Que ocultan as 130.000 toneladas de asfalto contaminado que ameazan Cabanas?

En 2009 centos de toneladas de resíduos arrincados de estradas e autoestradas dos Países Baixos chegaron a Galicia. Era un asfalto sen tratar que, tras numerosas denuncias, a xustiza acabou declarando que era contaminante. O empresario que se quixo lucrar con este material foi condenado a seis meses –non entrou na cadea-- e a 3.000 euros. Hoxe, no lugar de Vilar do Colo, perto do polígono industrial, continúan máis de 130.000 toneladas deste material. Esta é a longa historia doutro –un máis-- delito ambiental.

Por Moncho Mariño | Santiago | 05/03/2018 | Actualizada ás 14:15

Comparte esta noticia

O pasado día 20 de febreiro, Galicia Confidencial informaba sobre a pregunta que a eurodeputada Lidia Senra formularía, por segunda vez, sobre os restos asfálticos depositados no concello de Cabanas, concretamente no lugar de Vilar do Colo, perto do polígono industrial. A cantidade acumulada é de máis de 130.000 toneladas de material arrincado de estradas e autoestradas en Países Baixos. O risco está na composición quimica do alcatrán usado para este asfalto. Ditos compostos químicos poden ser arrastradas polas augas pluviais cara o río Baa e cara o mar, ademais dos terreos colindantes. A lexislación do país de orixe prohíbe o emprego deste tipo de asfalto precisamente polo seu dano medioambiental. En 2009 descargáronse no porto de exterior de Ferrol case 800 mil toneladas deste material asfáltico. 

Foto dos depósitos de asfálticos en Vilar do Colo, Cabanas Asfálticos depositados en Cabanas
Foto dos depósitos de asfálticos en Vilar do Colo, Cabanas Asfálticos depositados en Cabanas | Fonte: veciños de Cabanas

As alarmas saltaron en 2009, cando unha cantidade importante de transportes marítimos, trinta e cinco en total, foron descargando material teoricamente reciclado e con selo CE, Conformidade Europea (Conformité Européenne), que establece unhas condicións mínimas legais e técnicas en materia de seguridade dentro da Unión Europea. A cuestión é que de súpeto, perto de 800 mil toneladas de asfálticos (712.957 toneladas) aparecen primeiro no Porto exterior de Ferrol e logo, unha parte importante, sobre as 500 mil toneladas, son comercializadas en obras privadas e públicas. Descoñécense os destinos aos que foron parar. A denominación coa que se comercializou a suposta materia reciclada foi ARA (aglomerado reciclado asflático). No caso desta partida de material a empresa que colocou o CE foi Eerland Certification.

A cousa é que 500 mil toneladas de grava con alcatrán a 1€ cada unha, non pasan desapercibidas no mercado. Actualmente, segundo fontes do sector consultadas por Galicia Confidencial, o prezo por tonelada en áridos está entre os 5 e 7€. Cunha diferenza entre os catro e seis euros rebéntase o mercado e a competencia é insoportable para as empresas extractivas galegas. O resultado foi que en moi pouco tempo, un ou dous anos, colocouse no mercado un material que retirou de moitas obras ao extraído directamente en Galicia. A todo isto hai que sumarlle a almacenaxe ou depósito de todo o xénero importado, punto este que tampouco pasou caladiño, pois amorear todas as toneladas importadas non é cousa fácil. Por tanto, hai algo que non cadra, por tanto alguén non está xogando segundo as normas.

AS ORIXES

O goberno neerlandés decidiu no seu día retirar do chan das súas estradas o pavimento que fora elaborado con grixo e alcatrán. A razón, as substancias químicas derivadas do petróleo e da conversión deste en aglutinante do árido para crear o firme. Segundo a lexislación dos Países Baixos o asfalto extraído hai que moelo, logo hai unha análise de metais pesados que se sobordan uns límites establecidos, deben ser eliminados mediante a cremación nun forno cunha temperatura de 800 graos. Isto serve para eliminar o alcatrán ou betume. Xa limpo e descontaminado, o grixo que queda pode empregarse na construción.

Asfálticos depositados en Cabanas
Asfálticos depositados en Cabanas | Fonte: veciños de Cabanas

En España existen unha serie de normas que establecen as medidas a pór en marcha no caso de reciclar asfalto bituminoso. En concordancia coas normativas europeas, as operacións de reciclaxe divídense en tres categorías de operacións, reciclado in situ con emulsión de capas bituminosas, reciclado in situ con cemento en capas de firme ou reciclado en central en quente de capas bituminosas. As condicións veñen especificadas na ORDEN CIRCULAR 8/2001 SOBRE RECICLADO DE FIRMES. Pero a onde terían que ir estes restos? O máis probable é que acaben en fornos de cementeiras para a eliminación do betume ou alcatrán. E aínda así, non todo o material reciclado se pode volver usar.

Os traballos de retirado dos firmes en Países Baixos fíxoos Bentum Recycling Centrale. Os refugallos sen calcinar ou queimar, sen pasar polo forno para eliminar restos de aglutinantes (alcatrán), foron depositados no porto de Rotterdam. Desde alí, a mercantil Holding Transmediterráneo de Construcciones SL (HTC) articulou o transporte cara ó porto exterior de Ferrol. A comercialización do material correspondeu ás empresas Manmer SL e Rías Altas Obra Civil y Promoción SL. Parte da almacenaxe foi parar a Vilar do Colo, parroquia de Laraxe, concello de Cabanas. Neste lugar existe un polígono industrial no que depositaron 4.500 metros cúbicos do material traído de Rotterdam. Isto fíxose sobre terreo pavimentado. Pero fóra dos límites do polígono, sobre chan sen pavimentar e sen sistema de recollida de augas, máis de 130.000 toneladas de refugallo foron amoreadas sen control ningún.

COMEZAN AS DENUNCIAS

O ir e vir de camións cara os terreos xunto ao polígono industrial de Vilar do Colo, chamou a atención de veciños do lugar. Algúns deles comezaron a preocuparse debido ao volume de elementos alí depositados. “A empresa fixouse na finca e alguén lla alugou” di Mariela Aguilar, actual concelleira do BNG e que no seu día foi unha das persoas que comezaron a denunciar os feitos. “O caso é que unha empresa chamada Manmer trouxo material de refugallo alquitranado e logo soubemos que foron vendendo ese material. A quen ou onde? Non o sei, pero sabemos que se empregou en camiños e estradas”.

O primeiro aviso chega dos veciños que contactan con Aetna (Asociación Etnográfica e de Natureza Amigos do Río Baa ). “Chamáronnos porque vían o movemento de camións desde as súas casas. Achegámonos alí e vimos como era certo e ademais dun tamaño moi grande”. Logo que Aetna comezase a pescudar e denunciar o caso, outras asociacións tamén se sumaron ás accións.  A cousa non quedou aí. A Asociación de Áridos de Galicia, Arigal, iniciou unha investigación sobre a procedencia e a legalidade do selo CE co que se importaran os asfálticos.  Mariela Aguilar lembra que “presentamos a correspondente denuncia ao SEPRONA, levamos as queixas ao Parlamento de Galicia, ao Parlamento Europeo pero cando Arigal comezou a súa investigación foi cando todo colleu máis forza e se entrou no xulgado”.

Arigal comezou a esculcar entre toda a información que lle ía chegando sobre toda a materia importada e que se ía depositando tanto no porto exterior de Ferrol como en Vilar do Colo. Fontes próximas á investigación que levaron adiante desde o sector de áridos, deron conta da presenza de restos de fresados de estradas. Todo, como se apuntou, logo de que en Ferrolterra correse a voz da comercialización de presunto material reciclado asfáltico. O sector de áridos presenta un escrito diante da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental (SXCAA), pedindo a paralización da importación e inmobilización da almacenaxe existente. Os motivos son a falta de eliminación de material betuminoso, por tanto, fai ilegal a venda e comercialización como elemento reciclado.

Os empresarios do sector e a SXCAA reúnense en outubro do 2009 para avaliar a situación. No mesmo mes tamén houbo reunións coa Dirección Xeral de Industria Enerxía e Minas e tamén coa Subdirección Xeral de Recursos Minerais, para veren ata que punto teñen competencias sobre estes refugallos. Aínda que se apuntou a causas de competencia desleal, no seu momento sinalouse a importancia de frear estas importacións pois acabarían sentando precedente para converter Galicia nun depósito de residuos.

