Miguel Ángel Cadenas ve "suficientemente penado" o delito incendiario, que non considera equiparable ao de terrorismo

O presidente do TSXG alerta do "custo" dos "erros grosos" na instrución xudicial: "Poden viciar o axuizamento" Lembra que o TC aínda debe fallar sobre a prisión permanente revisable e apela a que os debates sociais non "guíen cegamente" para lexislar.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/03/2018 | Actualizada ás 13:10

Comparte esta noticia

O presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Miguel Ángel Cadenas, entende que endurecer os castigos xudiciais non acabaría cos lumes forestais que, cada ano, azoutan Galicia. De feito, cre que o delito incendiario, que non ve equiparable ao de terrorismo porque, "desde a perspectiva xurídica" son "distintos", está "suficientemente penado".

El presidente del TSXG, Miguel Ángel Cadenas, en una entrevista
El presidente del TSXG, Miguel Ángel Cadenas, en una entrevista

"Creo que o delito incendiario está penado e o suficientemente penado", sentenciou o presidente do alto tribunal galego, nunha entrevista concedida a Europa Press, na que argumentou que el ve "coherencia e proporcionalidade entre o feito en si e a pena, que o lexislador agrava cando se pon en risco a vida das persoas".

Fronte á tese asumida polo Goberno galego e de forma moi significativa polo seu titular, Alberto Núñez Feijóo, quen chegou a defender que se reformase o Código penal para "asimilar" o castigo dos incendiarios ao dos delitos terroristas, Cadenas entende que endurecer as penas "non" solucionaría o problema e pon o foco noutras cuestións, como as "dificultades" para investigar.

Ao seu xuízo, as "dificultades" de investigación do fenómeno incendiario derivan "da propia dinámica dos incendios", xa que se prende "en horas nocturnas" e, en ocasións, o propio lume "destrúe os elementos probatorios". "Creo que é máis un problema de educación e prevención, e por último de punición. E en canto á pena en si, creo que está suficientemente penado", insistiu.

Co informe de Fiscalía posterior aos incendios de outubro case listo e despois de que o fiscal de Medio Ambiente, Álvaro García Ortiz, constatase a ausencia de evidencia de tramas, Cadenas tampouco contempla asumir a formulación de equiparar o delito incendiario co de terrorismo, xa que, " cualitativamente, desde a perspectiva xurídica, son distintos".

CARGA DE TRABALLO

Durante a entrevista, Cadenas reflexionou sobre a folga indefinida da xustiza. Á espera do que ocorra o luns, entende que a "tutela xudicial efectiva" está "a sufrir" e urxe a solucionar un conflito que se prolonga xa máis dun mes e empeora a situación dun sistema xudicial xa de seu "saturado".

Preguntado acerca de se dotar de máis competencias a Galicia en materia xudicial axudaría a desatascar, contestou que o Poder Xudicial "é único". "O que si axudaría", ao seu modo de ver, son outras cuestións como "fixar ben a planta xudicial en función dunha organización territorial e competencial adecuada".

"Nese contexto, exponse cuestións diferentes como a de fixar a carga de traballo adecuada dos xuíces e ver que sucede coa nova oficina xudicial", reflexionou, preocupado polas "demoras" que poida haber nas causas xudiciais.

Preguntado por casos de especial relevancia como o do accidente do Alvia en Angrois, con 80 mortos e aínda en fase de instrución cinco anos despois, o presidente do TSXG entende que "todas as demoras e atrasos no axuizamento teñen un punto de inxustiza".

Iso si, apela a preguntarse "cales son as razóns desas demoras e se son evitables". "Nalgunhas instrucións hai que ver que se está facendo e se é imprescindible para cumprir a función que teñen legalmente: unha instrución é, á fin e ao cabo, unha investigación, serve para saber que ocorreu, se ten visos penais e cales son os seus responsables", advertiu.

