Coordinación policial

A Constitución Española, no seu artigo 103, o Tribunal Constitucional en sentencia de 28 de abril de 1983 ou a Lei Orgánica de Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, refírense en numerosas ocasións á necesidade de coordinalas actuacións das distintas policías para ser máis eficaces, aínda que, despois de tantos anos, ningún goberno foi capaz de conseguir unha coordinación razoable, nin tan sequera entre os dous corpos de ámbito estatal, o Corpo Nacional de Policía e a Garda Civil.

Por José Freire | Pontevedra | 02/05/2012

Comparte esta noticia

É precisamente pola coordinación entre os dous Corpos de Seguridade do Estado por onde hai que empezalo edificio do sistema público  de seguridade en España, porque a situación actual é tan precaria que non reúne uns mínimos requisitos exixibles de eficacia no cumprimento dos seus obxectivos de garantilos dereitos, liberdades e a seguridade dos cidadás.

Mal pode o Goberno Central exixir aos gobernos de Comunidades Autónomas ou concellos unhas determinadas pautas de actuación de cara ás súas policías, cando non é quen de implantalos entre a Policía e a Garda Civil, dous corpos cuxos mandos se veñen enfrontando, no que atinxe as competencias, dende o seu nacemento coma policías estais, fai uns 170 anos, sendo evidente que trocan os Gobernos, os mandos, a sociedade, os mandados, máis non troca a competencia, non sempre leal, entre os membros dun e outro corpo.

Así podemos ver como a inmensa maioría das unidades da Policía e a Garda Civil están duplicadas, traballan en aberta competencia, xerando un custo excesivo ao sistema, descoordinación e ineficacia.

Os servizos de información, servizos especializados de policía científica, unidades especiais como GEO, Subsuelo, Guías Caninos
Tedax, Antidisturbios, etc., todos, os españois, os pagan dúas veces.

E non cabe dúbida que esta falta de coordinación, de todos con todos, repercute negativamente no servizo público que deben prestar e por ilo os cidadás pagan un tributo en forma de criminalidade e dun  maior custo económico, que podería reducirse considerablemente.

En España hai que coordinar, ademais de a estes dous Corpos, a catro Corpos de Policías autonómicas en Cataluña, País Vasco,  Navarra e Canarias. Hai que coordinar a uns dous mil corpos, aproximadamente, de Policías locais dependentes doutros tantos concellos. Hai que coordinar catro Unidades Adscritas a CC.AA., Galicia, Andalucía, Valencia e Aragón. O Servizo de Vixilancia Aduaneira, que se foi especializando na loita contra o narcotráfico compite, nas costas e portos españois, co servizo fiscal da Garda Civil.

Conseguir, nestes intres, un nivel de coordinación razoable, que nos permita traballar a todos co interese común de mellorala calidade de vida, o exercicio das liberdades e dereitos, e a seguridade dos cidadás, debería ser motivo dun amplo acordo de tódolos partidos políticos e institucións. Máis este consenso non se atisba nun horizonte inmediato.

Ao mellor será necesario un maior deterioro da seguridade e un maior custo, para que se tomen as medidas necesarias para conformar un sistema público de seguridade máis coordinado, eficaz e barato que o que temos na actualidade.

E que mellor que este tempo de crise económica para facelo. A ver quen ten o que hai que ter para poñerlle o cascabel ao gato. É unha materia pendente da democracia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
José Freire Funcionario do Corpo Nacional de Policía dende septembro de 1976, entón Policía Armada. Estivo destinado en Pamplona, Bilbao e na actualidade en Pontevedra. En 1981 formou parte da 1ª Xestora do Comité Local de Pontevedra do Sindicato Unificado de Policía na clandestinidade, ata a súa legalización no ano 1986. Desenvolveu os cargos de Secretario Local e Provincial de Pontevedra, de Organización do Comité Federal de Galicia, e dende o ano 2002 Secretario Xeral do S.U.P. en Galicia.