"A Galipedia é unha fonte fiable de información"

A Wikipedia en galego cumpre este 8 de marzo 15 anos de vida. Co gallo deste aniversario, falamos con Adrián Estévez Iglesias –un dos administradores da Galipedia– sobre os actos de conmemoración, os logros acadados e as tarefas pendentes. Tamén abordamos o debate que enfronta a partidarios e detractores de Wikipedia.

Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 07/03/2018 | Actualizada ás 14:01

Comparte esta noticia

O 15 de xaneiro de 2001 nacía Wikipedia, un sitio web que se transformou nun dos proxectos intelectuais máis influentes en todo o mundo e, pola súa escala global, o de maior dimensión na historia da humanidade. Ese mesmo ano, o historiador da cultura hacker Eric S. Raymond publicou o seu influente ensaio The Cathedral and the Bazar, no que ademais de defender o software libre —e, polo tanto, o coñecemento libre—, explicou por que un bazar aberto e creado pola multitude é mellor modelo para un proxecto de coñecemento que unha catedral, cuxa construción está dirixida desde as elites.

Adrián Estévez Iglesias, un dos administradores de Galipedia, nunha 'wikimaratón'
Adrián Estévez Iglesias, un dos administradores de Galipedia, nunha 'wikimaratón' | Fonte: Víctor Suárez en

A colaboración entre iguais, e non dirección desde as elites, é o patrón que subxace precisamente no que moitos consideran o maior proxecto colaborativo de difusión do coñecemento da historia da humanidade: Wikipedia, a enciclopedia wiki —universal, en liña, multilingüe, colaborativa e gratuíta—, na que se manifesta a pulsión hacker por crear e compartir colaborativamente coñecemento de xeito libre para o ben común, contra o sistema de produción industrial e mercantilización do saber. 

Apenas dous anos despois, o 8 de marzo de 2003, aparecía a Galipedia, a edición en galego de Wikipedia. Desde entón foron publicados case 150.000 wikis (artigos) que contribuíron á divulgación universal de coñecemento en galego e á expansión da lingua e da cultura de Galicia en Internet.

Adrián Estévez Iglesias é un dos administradores da Galipedia. Con el falamos sobre este 15 aniversario —que coincide co Día  Internacional da Muller—, os logros acadados e as tarefas pendentes, pero tamén entramos no debate que enfronta a partidarios e detractores de Wikipedia.

Antes de comezar, Adrián aclara que os comentarios e opinións que aquí expón son exclusivamente persoais, non da comunidade que constrúe Galipedia.

Símbolo de Wikipedia.
Símbolo de Wikipedia.

"A principal eiva a mellorar é a fenda de xénero, lograr que máis mulleres se impliquen no proxecto e colaboren en Galipedia".

Cales son as principais actividades e accións para celebrar este 15 aniversario?

Dentro dos actos de celebración do 15 aniversario da Galipedia, que terán lugar en Ourense o sábado 10 de marzo, o acto principal é a celebración do Primeiro wikimaratón do Día Internacional da Muller. Este encontro busca traballar na creación, ampliación e mellora de artigos biográficos de mulleres destacadas na historia, para mellorar e aumentar a súa visibilización na Galipedia.

Que balance fan destes 15 anos de Galipedia? Que foi o mellor e o peor, os logros e as tarefas pendentes?

O balance é positivo, pois a día de hoxe a Galipedia é unha ferramenta moi consultada pola xente. Mais somos conscientes de que aínda hai moitas eivas que solventar, pero non temos présa. Eu considero este un proxecto a longo prazo, no que teño previsto editar polo menos durante 50 anos máis.

Na miña opinión, a principal eiva a mellorar é a fenda de xénero, lograr que máis mulleres se impliquen no proxecto e colaboren. Este é un problema común a todas as wikipedias, en todas as linguas, non é só propio da Galipedia. Non sabemos a que se debe, pois na xeración máis nova non hai fenda de acceso aos medios dixitais.

"Por número de falantes, o galego ocupa o lugar 160 entre as 5.500 linguas do mundo, así que se a Galipedia é a Wikipedia número 47 por número de artigos, é bo sinal".

Hai algún obxectivo marcado a curto e medio prazo?

A medio prazo queremos que todos os artigos das parroquias de Galicia teñan cando menos unha foto que os ilustre. Tamén se está tentando xeolocalizar os artigos de parroquias e lugares para poder localizalos de forma automática nun mapa, así como os Bens de Interese Cultural e, en xeral, todo o patrimonio susceptible de ser xeolocalizable.

Quince anos da Galipedia deron como froito case 150.000 artigos, o que a sitúa no posto 47 do mundo en produción entre todas as linguas na Wikipedia. Están satisfeitos con esta produción e co lugar que ocupa a Galipedia?

Por número de falantes, o galego ocupa o lugar 160 entre as 5.500 linguas do mundo, así que se a Galipedia é a Wikipedia número 47 por número de artigos, é bo sinal. Hai unha boa ratio de artigos por número de falantes (a Galipedia está no posto 35 na proporción de falantes por artigo). Pero os números e as estatísticas son só iso, eu paso bastante deles. Se hai un artigo que é interesante para a comunidade galegofalante, ten cabida na Galipedia, non é unha competición nin con nós mesmos nin con outras wikis.

Pero se comparamos a produción en galego coa catalá e vasca, estamos por detrás. Cal pensan que é a razón?

A edición na Wikipedia é voluntaria. Se hai menos persoas editando en lingua galega é por falta de implicación, xa sexa porque non queren ou porque non poden. Eu tamén podería preguntarche por que os medios xornalísticos dixitais en galego teñen menos produción que os vascos e os cataláns, e a resposta é porque a xente non os consulta.

Intentamos conseguir que novas persoas colaboren co proxecto a través de obradoiros en institucións académicas (especialmente institutos e universidades), pero non podemos ir nós detrás da xente, ten que ser a propia sociedade a que se queira implicar.

"A porcentaxe de artigos de calidade na Galipedia respecto ao total é moi similar á da Wikipedia en inglés ou en castelán".

Un dos grandes logros da Wikipedia foi o seu posicionamento nos buscadores de Internet. Para case calquera nome ou termo que se busque por exemplo en Google a primeira entrada nos resultados de busca acostuma ser precisamente un wiki. Xoga con desvantaxe a Galipedia nos buscadores respecto ao castelán ou o inglés?

De novo aquí é importante a implicación da xente. Se a xente configura o seu buscador (sexa Google ou sexa calqueroutro) en lingua galega, os primeiros resultados que lle aparecerán serán na Wikipedia en lingua galega. Eu non son quen para lle dicir á xente en que linguas ten que configurar o seu buscador.

Unha métrica do mundo wikipedista para medir a 'calidade' de cada Wikipedia é o seu nivel de profundidade, isto é, a frecuencia coa que se actualiza. Neste apartado, en que situación está a versión en galego?

Segundo a Lista de Wikipedias, a Galipedia no campo da profundidade (depth) está no posto 38.

Entre os case 150.000 artigos de Galipedia, 152 recibiron da comunidade o 'selo de calidade'. Calquera académico e enciclopedista podería dicir que 152 entre case 150.000 non é precisamente unha cantidade que imprima calidade e fiabilidade a toda unha enciclopedia. Non é algo imaxinable para, por exemplo, a Enciclopedia Británica, que ten que garantir a máxima calidade e fiabilidade do cento por cento das súas entradas e nunca aceptaría recoñecer, como si fai Wikipedia, a existencia de 'lixo' literario entre as súas entradas, para o que os wikipedistas crearon a "Limitación xeral de responsabilidade". Un 0,1% de artigos con selo de calidade non é unha cantidade demasiado pequena e insuficiente para outorgar confianza a unha enciclopedia? 

A día de hoxe a Galipedia ten 152 artigos de calidade e 52 artigos bos. Este selo é outorgado en votación pola comunidade, e recoñece que un artigo responde a certos criterios. Hai artigos de campos moi diversos: arqueoloxía, astronomía, bioquímica, cinema, deporte, historia, música, ou biografías. Comezouse a outorgar o selo de calidade en 2010, cando a Galipedia xa tiña 60.000 artigos. A porcentaxe de artigos de calidade respecto ao total é moi similar á da Wikipedia en inglés (5.267 sobre 5.583,344) ou en castelán (1.123 sobre 1.393.470).