"ERROS GROSOS"

Aínda que non exemplificou con casos concretos, Cadenas si remarcou que as demoras, do mesmo xeito que "unha instrución deficiente", teñen un "custo". "Quero poñer de relevo a importancia e o delicado da instrución penal. Os erros grosos xurídicos poden propiciar que o axuizamento quede viciado", advertiu.

Pero, deben ser sancionados os xuíces que, de forma reiterada, cometan erros de instrución? "Depende do erro do que esteamos a falar. Ás veces son, entre comiñas, sutilezas. Outras veces son erros groseiros", avogou por diferenciar o presidente do TSXG.

"Os erros groseiros son os que non se lle poden permitir a ningún profesional, especialmente aos xuíces, porque traballamos con material enormemente sensible. Os xuíces debemos ser especialistas no que facemos", abundou.

Preguntado sobre o papel na profesión de maxistrados con notoriedade pública, como pode ser o caso de José Antonio Vázquez Taín ou Pilar de Lara, e o concepto de 'xuíz estrela', Cadenas prefire deixar á marxe nomes e, como reflexión xeral, tamén avoga por establecer diferenzas.

"Hai xuíces aos que a popularidade lles vén dada polo seu traballo, eles non o controlan. E xuíces que buscan esa popularidade, ás veces naturalmente e outras, artificialmente. Eu quédome cos xuíces que fan o seu traballo e, se o seu nome aparece aparece a nivel público, é a pesar da súa propia discreción", aseverou.

PRISIÓN PERMANENTE REVISABLE E OS DEBATES SOCIAIS

Na entrevista con Europa Press, o presidente do TSXG tamén reflexionou acerca de como inflúen os debates que se poden dar na sociedade á hora de lexislar, nun escenario marcado polo asasinato de Gabriel Cruz. Pero antes casos como o de Diana Quer situaron no foco xa a prisión permanente revisable.

Cadenas rexeitou pronunciarse acerca de se está a favor de manter a prisión permanente revisable ou se cre que debería reformarse, á vez que lembrou que se presentou contra a mesma un recurso sobre o que aínda debe fallar o Tribunal Constitucional. "Quero facer fincapé en que ata que o TC fale, os xuíces estamos a aplicar a pena porque, en definitiva, é un principio de legalidade. O lóxico é esperar a que resolva o TC", aseverou.

En todo caso, como principio xeral e aínda que, ao seu modo de ver, os debates xurídicos "deben reflectir dalgunha maneira" o sentir social previo, defendeu que os debates sociais "non deben condicionar ou guiar cegamente" a quen se encarga da lexislación. Ao seu xuízo, hai debates sociais que, "en moitos casos son conxunturais", e que dotan ao debate xurídico "dunhas doses, ás veces, de excesiva paixón".

Preguntado sobre os castigos por narcotráfico, non considera que, no momento actual, haxa "unha sensibilidade especial en canto a esixir unha maior penalización das condutas", con independencia de que "en casos puntuais se podería considerar".

En todo caso, incidiu en que os delitos contra a saúde pública son moi variados e cFon diferente calado --"non é o mesmo un pequeno consumidor que un traficante"--, de aí a que deba permitirse "una certa discrecionalidade" ao xuíz á hora de fixar a pena.

FARIÑA E MEIRÁS

Acerca de se a vía xudicial é unha opción para incorporar ao patrimonio público o Pazo de Meirás, contestou que é un caso que "non está xudicializado" polo que el non se pronuncia. "É unha cuestión que, se se presenta terá o contido xudicial que corresponda, non podo aventurar nada", afirmou.

Por último, sobre os debates abertos ao redor da liberdade de expresión e o secuestro do libro 'Fariña', incidiu en que, "cando está en xogo un dereito fundamental, o problema son os límites". "Ningún dereito fundamental é absoluto, hai que ver a ponderación e só se pode facer caso a caso, non serve o abstracto", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta