Unha alcaldesa do PPdeG rompe a disciplina do seu partido e apoia a folga

A alcaldesa de Rairiz de Veiga secunda a folga "por decisión libre, a favor da igualdade". Máis de 3.000 persoas acoden ás primeiras manifestacións convocadas na cidade das Burgas

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/03/2018 | Actualizada ás 19:27

Comparte esta noticia

A alcaldesa de Rairiz de Veiga (Ourense), Asunción Morgade, do Partido Popular, secundou a folga de 24 horas, segundo defendeu "por decisión libre, a favor da igualdade". As acaldesas da  provincia protagonizaron actos de reivindicación e paros de dúas horas, entre as que destacou a de Asunción Morgade.

Manifestación 8M en Ourense
Manifestación 8M en Ourense | Fonte: Europa Press

Dos oito traballadores cos que conta Rairiz de Veiga, o único home foi o encargado de manter abertas as instalacións municipais. "As sete mulleres decidimos secundar a folga de 24 horas", explicou a alcaldesa. A rexedora explicou que foi "unha decisión persoal e libre" na que coincidiron todas as traballadoras do Concello e que ela decidiu apoiar porque considera que "hoxe é o día para reclamar a igualdade" entre mulleres e homes.

Foi a única alcaldesa da provincia que non acudiu a traballar facéndose eco da declaración institucional apoiada por todos os partidos con presenza na Deputación de Ourense, o pasado 23 de febreiro, que animaba aos traballadores do ente provincial a secundar a convocatoria de paros laborais e mobilizacións" ao longo do 8M.

A XORNADA DAS ALCALDESAS OURENSÁS

De feito a alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, Carmen González (PP) realizou unha xornada habitual; mentres que a de Parada do Sil (PP), Yolanda Jácome, rexeitou ir á folga a pesar de confirmar "o seu apoio ao manifesto a favor dos dereitos das mulleres". Outras responsables municipais como a rexedora de Oimbra Ana Villarino (PP) e a de Melón, Cristina Francisco, leron senllos manifestos de apoio ás reivindicacións das mulleres e acudiron a actividades organizadas polas traballadoras municipais, pero rexeitaron realizar paros reivindicativos.

Tan só a socialista Inés Veiga, alcaldesa de Castro Caldelas, sumouse ao paro de dúas horas e dedicou o resto do día a actos reivindicativos do papel da muller na sociedade. Entre estes, destacou a presentación da exposición "18 de 18", no que se reivindica o papel de 18 feministas vivas. Entre elas a caldelá Esperanza Quintela, elixida pola Fundación Iniciativas XXI como "representante das mulleres do campo galego" e da que Veiga destacou a súa "loita por reinventar día a día a súa explotación agraria".

Desde os sindicatos sinalaron a "dificultade" de dar datos de participación "reais" desta convocatoria xa que "non é unha folga ao uso porque a maioría dos paros realizáronse entre as 12,00 e as 14,00 horas".

MOBILIZACIÓNS ESTUDANTÍS E NAS EMPRESAS

Así o explicou Benxamín Vences, portavoz oficial de CC.OO. en Ourense. O sindicato sinalou que "houbo un seguimento dispar" da folga. No sector de ensino o sindicato cifra nun 60% o apoio do profesorado dos centros públicos e en máis dun 90% a participación do alumnado de secundaria. Nerea Troncoso, da Asemblea de Estudantes Feministas de Ourense, confirmou que os piquetes informativos que este xoves percorreron a universidade e os centros escolares da cidade atopáronse as aulas "sen apenas presencia de mulleres".

A asemblea aproveitou a xornada para dar a coñecer un prego de reivindicacións, entre as que reclaman "mecanismos efectivos de prevención e denuncia de violencias machistas", a mellora de seguridade nos campus universitarios e unha paridade real nos órganos de goberno.

No sector empresarial ourensán producíronse paros temporais entre as 12,00 e as 14,00 horas. Na fachada das instalacións de Adolfo Domínguez no Polígono de San Cibrao das Viñas 369 traballadoras realizaron unha cadea humana e ondearon pancartas con mensaxes como "Vivas. Libres. Unidas". En Verín centos de persoas participaron no acto convocado ás 12,00 horas e que comezou coa proxección de fotos de mulleres ilustres galegas.

Con todo, as mobilizacións máis multitudinarias déronse na capital da provincia, na que ás 13,00 horas coincidiron as mobilizacións convocadas polo sindicato CIG e pola Marcha das Mulleres, dúas das consideradas "marchas menores" da xornada, que se pechará cunha gran manifestación ás 20,00 horas.

Máis de 3.000 persoas abarrotaron a Praza Maior con cánticos e lemas como 'Nin un paso atrás, nin un dereito menos', 'Aquí está, aquí vese: o feminismo galego está en pié' e con alusións á falta de presenza de políticas do PP na manifestación.

A EXSECRETARIA DE ESTADO DE IGUALDADE "HABERÁ UN ANTES E UN DESPOIS"

Entre as participantes atopábase a exsecretaria de Estado de Igualdade co Goberno de Rodríguez Zapatero (2011) Laura Seara, que considerou que a xornada suporá "un antes e un despois" para o movemento feminista e que cualificou como "emocionante" o respaldo popular á convocatoria. Para a socialista, o 8M ten que servir como chamada de atención para "trasladar á realidade" a "boa dotación lexislativa en materia de igualdade que existe en España".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Parabéns!

Pois a ver cando rompe a disciplina para apoiar a sanidade e o ensino público, que tamén é algo que nos importa moito ás mulleres. E non estaría de máis que os do seu partido deixaran de roubarnos a todos, que se trata da formación política máis corrupta de toda Europa. Espero que tamén se manifeste neste sentido.