Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 22/01/2018 | Actualizada ás 13:40
Baixo o lema “Pola recuperación dos nosos dereitos”, a CIG-Ensino acaba de lanzar unha campaña de recollida de sinaturas por todo o país co obxectivo de reclamar a restitución dos dereitos laborais e salariais perdidos nos últimos anos e de reivindicar unha mellora nas condicións de traballo do profesorado galego.
Ao longo deste segundo trimestre, delegados da central nacionalista visitarán todos os centros educativos galegos para celebrar asembleas informativas e achegarlle ao profesorado os pregos de sinaturas que posteriormente lle serán entregados ao conselleiro de Educación e Cultura. A campaña, que tamén se pode apoiar dixitalmente a través da web do sindicato www.cig-ensino.gal, supón unha continuidade ao traballo realizado desde o inicio dos recortes, tanto en materia laboral como na loita contra a LOMCE.
Aínda que de momento non hai previsto ningún calendario de mobilizacións, desde a CIG non descartan "nada", nin sequera unha folga, dado que existe "un malestar enorme" entre o profesorado "coas súas condicións de traballo".
A central sindical lembra que, malia as proclamas de recuperación económica, o colectivo docente non recuperou ningún dos dereitos que lles foron recortados nos últimos oito anos: baixada dos salarios nun 10% e perda do poder adquisitivo nun 23%, descontos por enfermar, aumento da xornada lectiva e das rateos de alumnado por aula ou recortes na atención á diversidade.
Entre as principais reclamacións está a creación dun Estatuto da Función Pública Docente, que para a CIG debe responder a unha negociación real sobre as condicións laborais nas que desenvolve o seu traballo o persoal docente galego.
O secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, referiuse á necesidade de recuperar a contía integra do soldo e das pagas extras que percibe este colectivo e cifrou en 55.000 euros a perda de poder adquisitivo acumulada desde 2010, no caso dunha persoa pertencente ao corpo de Secundaria cunha antigüidade de 30 anos de servizo.
Tamén clamou contra os descontos que penalizan a enfermidade e o aumento das tarefas burocráticas nos centros que fan que o profesorado non se poida centrar no realmente importante que é o traballo nas clases.
Neste sentido, Bermello insistiu en que “a garantía da calidade educativa vén da man dunha redución de rateos nas aulas, que permita atender correctamente o alumnado, a volta ás xornadas lectivas de 18 e 21 horas en secundaria e primaria respectivamente, así como ofertas amplas de emprego que non esquezan a necesidade de estabilidade do persoal interino e que permitan cubrir as necesidades dos centros".
Bermello fixo especial fincapé nas carencias existentes na atención á diversidade e ás necesidades específicas de apoio educativo. Neste sentido, lembrou que a CIG-Ensino vén de reclamar que a Consellería oferte 256 prazas de Pedagoxía Terapéutica e de Audición e Linguaxe a maiores das que saen este ano no Concurso de Traslados de Primaria para conseguir este obxectivo.
Afondando en cuestións de actualidade, indicou que hai máis de 1.200 docentes funcionarios que están á espera de obter o seu primeiro destino definitivo —-algúns levan máis de 10 anos en expectativa—, e que a proposta da CIG-Ensino vai na liña de diminuír esta temporalidade até máximo os dous anos posteriores a aprobar a oposición.
Por último, tamén se referiu á LOMCE, “unha lei máis propia do fraquismo que dun país democrático” que desvaloriza o traballo do profesorado e que quere impedir a xestión democrática dos centros educativos. Neste sentido, recalcou a necesidade de que se paralice a súa aplicación e que Galicia poida exercer as súas competencias para levar a cabo unha Lei Galega de Educación na que, entre outras cuestións, se protexa e impulse o uso do galego como lingua vehicular no ensino.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.