DENUNCIA E SENTENZA

En decembro de 2009 preséntase a denuncia diante do SEPRONA e na Fiscalía de Medio Ambiente de Galicia. En abril do 2010 a Fiscalía de Medio Ambiente descarta delito medioambiental, pero si confirma que o material non é reciclado e por tanto existe risco medioambiental. En maio do mesmo ano, 2010, a SXCAA restrinxe o uso dos asfálticos. Entre maio e outubro dese ano, ábrense expedientes á empresa Manmer, denúnciase o marcado irregular CE dos desfeitos diante do Ministerio de Medio Ambiente e a SXCAA, a quen tamén se lle pide incoación de expediente sancionador.

Dous anos despois, outubro do 2012, arquívase a denuncia polo marcado CE en Administración Industrial. Isto provoca un contencioso administrativo contra a Consellería de Industria por parte de Arigal. En 2013 Manmer SL solicita o auxilio das autoridades europeas sobre a legalidade do seu marcado CE pero é desestimado. O porto de Ferrol inicia trámites para declarar o abandono dos áridos que Manmer aínda ten nas instalacións portuarias. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia desestima o recurso da empresa comercializadora dos asfálticos para poder poñelos no mercado, isto en outubro de 2013. O mesmo acontece en xuño de 2014 cando o Tribunal Superior de Justicia de Madrid desestima outro recurso de Manmer SL para poder comercializar os restos como árido reciclado. Finalmente, en maio de 2015 ábrese o xuízo oral contra Fermín Duarte Rodríguez, considerado daquela presunto responsable tanto de Manmer SL e Rías Altas Obra Civil y Promoción SL e por tanto da comercialización de elementos asfálticos sen reciclar. 

O Xulgado do Penal número 2 de Ferrol declara na sentenza do caso que son feitos probados que Fermín Duarte Rodríguez valéndose das empresas mercantís Manmer SL e Rías Altas Obra Civil y Promoción SL, comercializara un material procendente do fresado de capas de aglomerado de estradas. Ese material supostamente estaba valorizado medioambientalmente xa no punto de orixe (Países Baixos) e que así se podería comercializar para a súa reutilización. Na sentenza recóllese que dito material presuntamente reciclado non o estaba, de aí que haxa risco medioambiental. Na sentenza de dous de outubro de 2017 aparecen as cantidades de 135.000 toneladas depositadas nuns terreos perto do Polígono de Vilar do Colo. Dentro do polígono depositáronse 4.500 metros cúbicos e por último, no Porto Exterior de Ferrol quedan 157.000 metros cúbicos.

A sentenza condena a Fermín Duarte a seis meses de cadea e unha multa de 10 meses a razón de 10€ diarios, 3000€ en total. Ademais, en concepto de responsabilidade civil, Duarte e coa responsabilidade civil subsidiaria das empresas ("las cuales dirigía de hecho", sic)  Manmer SL e Rías Altas Obra Civil y Promoción SL, tería que desmantelar os depósitos de material acumulado.

POR QUE SEGUEN AÍ?

Fontes do sector da construción aseguran que nada se sabe de Duarte, mesmo ignoran se as empresas están declaradas en concurso de acredores ou non. Pero o caso é que a día de hoxe, os terreos de Vilar do Colo están ocupados aínda por toneladas de refugallo asfáltico.

Por outra parte, as mesmas fontes aseguran que o material depositado no porto de Ferrol é competencia do mesmo e retirará as toneladas que ten nas súas instalacións cando considere que non poden estar alí por máis tempo. Mariela Aguilar, a concelleira do BNG en Fene, considera que as autoridades non interviñeron con todo  o seu peso para a retirada en Cabanas, e por iso seguen os asfálticos aí. E por iso, por segunda vez se pregunta no Parlamento Europeo sobre toda esta cuestión.

Todo este caso acabou cunha operación coñecida como “Operación Arena” que ademais de levar aos xulgados a Fermín Duarte, tivo moitas derivadas, como din todas as fontes consultadas.

Foto dos depósitos de asfálticos en Vilar do Colo, Cabanas
Foto dos depósitos de asfálticos en Vilar do Colo, Cabanas | Fonte: veciños de Cabanas
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta