Por unha educación pública libre de lucro

De verdade que quixera iniciar algún día unha crónica de forma exaltada e optimista. Mais, polo momento, é imposible. Nada fai presaxiar un cambio real, unha transformación que nos leve a un sendeiro onde as persoas que camiñan sexan máis importantes que as cuestións financeiras e económicas. Até porque os chamados “pactos sociais” son trampas que rebaixarán, aínda máis, a perspectiva de sermos máis felices como persoas en sociedade no futuro máis próximo.

Por Xabier Ron | Santiago | 06/02/2011

Comparte esta noticia

Hoxe recupero o sentido da educación, do eido que debera permanecer “sen fin de lucro”, por parafrasear o acertado título do ensaio de Martha Nussbaum, Sin fines de lucro. Por qué la democracia necesita de las humanidades, Katz, Buenos Aires/Madrid, 2010.

Os recentes datos económicos sobre orzamentos destinados a educación anuncian decrepitude e o incremento de máis dificultades para que a escola/instituto/universidade públicas podan exercer o seu rol social. As propias políticas educativas postas en marcha baixo o paraugas-xustificador das institucións europeas privilexian a rendibilidade económica de aí que os másters, por poñer un exemplo (no fondo, é toda a educación) teñan que “conectarse” co mundo da empresa e co seu discurso. Ao cabo, será a propia empresa a que decida os programas curriculares dos másters.

Por iso, para acelerar ese camiño economicista os xestores teñen que cumprir cunha primeira estratexia: reducir os orzamentos destinados a educación para, deste xeito, ter “xustificada” a entrada de capital privado na toma de decisións públicas. A xustificación da crise venlle de marabilla aos xestores do sistema e así, tal como nos informa Diego Barcala en Público, en dous anos o orzamento destinado a educación polo Estado e Comunidades Autónomas reduciuse en máis de 2.000 millóns de euros, dos que 1.622 millóns para este 2011  (http://www.rebelion.org/noticia.php?id=121830). Educación e sanidade, piares básicos para unha verdadeira política de igualdade de oportunidades, sacudidos polas decisións dos xestores. Cara a onde imos así?

O esmorecemento das humanidades...ou da democracia?
“Con sede de diñeiro, os estados nacionais e os seus sistemas de educación están descartando sen advertilo certas aptitudes que son necesarias para manter viva a democracia. (...). En case todas as nacións do mundo estanse erradicando as materias e carreiras relacionadas coas artes e as humanidades, tanto a nivel primario e secundario como a nivel terciario e universitario” (Nussbaum, p. 20). 

Todo o que é sentido como inútil polos xestores das políticas educativas dentro da lóxica do capitalismo, que é competir nun mercado global é, sinxelamente, atacado. O fomento da rendibilidade é confrontado de forma abafante coa imaxinación, coa creatividade e mesmo co pensamento crítico. E, sen estas últimas, desándase o camiño que leva á comprensión relacional do ser humano, ao diálogo, ao recoñecemento e á solidariedade das diferenzas, á empatía, á reciprocidade e á xustiza social. Desándase o camiño que leva a unha cultura de paz e á propia esencia do que debe ser unha Democracia. Se as persoas son sentidas como rivais económicos, como obstáculos, como inimigos...de quen é a culpa?

Ten razón Nussbaum ao soster que “a liberdade de pensamento no estudante resulta perigosa se o que se pretende é obter un grupo de traballadores obedientes con capacitación técnica que leven á práctica os plans das elites orientados aos investimentos estranxeiros e ao desenvolvemento tecnolóxico” (p. 43).

O máis perigoso, e algo hai nestes momentos, é que o corpo docente, ese que debe ter como bandeira as razóns da educación emancipadora, está á súa vez dominado por sentimentos que van desde o desánimo até o medo, pasando pola apatía e a simple anuencia cos acontecementos políticos e sociais. Isto afecta a todos os establecementos públicos educativos e en todos os niveis. Recollemos, a modo de exemplo, a anécdota que ilustra os conflitos (de clase, de intereses educativos e formadores, no fondo) na universidade pública. Referímonos ao rexeitamento do título de Doutor Honoris Causa a Josep Fontana e a Jordi Nadal, discípulos do gran Vicenç Navarro, na Universitat Autònoma de Barcelona e do que nos informa Salvador Arnal (http://www.rebelion.org/noticia.php?id=121835).

Non á resignación....HAI SOLUCIÓN
Non obstante, non cabe resignarse. Na Comunidade de Murcia hai como un rexurdimento, un estourido de indignación ante os recortes de todo tipo que padece o sistema educativo. Eis o primeiro paso a seguir en todas partes: defender con convencemento o afortalamento (orzamentario, en recursos humanos e materiais, en dignidade sociolaboral, en igualdade de recursos entre centros, etc) dos nosos sistemas educativos públicos. Para iso é preciso loitar. O recorte económico practicado en nome das politicas de axuste neoliberal non volverá sen mobilización nos centros e nas rúas.

Un segundo paso debe pasar pola recuperación da plena participación do corpo docente nas decisións que máis están afectando á educación pública. A proba máis recente témola na Lei de Convivencia e Participación que a Xunta se inventou arrasando con todo o traballo anterior realizado e sen facer partícipe á comunidade educativa. Porque inventar unha lei e que esta sexa discutida en cónclaves representativos pechados non é o que se debe entender por Democracia Participativa. Pero cabe felicitarse: a negativa a unha farsa foi común, agás para os defensores dos xestores.

Un terceiro paso, firme, debe ser liberar a educación pública dos discursos mercantilistas, lucrativos e competitivos. Por iso, debemos eliminar de todo preámbulo lexislativo referido a educación toda referencia a esa retórica mercantilista. Temos que recuperar para a educación o carácter máis xusto e igualitario posible, que sexa quen de frear as desigualdades sociais existentes e que se asente nos preceptos da educación emancipadora.

O cuarto paso é máis duro en base á propia concepción existente do que debe ser un servizo público: crear as condicións necesarias para situar á educación fóra da órbita do partido de turno que goberne, fóra das pelexas electoralistas para asentar (de forma definitiva) o concepto de que a educación é un servizo público sen fin de lucro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xabier Ron Nado en Lyon (Francia), 16 de febreiro de 1970. Licenciado en Filoloxía Románica pola USC. Na actualidade docente de lingua francesa no CPI Pontecesures. Especialista na lírica dos trobadores románicos, sobre todo do cancioneiro galego-portugués, dos que versa a súa tese de doutoramente, en fase de elaboración. Activista político e social, milita no Partido Comunista de Galicia, sendo membro do Comité Central; é igualmente membro da executiva de Esquerda Unida, onde desenvolve a responsabilidade de Secretario de Movementos Sociais; coordinador comarcal de Esquerda Unida en Compostela. Vencellado ás reivindicacións do movemento migratorio de Galicia é membro do Foro Galego de Inmigración desde a súa creación. É deputado por AGE no Parlamento galego.