Premio ao mellor esnaquizador da Constitución

“Todos os españois teñen dereito a disfrutar dunha vivenda digna e axeitada. Os poderes públicos promoverán as condicións necesarias e establecerán as normas pertinentes para facer efectivo este dereito regulando a utilización do solo de acordo co interés xeral para impedir a especulación. A comunidade participará nas plusvalías que xere a acción urbanísica dos entes públicos” (Constitución Española, art. 47)

Por Xabier Ron | Santiago | 21/02/2011

Comparte esta noticia

Sinopse: incumprimento sistemático por parte dos poderes públicos da súa función de control da especulación e incumprimento na provisión das condicións e normas para a realización plena deste dereito constitucional.

Argumento: Os gurús da economía do libre mercado, perfectamente aliñados coas oligarquías dominantes, non queren admitir que esa liberdade, cando non vai da man da xustiza social, está destinada a beneficiar a uns poucos en detrimento da masa social. Eses poucos convértense en “acaparadores” dun ben que debe ter un valor de uso e non un valor de cambio. Orixinouse así unha ofrenda ao Deus Mercado en forma de promocións urbanísticas de todo tipo e pelaxe baixo a acción dos axentes privados vencellados á actividade urbanistica como ben ilustra Miguel Martínez, profesor da Universidade de La Rioja.

Así, elaborouse –e queren seguir igual- unha ficción narrativa (a burbulla inmobiliaria) cunha necesidade que é ben real. Sería difícil conceder o premio ao personaxe que máis e mellor contribuiu na consolidación desta ficción. Pero podemos nomear a propietarios de solo, promotores inmobiliarios, empresas construtoras, axentes de mediación na compra-venda de bens inmobles, técnicos individuais ou estudos que realizan os proxectos urbanísticos, compradores finais e investidores temporais, bancos e entidades financeiras, empresas aseguradoras, empresas de taxación, etc, que, grazas a unha excelente cobertura manipuladora e inoculadora de pensamento único (patróns e modelos televisivos, publicidade,...) foron quen de crear/inventar ex nihilo unha clase social baseada na cultura da propiedade, des-ideoloxizada politicamente, atomizada laboral e sindicalmente, hipnotizada –alienación de Marx- pola fábula/ilusión (mentira) da posesión mediante un diñeiro ficticio (crédito, hipoteca). Uns personaxes que se viron amparados por unha lexislación permisiva para coa especulación inmobiliaria e que contaron para a produción final do relato fílmico co manto protector dos poderes públicos (desexosos de ter máis capacidade de financiación e non de frear a especulación).

Consecuencias: Esa película inzou o espazo galego de edificios que nunca respiran (milleiros en calquera cidade grande galega) ou respiran como moito un mes ou dous ao ano (outros milleiros). O espazo galego perdeu a súa materialidade ecolóxica para pasar a definirse en termos de urbanización. A gran mentira estoura agora en forma de milleiros de desahucios diarios en todo o Estado e en verse atados a unha débeda hipotecaria que os bancos e entidades financeiras queren cobrar. Mais..que lles pasou aos culpables da creación-destrución da burbulla? En liñas xerais, e no noso país, nada. Seguen xogando coas súas cartas trucadas na economía de casino.

Concordamos con Jean-Paul Dollé (L’inhabitable capital, 2010) cando di que este ben, a vivenda, a casa, representa a forma máis elemental de existir e de situarse no mundo. A crise chegou por moitos e diversos motivos, pero poderíamos citar o desaforado proceso construtivo que contribuia a desfasar a oferta sobre a demanda: máis produtos que demandantes a un prezo de “mercado” que afastaba, en primeira instancia, ás persoas que querían vivir nesas casas. O prezo, ademais, inflábase. Xeneralizando, practicáronse dúas vías de incremento: a) unha persoa (rica, por suposto) adquiría varios produtos para dedicarse a empregalos como bens gananciais sexa alugando (con contrato ou sen el), sexa mantendo a vivenda baleira (como produto mercantil para revender cando “mellore” o mercado, i.e., permita gañar diñeiro sobre o prezo pagado polo produto ou, nalgúns casos, como modo de rendibilizar o diñeiro gañado sen declarar); b) alentando fóra das fronteiras de Galicia a compra de segundas vivendas a persoas de economías mais solventes que a galega. Consecuencia: vivendas baleiras case todo o ano; deterioro paisaxístico, medioambiental e social; “expulsión” das xentes dos lugares afectados cara a outros onde os prezos ainda se mantiñan “razonables” (pero non xustos).

Esta realidade urbanística, que mantén uns prezos de mercado e fóra de calquera xustiza social, provoca, en tempos de naufraxio e crise, con cada vez máis dramas familiares pola carencia de emprego, o aumento de persoas “desposuídas”.

Cantos poderes públicos optaron por crear un parque público de vivendas dignas en réxime de aluguer e a un prezo xusto? Cantos poderes públicos exerceron con man firme e ética a tarefa constitucional de frear a especulación?

Ter abrigo, ter onde resgardarse e vivir de forma digna é un dereito constitucional do que nos privaron e queren seguir privando (a non ser mantendo a ficción que deu lugar á burbulla). Fronte a ese relato baseado na cultura da propiedade, faise máis necesario ca nunca un novo relato social e solidario. Cómpre adecuar oferta a demanda e asentar o aspecto inmobiliario sobre a xustiza social. O control debe ser tamén unha tarefa da cidadanía, que debe participar mediante (auto)planificación e (auto)xestión colectivas. Ese relato non é posible dentro da lóxica do capitalismo, desexoso de seguir acumulando e maximizando beneficios como sexa. Só agardamos que xa non teña tantos influxos sobre boa parte da masa social a fábula/ilusión (mentira) da posesión tan ben implantada polos hipnotizadores do capital.      
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xabier Ron Nado en Lyon (Francia), 16 de febreiro de 1970. Licenciado en Filoloxía Románica pola USC. Na actualidade docente de lingua francesa no CPI Pontecesures. Especialista na lírica dos trobadores románicos, sobre todo do cancioneiro galego-portugués, dos que versa a súa tese de doutoramente, en fase de elaboración. Activista político e social, milita no Partido Comunista de Galicia, sendo membro do Comité Central; é igualmente membro da executiva de Esquerda Unida, onde desenvolve a responsabilidade de Secretario de Movementos Sociais; coordinador comarcal de Esquerda Unida en Compostela. Vencellado ás reivindicacións do movemento migratorio de Galicia é membro do Foro Galego de Inmigración desde a súa creación. É deputado por AGE no Parlamento galego.