"Non podo asegurar que non exista algún engano, pero diría que non os hai na Galipedia".

Hai 'lixo' literario na Galipedia? 

Quero pensar que non. Cando se detecta, elimínase.

A principal crítica a Wikipedia, especialmente expresada pola rama científica e enciclopedista máis ortodoxa, cuestiona o rigor dos seus artigos, pero tamén a calidade destes, e apunta á existencia de rumbos ou nesgos que restarían fiabilidade a Wikipedia, en opinión dos seus críticos. Como garanten vostedes a calidade, rigor e fiabilidade dos artigos da Galipedia e que resposta dan aos críticos?

A información incluída na Wikipedia ten que estar referenciada e ten que estar actualizada, non se poden incluír datos falsos ou desfasados. A información contrástase. O grupo de persoas que editamos habitualmente sabemos cal é a especialidade de cada quen, e cando nun artigo se introduce información nova que pode ser debatible, procuramos que sexa revisado por unha persoa con coñecementos na materia.

É Galipedia unha fonte fiable de información?

Si.

Recomendan o uso de Galipedia como recurso académico a un profesor ou a un estudante?

Si, pero non só de forma pasiva para acceder á información, senón como ferramenta para producir traballo académico. Hai diversos proxectos educativos nos que o alumnado edita na Wikipedia e o profesorado avalía as súas achegas. Como sabemos que os artigos son moi consultados polo alumnado, procúrase que sexan axeitados. Ao respecto, traballamos bastante a redacción e facemos énfase en evitar erros ortográficos.

"Respecto á visión da pseudociencia, nos artigos sobre os diferentes campos procúrase avisar de que son pseudociencias".

Recentemente publicamos en GC un artigo sobre os grandes boatos da Wikipedia, artigos falsos que permaneceron longo tempo publicados. Na lista inglesa —a máis popular—, entre os dez primeiros hai un precisamente vinculado a Galicia: a falsa historia dun inexistente mariñeiro irlandés que tería sido condenado a morte polo célebre corsario sir Francis Drake e tería escapado e chegado a Galicia, onde, di o conto publicado, viviu o resto dos seus días nunha casa en Estaca de Bares que tampouco existiu. Cuestionan estes casos a credibilidade e fiabilidade de Wikipedia como fonte de coñecemento? Ou reforzan a efectividade e o valor da construción colaborativa do coñecemento en aberto sometido a transparencia?

Antes dicías que un 0,1% era moi pouco en cuestións de calidade, pero agora resulta que un 0,001% (o listado de hoaxes refírese á Wikipedia en inglés) é moito ao falar de fiabilidade. Vivan as estatísticas! O feito de que haxa xente que se decate de que na wiki pervive información falsa vén demostrar que hai unha revisión constante.

Ten Galipedia a súa propia lista de enganos ou boatos? Se é así, cales son os máis destacados? E se non existe, por que? Tedes identificado algún?

Como respondín respecto ao lixo wiki, de ser detectados eliminaríanse. É posible que sobreviva algún desde hai tempo, porque non se poden revisar 150.000 artigos, pero desde hai tempo se revisan os cambios recentes para evitar vandalismos e contrástase a información achegada. Non podo asegurar ao cento por cento que non exista algún hoax, pero diría que non os hai na Galipedia.

"Coas polémicas sobre empresas —por exemplo, en casos de política medioambiental ou en casos de conflitos laborais—, procúrase dar unha visión neutral e contrastada".

Teñen constancia de actividade na Wikipedia/Galipedia de empresas, partidos políticos, organizacións, colectivos, grupos de presión ou empresas interesados en impoñer a súa visión, a súa versión e opinión de feitos, acontecementos, conceptos, etc?

Hai casos concretos en artigos sobre partidos políticos, persoeiros e eventos, pero son casos puntuais. Cando hai debate sobre o punto de vista, procúrase unha mediación e unha redacción neutra.

Como controlan que a pseudociencia non se impoña á ciencia, ou que non se altere un feito por nesgos ideolóxicos ou interferencias partidistas, por exemplo?

Os feitos non se poden alterar. Pídense referencias e bibliografía para documentar eventos ou sucesos. Respecto á visión da pseudociencia, nos artigos sobre os diferentes campos procúrase avisar de que son pseudociencias; por exemplo, acupuntura ou homeopatía.

