Temas: FEIJóO XUNTA

Feijóo aproba un plan para "rexuvenecer" Galicia con máis de 20.000 retornados

Feijóo insiste en que desde o bipartito hai 10.300 emigrantes menos, a pesar da crise que levou a miles de mozos ao estranxeiro. O plan conta cun orzamento de 235 millóns de euros até 2020, dos que só 15 millóns serán novas aportacións específicas para os emigrantes ou descendentes que queiran vir a Galicia, xa que o resto son partidas doutros plans.

Por Xurxo Salgado | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/04/2018 | Actualizada ás 18:52

Comparte esta noticia

A Xunta anunciou a posta en marcha dun plan cunhas 50 medidas para "rexuvenecer" Galicia co retorno de entre 20.000 e 22.000 galegos da emigración cun orzamento de 235 millóns de euros até 2020. Pero destes 235 millóns, só 15 so orzamentos específicos para o plan. E o fai, curiosamente, cando o seu presidente insiste en que agora hai menos emigrantes que durante o bipartito, a pesar da grave crise que afectou a Galicia nos últimos anos.

Protesta de emigrantes retornados
Protesta de emigrantes retornados

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Alberto Núñez Feijóo remarcou que este plan busca tanto "favorecer" que galegos na emigración "poidan volver no caso de que nacesen aquí" ou que veñan ao país fillos e netos de galegos. E é que considera que os residentes no exterior son o "punto máis importante para rexuvenecer a poboación galega".

MÁIS DE MEDIO MILLÓN DE GALEGOS

Actualmente hai máis de 650.000 residentes galegos, ou descendentes, que viven no exterior. De feito, a maior parte deles, 516.000 xa son emigrantes de segunda xeración, é dicir, fillos ou fillas de emigrantes que obtiveron a nacionalidade, principalmente, en países de América. E o obxectivo da Xunta é atraer a boa parte deses descendentes porque as medidas aprobadas están destinadas, en boa medida, aos máis novos.

Entre outras iniciativas deste plan, que Feijóo define como "xusto e bo", haberá até 10.000 euros para retornados que queiran iniciar o seu negocio en Galicia, bolsas para estudantes e axudas "extraordinarias" a familias con fillos menores de idade. Así, porase en marcha unha única oficina do emigrante retornado que asesorará sobre "as facilidades" para a volta en cuestións como educación, emprego ou vivenda.

Muñeira en Bos Aires
Muñeira en Bos Aires | Fonte: Emigración

GALICIA NON EXPORTA EMIGRANTES

A pesar de que a idea da Xunta é atraer emigrantes, o presidente galego quixo deixar ben claro que Galicia xa non "exporta" emigrantes, senón que atrae inmigrantes, a pesar das saídas masivas de mozos nos últimos anos cara outros países de Europa por mor da crise. "Os emigrantes baixaron en 1.900 persoas no último ano e 10.300 menos que no 2009", dixo en alusión ao último ano do bipartito. 

É dicir, que segundo os datos aportados por Feijóo, durante os peores datos da crise, Galicia tivo menos emigrantes. E, de feito, gabouse diso: "Tivemos a menor taxa de emigración de todo o Estado", indicou. E insistiu en que chegan a Galicia máis xente da que marcha, "desde o 2016 foron 3.025", indicou. 

Pero, a pesar de que hai menos emigrantes que no resto do Estado e de que, segundo Feijóo, a xente xa non emigra, o obxectivo do seu goberno é traer de volta aos que marcharon, sobre todo aos máis novos. Así, entre os obxectivos do seu plan está incrementar nun 50% o número de retornados e que deses, máis dun 60% teña menos de 45 anos. 

MEDIDAS

E, para iso, entre as medidas específicas que porá en marcha está crear unha única oficina integral do emigrante retornado que funcionará as 24 horas, 150 bolsas de Formación Profesional Superior cun máximo de 4.000 euros por bolsa, entre 100 e 150 bolsas de excelencia dotadas con entre 7.000 e 11.500 euros, axudas ao retorno de emprendedores e axudas extraordinarias para aqueles que veñan con nenos. Por outra banda, tamén disporán de bolsas para estudantaes, para o emprego, aos empresarios e autónomos que contraten retornados e axudas para o alugueiro ou rehabilitación de casas.

Feijóo de tapas na emigración
Feijóo de tapas na emigración | Fonte: cronicasdelaemigracion.com
Temas: FEIJóO XUNTA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Voto por Risga

Non creo que alguén con nacionalidade Suiza volva por 10000 euros pra montar un bar. Pero un arxentino de 35 anos, neto dun emigrado que come os mocos estará encantado de vender o seu voto, un ano despois de ter residencia legal e obter a nacionalidade a cambio da Risga. ¿Por qué non 10000 euros a un parado galego de longa duración para emprender? ¿Ou por què non pra alguén titulado superior que non atopa un primeiro emprego?

2 Estevo das Estivadas

De verdade, algún im....cil se cre iso?. Cales son as medidas de emprego e creación de tecido económico para Galiza?, deixese de lerias e faga que os que están en paro atopen chollo, porque hai tempo que moitos non atopan. Por favor, que explique como vai xerar emprego porque ata o momento non fixo nada, só publicitarse nos medios comprados cos cartos de todos.

1 galegoexiliado

Aqui xa so retornamos os xubilados con pensions europeas, e eso so a tempo parcial, uns meses no verán e nas festas.. ¿Cree o sr Nuñes que os meus fillos van a voltar pa traballar de camareiros, traballar doce horase cobrar seiscentos euros?. Si pon cartos so acadará que veñan fillos de emigrantes e man de obra sen cualificar. ¿Ou acaso hai traballo pa xente cualificada? A saber a donde irán esos cartos, de seguro mais da mitade en propaganda e o resto a bolsillos amigos con ou sin un cifuentes.