Os cafés de Wallander

O escritor sueco Henning Mankell creou co personaxe do Inspector Kurt Wallander unha figura fascinante que foi interpretada por Kenneth Branagh nunha serie da BBC. Para algúns lectores, a vida persoal do excepcional policía é o aspecto máis interesante da serie de novelas que protagoniza.

Por Ramón Torrado | | 07/02/2018

Comparte esta noticia
Un detalle que non deixa de chamar a atención é o número de veces nas cales Wallander toma café durante as súas investigacións de crimes horrendos. Son unhas vinte e cinco ocasións de media. O policía  chega a dicir que é imposible traballar sen o estímulo dunha cunca de café, e aos lectores gústalles comprobar como ó parecer é unha cortesía sueca ofrecer un café ao visitante xa case ó cruzar a porta. Trátase de buscar, especialmente entre os rigores do inverno, algo de calor humano e de felicidade, como nas reunións de fika e nos pequenos detalles, de forma semellante ao que sucede cos beneficios dos costumes nórdicos que se describen no luminoso libro “Hygge” escrito polo autor danés Meik Wiking.
 
En relación co tema da famosa infusión, a Wikipedia proporciona datos do ano 2014 segundo os cales quen produce máis café no mundo son, do un ao dez, os seguintes países: Brasil, Vietnam, Colombia, Indonesia, Etiopía, India, Honduras, Guatemala, Perú e Uganda. É dicir, que a exportación de café axuda aos que en varios casos son algúns dos estados máis sufridos e necesitados do planeta. De feito, a desafortunada nación de Etiopía é o berce histórico deste cultivo. 
 
Por outra banda, a mesma fonte de información explica que, aínda que non existan informes científicos concluíntes ó respecto, é posible que o consumo moderado de café mellore nalgúns aspectos a saúde do corazón e do cerebro, e que axude a combater doenzas como o cáncer ou a diabetes do tipo 2. 
 
Outra demostración de que o do café non é un asunto nimio é o feito de que con toda probabilidade é un salvador de vidas. Pode salvar vidas cando mantén espertos a condutores de camións, autobuses e turismos nas estradas, ou cando sostén aguda a mente de cirurxiáns, doutores e enfermeiros. Axuda a combater o desánimo a profesionais de alto custo psicolóxico, como poden ser os ensinantes. E que dicir da forza que o descanso chamado “coffee break”  engade a calquera persoa que desenvolva un traballo repetitivo ou alienante.
 
Un dos males do século actual é o problema da memoria, en relación ás veces coa nostalxia, coa Historia, ou co deterioro das facultades cognitivas. O café, ó igual que o té, ten curiosas conexións nestes campos, como por exemplo a frase “café para todos” referida á descentralización en España. Resulta curioso que no pasado ano 2017, durante a actuación en Compostela do grupo Miss Cafeína, o cantante Alberto Jiménez tivera un lapsus. Os seus compañeiros sorriron amablemente e el reaccionou con humor: “hago todo perfecto en un local delante de 300 personas y justo la cago delante de miles”.
 
Volvendo ao querido Kurt Wallander, resulta reconfortante para os lectores ver o consolo que lle brinda o café a un home tan atribulado polos seus problemas familiares e amorosos. Por fortuna, o inspector dispón de fontes sorprendentemente poderosas de varias virtudes: perseveranza, intelixencia e valentía especialmente. Wallander hipnotiza cando emprega á súa intuición, e sempre acaba resolvendo os enigmas en cada novela. Entrevista a un número elevado de persoas sen renderse, e busca en detalles minúsculos e nos lugares máis recónditos as claves do misterio. 
 
O creador deste novo membro do club dos máis selectos investigadores, Henning Mankell, estivo en Compostela para recibir un premio do alumnado do Instituto Rosalía de Castro e era, como o propio Wallander, unha persoa brillante e comprometida. Tristemente, o lúcido escritor que nacera en Estocolmo en 1948, faleceu en Gotemburgo en 2015.
 
Queda o pouso, como na serie de novelas do inspector da policía de Ystad, dos cafés tomados ó longo da vida. Aínda existe en Compostela a literaria cafetería Derby, onde é posible que algún día tomaran un café xuntos Castelao, Otero Pedrayo, Vicente Risco e Rafael Dieste, conxurando con palabras os seus desexos de ser, como así aconteceu, favorecidos polas musas.
 
Por último, cabe referirse a outro dos males do século actual: a soidade. Non é difícil ver como, xuntándose a outros motivos como por exemplo o movemento ás cidades e ás vilas, as novas tecnoloxías con frecuencia deixan illadas ás persoas. O café aínda pode reunir aos individuos cara a cara, nun entorno familiar ou arredor da mesa dunha cafetería. Chega o momento de facer, coas mellores intencións, unha pregunta arriscada: dado que case desapareceron usos tan emocionantes como o baile agarrado e dado que predominan a desconfianza e o medo, sería boa idea a existencia dunha sorte de contrasinal para relacionarse? Trataríase dun breve intercambio entre descoñecidos no cal un home ou unha muller preguntaría: “desculpa: podo convidarte a tomar un café?” A resposta sería “si, grazas” ou “non, grazas”, sen necesidade algunha de dar máis explicacións. Non se insistiría. Desta maneira, é posible que os seres máis tímidos e solitarios coñeceran a felicidade de contar sinceramente para alguén, de ter unha nova amizade ou un novo amor. O sinxelo acto de tomar un café xuntos pode tamén servir, en cuestión de minutos, para evitar sufrir durante anos por alguén que en realidade non é compatible, pero que é adorado nunha idealización. O café pode levar, polo tanto, á verdade.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Ramón torrado Ramón Torrado Romero (Araño-Rianxo, 1966). Educado en Galicia, no País Vasco e nos Estados Unidos. Licenciado en Filoloxía Inglesa na USC, é profesor de instituto. Investigador rosaliano. Colaborador en Certo, xornal dixital de Barbanza. Ten escritas catro novelas, un libro de relatos e outro de viaxes. Estas obras están todas inéditas.