E como controlan que non interfiran intereses comerciais de empresas nos artigos?

Na Wikipedia aparecen artigos enciclopédicos, e neles non se permite publicidade a través de ligazóns externas a páxinas webs comerciais, por exemplo, agás que o artigo sexa sobre a empresa e se ligue á propia web oficial. Respecto as polémicas sobre empresas —por exemplo, en casos de política medioambiental ou en casos de conflitos laborais—, procúrase tamén dar unha visión neutral e contrastada.

Na Galipedia non houbo edicións por intereses comerciais. Se acaso algún grupo de música de pouca relevancia que creou o artigo da banda, pero sen pretensións comerciais, senón só mediáticas. É máis común o caso de xente que edita o seu propio artigo como se fose un currículo en vez de coma un artigo enciclopédico. Tamén se dá o caso de xente que autocita as súas publicacións, pero isto é algo que non só sucede na Wikipedia; tamén ti citaches no texto que redactaches sobre os hoax un artigo que copublicaches.

"O feito de que o coñecemento sexa gratuíto e universal é algo revolucionario e, polo tanto, ideolóxico".

Polo seu impacto global, converteuse Wikipedia nun campo de batalla ideolóxico e intelectual?

Mais que un campo de batalla en si mesmo, penso que é unha arma cultural. O feito de que o coñecemento sexa gratuíto e universal é algo revolucionario e, polo tanto, ideolóxico. Ao elixirmos editar sobre uns artigos e non outros xa nos estamos posicionando, pero a idea é acadar un punto de vista neutral.

Na que algúns chaman xa a era da posverdade, non é ou pode ser a Wikipedia un dos principais campos de batalla?

Non o creo. A nosa guerra é facer chegar a verdade a calquera persoa que teña acceso a internet.

"Estes días están de moda os artigos relacionados co libro Fariña".

Volvamos á Galipedia. Nestes quince anos, cales foron os artigos máis editados? E por que? E os artigos que máis visitas recibiron?

Podes ver nestas ligazóns os máis consultados por períodos, non hai datos absolutos, e os máis editados. Entre os máis consultados de cada ano está sempre o persoeiro do Día das Letras Galegas. Estes días están de moda os relacionados con Fariña [libro de Nacho Carreterro secuestrado xudicialmente e que retrata a Galicia do narcotráfico]. Entre os máis editados están varios relacionados co deporte, porque precisan de moitas actualizacións.

E os máis polémicos no proceso de edición, os que máis debate e enfrontamentos suscitaron? Algún exemplo?

O artigo sobre o Reino de Galicia creou un debate bastante construtivo que se pode ver na páxina de conversa.

O aniversario de Galipedia coincide co Día da Muller. Están as mulleres infrarrepresentadas na Galipedia, tanto no que respecta aos administradores e editores, como ás entradas publicadas, por exemplo, sobre persoeiros da ciencia, da política, da historia de Galicia...?

Si. Hai unha fenda de xénero importante no número de persoas colaboradoras. Aínda que non é consolo, este é un problema común a todas as wikipedias, e isto reflíctese nos contidos. Un dos propósitos dos obradoiros e proxectos que facemos é rachar con esta fenda, procurando crear e mellorar artigos sobre mulleres.

Como é a relación do mundo galipedista con institucións académicas e culturais do país como as tres universidades, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura, a Real Academia Galega das Ciencias...? Hai vínculos, contactos, intereses comúns, colaboracións...?

De momento non houbo relación formal e estable, porque a Galipedia como tal non está constituída como asociación ou entidade. Hai colaboracións puntuais en proxectos concretos, como obradoiros coas universidades, pero polo xeral a través de departamentos ou bibliotecas.

Que papel xoga a Galipedia na promoción e defensa da lingua e cultura de Galicia?

A Galipedia é unha ferramenta de normalización lingüística, ao achegar en lingua galega coñecemento dos diferentes campos do saber humano. Calquera contido enciclopédico é susceptible de ser redactado en lingua galega e calquera persoa galegofalante ten dereito a acceder a unha información actualizada, veraz e completa sobre calquera campo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Leike

Parabéns á Galipedia!