Piden a inclusión do tramo Ourense-Palencia na rede europea de transportes

Medio cento de dirixentes galegos,do Bierzo e Maragatería reuníronse no Barco de Valdeorras para pedir que a a liña se integre no camiño de ferro do Atlántico.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 16/03/2018 | Actualizada ás 20:54

Comparte esta noticia

A Comisión Europea confirmou que o goberno central pediu a inclusión do percorrido Ourense-Monforte-Palencia no corredor do Atlántico. Esta noticia déuse a coñecer na reunión celebrada no  Barco de Valdeorras, onde se reuniron persoeiros políticos e empresariais vinculados ao Eixo Atlántico, do que é presidente Alfredo García, alcalde do Concello de O Barco.

Reunión Eixo Atlántico en O Barco
Reunión Eixo Atlántico en O Barco

En total foron cincuenta persoas chegadas de Galicia, O Bierzo e Astorga que precisamente trataron a integración deste camiño de ferro na liña atlántica europea. A proposta busca tamén a confluencia coa liña que vén desde Aveiro, Portugal na capital palentina. Para que isto sexa así, solicitan a achega dos fondos europeos previstos para a modernización do que deron en chamar “a T deitada”, polo trazado desta conexión ferroviaria.

As persoas reunidas no Barco consideran que a petición e os investimentos que se realicen son determinantes para o futuro dos portos galegos. Seguen así a visión dos expertos que ven precisa a concentración das mercadorías en Monforte para articular un tren diario desde esta vila cara a fronteira con Francia. O obxectivo é ser competitivos coas conexións que veñan do Mediterráneo e doutros portos europeos e tamén a mellora na liña Alvia que comunica Galicia con Barcelona.

AUSENCIAS
Na reunión estiveron presentes o voceiro parlamentario de En Marea, Luis Villares e do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, ademais de representantes de sectores industriais como o da lousa, loxística e dos empresarios galegos. Tamén estiveron presentes representates comarcais, das deputacións de Lugo e Ourense e dos concellos que percorre a liña ferroviaria, así como representacións sindicais.

A ausencia de representantes dos portos galegos, así como do goberno da Xunta de Galicia, chamou a atencións dos convocantes, logo de ter cursado un convite á conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, que declinaron asistir por motivos de axenda. Isto fixo que o secretario xeral do Eixo, Xoán Vázquez Mao lamentase “a falta de compromiso do goberno galego co interior de Galicia, xa que nin estiveron na reunión para a defensa do Porto Seco de Monforte nin na da  liña do tren, que son esenciais para a supervivencia dos portos galegos e do interior galego”. Despois dun longo debate acordouse pedir unha entrevista co ministro de Fomento para ofrecerlle a colaboración das institucións e facer un seguemento ata ter os orzamentos precisos.

Asistentes á reunión do Eixo Atlántico en O Barco
Asistentes á reunión do Eixo Atlántico en O Barco

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Xosé

O corredor ferroviario sería primordial para Galicia e sobre todo o seu interior. Conseguir un porto en Monforte, daría pulo á economía das provincias do interior, e tamén a zonas leonesas do Bierzo e Astorga.

2 Rosa

La Xunta de Galicia tendría que estar en primera linea para reivindicar el corredor ferroviario de mercancías. Pero vemos que le da igual

1 Braisiño

Importalle algo á Xunta o interior de Galicia? Mellor dito, importalle algo Galicia?