texto presentado este mércores sinala que, de media, a poboación asalariada tivo uns ingresos medios brutos anuais de 18.114 euros, uns 1,5% superiores aos de 2015 pero aínda uns 0,5% inferiores aos de 2009. "Se temos en conta o incremento dos prezos neste período, a perda de poder adquisitivo dos traballadores galegos supera o 11% en sete anos", indicou Nati López.

Ademais, o documento tamén advirte "fortes diferenzas e grandes desigualdades" entre a poboación asalariada por tramos de ingresos en relación ao salario mínimo interprofesional (SMI). "En 2009 había un 14,5% de persoas asalariadas con ingresos inferiores á metade do SMI. A finais de 2016 son un 18,09% as que ven nesta situación, e o que é máis grave, con ingresos inferiores", apunta.

Deste xeito, sinala que antes do inicio da crise este colectivo de poboación tivo uns ingresos anuais de 1.947 euros. E en 2016, os ingresos deste grupo foron de 1.862 euros anuais, un 4,3% menos, polo que resulta o único colectivo con menos ingresos que no ano 2009.

O informe elaborado pola CIG sitúa no lado oposto da táboa os asalariados con soldos superiores a 10 veces o SMI. Segundo indica, este colectivo reduciuse neste período pero os seus ingresos anuais aumentaron un 31,6%. "De feito, é o tramo de salario onde máis crece o ingreso medio", explica.

OS MOZOS, OS SALARIOS MÁIS BAIXOS

O estudo realizado por Nati López tamén sitúa os mozos como a poboación que percibe os salarios máis baixos. Así, describe que, de media, unha persona menor de 18 anos apenas alcanzou os 1.610 euros anuais de ingresos brutos en 2016. Para idades comprendidas entre os 18 e os 25 anos, os ingresos anuais foron, como máximo, de 6.311 euros brutos ao ano.

"Estamos a falar de ingresos moi pequenos, inferiores en todo caso ao SMI, que para este ano estaba establecido en 9.172 euros anuais; é dicir, até os 26 anos, de media, non se chega ao salario mínimo interprofesional", denunciaron.

AUMENTO DO SALARIO MÍNIMO

Para reverter estes datos e mellorar a situación dos traballadores galegos, a CIG considerou "fundamental" o incremento do salario mínimo interprofesional até os 857 euros, como "considera a UE", e cargou contra os sindicatos estatais por apoiar o acordo coa patronal e o Goberno estatal que non contempla esta suba até o ano 2020 e queda condicionada ao crecemento da economía.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 13 comentarios

2 Anti...

É verdade, pra traballar arreo xa están os da UXT e a ccoo e rajoy e compaña.

1 Lavádevos

Non quero ofender a moitos amigos que están neses dous sindicatos; pero é que levan metido man arreo nos cartos dos demais e inda hai quen non lles toca nin as barbas. Algunha vez ten a CIG estafado coma eses dous? Cantos cartos ROUBOU o sindicalista de Bankia, cantos millóns estafaron co das vivendas? Asaltos a sés sindicais dos outros, o caso de Asturias, soldos tremendos, comercio de influencias...Pero claro, son os sindicatos do SISTEMA e hai que apoialos.

1 Danilov

O colectivo que sen duda non ten problemas é o dos liberados sindicales da CIG

1 Dalle que libras

Tes toda a razón. A maioría non traballaron NUNCA en empresa NINGUHA

2 Confluíndo

Digocho eu comentando desde a mina que ten guifi