C.S.I.

Dun tempo a esta parte proliferan as series de televisión nas que se relata como, as policías de Miami, As Vegas ou New York, resolven os casos que se lle presentan usando métodos científicos.

Por José Freire | Pontevedra | 17/01/2011

Comparte esta noticia

 É certo que resaltan, dun xeito esaxerado e lonxe da nosa realidade, os métodos dunha das funcións primordiais da policía como é a súa actividade probatoria, que estivo presente en tódalas comunidades sociais dende os pobos primitivos, aínda que sen as mesmas formalidades ou garantías legais.

 
Así podemos subliñar a confesión, a testemuña ou o xuramento da civilización exipcia, caldea, xudeu ou grega; as chamadas probas vulgares da Idade Media, baseadas na crenza de que Deus había de obrar un milagre para deixar claro a inocencia do acusado, empregando medios tales como o ferro candente, brazos en cruz, auga quente e auga fría; a práctica da inspección ocular a partires do ano 1643; ou a propia inspección ocular, a confesión dos acusados, as testemuñas fidedignas, o xuízo pericial, os documentos fehacientes ou os indicios graves e concluíntes a partires da Lei de 18 de xuño de 1870 promulgada en España, que dispón que os xuíces e tribunais aplicarán as penas sinaladas no Código Penal cando resultase probada a delincuencia por calquera destes medios.
 
Na actualidade esta función probatoria venlle dada as unidades de Policía Científica nos seus respectivos ámbitos territoriais, practicando a inspección ocular no lugar dos feitos; a recollida de efectos, documentos, armas e instrumentos para o seu estudo e posta a disposición xudicial; a identificación do imputado e das  pegadas que pode deixar no lugar do crime; o estudo e tratamento das mostras, dos elementos balísticos, efectos ou documentos, rexistros fónicos ou fotográficos; e a elaboración dos informes documentais e periciais sobre estas materias. Todo elo deberá ser remitido aos tribunais de xustiza, ante quen o defenderá no acto da vista oral.
 
Nin que dicir ten que a obtención destas probas, a forma, o método e o procedemento deben estar suxeitos ao principio de legalidade e de proporcionalidade, ao control xudicial e a unha cualificación técnica do funcionario.
 
Polo tanto, toda actividade da Policía Científica está encamiñada a fundamentar científica e tecnicamente a obxectividade da actividade probatoria, co fin de axudar a formala convición xudicial.
 
Velaí o importante papel que ten a Policía Científica no desenrolo das súas funcións, o que obriga a tódolos seus integrantes a facer un esforzo no seu perfeccionamento profesional e na mellora dos seus métodos de traballo.
 
Non sabemos cal vai selo futuro da Policía Científica, aínda que moito me temo que será moi complexo. Condicionantes sociolóxicos, estruturais, tecnolóxicos, políticos ou económicos, van condicionala súa evolución.
 
Unha sociedade avanzada que queira vivir nuns parámetros axeitados de seguridade ten que apostar por asignar máis recursos humanos para estas unidades; potenciala política formativa; modernizalos sistemas tecnolóxicos; incrementalos medios de automoción cos recursos técnicos incorporados aos mesmos; locais axeitados ou descentralizar funcións para acercar aos administrados a resposta e evitar desfases temporais.
 
Na mente de todos están os grandes servizos que estas Unidades prestan á sociedade, ben como garantes da seguridade e liberdade dos cidadás, ben como servizo público en accidentes, identificación de cadáveres ou nas catástrofes.
 
Os seus membros non saen nas series como os de Maiami, As Vegas ou New York. Dende o seu anonimato, hoxe en día, son imprescindibles.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
José Freire Funcionario do Corpo Nacional de Policía dende septembro de 1976, entón Policía Armada. Estivo destinado en Pamplona, Bilbao e na actualidade en Pontevedra. En 1981 formou parte da 1ª Xestora do Comité Local de Pontevedra do Sindicato Unificado de Policía na clandestinidade, ata a súa legalización no ano 1986. Desenvolveu os cargos de Secretario Local e Provincial de Pontevedra, de Organización do Comité Federal de Galicia, e dende o ano 2002 Secretario Xeral do S.U.P. en Galicia.