Prosegue o paro indefinido na Xustiza e a Xunta dá un ultimato aos folguistas

Os sindicatos consideran que a nova proposta do Goberno "segue moi por baixo" do que reclaman para "acabar coa discriminación" respecto dos funcionarios do resto do Estado. A Xunta di que é a súa última oferta.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/02/2018 | Actualizada ás 14:10

Comparte esta noticia

A folga indefinida na Xustiza galega seguirá ao finalizar sen acordo unha nova reunión entre a parte sindical e a Xunta, cuxos representantes na negociación, os directores xerais de Xustiza, Juan José Martín, e Función Pública, José María Barreiro, constataron que as posturas están "moi distanciadas" e advertiron que a nova oferta económica que este luns puxeron sobre a mesa "é a última".

Foto Folga Xustiza Para Susana
Foto Folga Xustiza Para Susana | Fonte: Europa Press

En concreto, e unha vez finalizado o encontro na Escola Galega de Administración Pública, a nova oferta económica da Xunta sobe a anterior "nunha media dun 20 por cento" —tería leves variacións segundo o corpo—. "Subimos por cuarta e última vez", aseverou.

É dicir, se na última proposta o Goberno galego expuña un incremento do complemento autonómico transitorio de entre 660 e 900 euros ao ano —en función do corpo de empregados públicos de xustiza (auxilios, xestores e tramitadores)—, aplicable en tres anos, a aprtir de 2019, este luns puxo sobre a mesa unha suba de entre 816 e 1.080 euros ao ano. A aplicación sería o 50 por cento en 2019 e a outra metade, en 2020, no canto de en tres anualidades.

"A isto é importante sinalar que se aumentaría o IPC galego", remarcou o director xeral, quen explicou que a contraoferta que expoñen os sindicatos segue "fóra da realidade". "Pídennos unha suba liñal que, fronte aos 270 euros de antes, suporía un aumento de 225 euros ao mes, o que significaría 2.700 euros ao ano. Isto en tres anos (e desde 2018). É unha petición que está fóra da realidade", asegurou Martín.

"NON HAI MULLERES NO COMITÉ DE FOLGA"

O alto cargo, remarcou que nin os cidadáns galegos nin o resto de traballadores da función pública entenderían unha suba deste calado, que Barreiro, pola súa banda, tachou de "esaxerada e desproporcionada". "Parecen querer seguir coa folga, cos prexuízos que se causa á cidadanía", afeou o responsable de Función Pública.

Barreiro reprobou, ademais, que o comité de folga —no que están representados os sete sindicatos do sector— rexeite outras "melloras", como "o aumento de prazos", reforzar os xulgados de violencia machista ou as "melloras no permiso de paternidade ou maternidade", segundo a súa versión. De feito, fixo fincapé en que no comité de folga "só hai homes".

"PIDEN UNHA SUBA DE MÁIS DO 13%"

O responsable de Función Pública advertiu que os sindicatos "piden estar por enriba de todas as comunidades agás o País Vasco", o que interpretou como "simplemente non querer negociar".

En fronte, defendeu que a proposta da Administración "os situaría, en función do corpo, entre os quintos e os sétimos" da táboa salarial das comunidades autónomas. "É unha proposta aceptable e xenerosa. Noutras cuestións quedamos en falar, pero na cuestión retributiva esta é a última oferta da Administración", sentenciou.

"Se a súa estratexia é expor 225 euros ao mes no canto de 270 para ver se a Administración volve subir, deben saber que subimos por cuarta e última vez", insistiu Martín, quen concretou que acceder á petición dos sindicatos suporía outorgarlles unha suba global sobre os seus emolumentos "dun 13,30 por cento".

A Xunta ofrece "case un 4 por cento", ao que habería que sumar as subas salariais que se están negociando en Madrid e que podería situar o incremento total nos seus salarios en torno "a un 8 ou un 9 por cento".

APLICAR O ACORDO EN 2018, "NON É POSIBLE"

En canto á posibilidade de que o Goberno galego ceda e aplique parte da suba xa en 2018, unha cuestión que os sindicatos cualificaron de "irrenunciable" este luns, o director xeral de Función Pública reafirmouse en que "non é posible".

Argumentou que o impide "a normativa básica do Estado" e un acordo retributivo desta índole contraviría a Lei de Orzamentos Xerais do Estado.

"QUE LEVANTEN A FOLGA"

Antes de que concluíse o encontro, nun acto en Pontedeume, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, celebrou que os sindicatos "volvesen sentar a negociar" e incidiu en que a "vontade" do Executivo autonómico é desbloquear o conflito. "Vontade, toda a do mundo", proclamou o número dous do Goberno galego.

Aínda que os sindicatos avanzaron que non levantarán a folga, Rueda fixo un chamamento a que a suspendesen mentres se continúa negociando e advertiu que "non é bo para ninguén" que non se celebren xuízos ou que se paralicen trámites xurídicos. Así mesmo, o dirixente galego enxalzou a nova oferta económica, "mellorada cun 20 por cento máis".

"Os funcionarios xudiciais en Galicia estarían por enriba da media do resto de comunidades, e non só das que teñen as competencias transferidas senón tamén nas outras", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta