Como foi a descuberta da obra máis importante da literatura galega medieval

"Un feliz descubrimiento acaba de hacerse, que aporta nuevos datos, y que es de importancia suma para la historia de la música y los cantos y bailes populares en España (...)", escribía Pedro Vindel en 1914 sobre o manuscrito que acabaría levando o seu nome.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 23/04/2018 | Actualizada ás 12:40

Comparte esta noticia

O Pergamiño Vindel xa está de volta ao outro lado do Atlántico, na Morgan Library de Nova York, despois de permanecer durante seis meses en Vigo, á beira do mar na que Martín Codax seguramente escribiu as sete cantigas de amigo reproducidas neste manuscrito do s. XIII. É tal a súa importancia que esta obra segue e seguirá dando moito que falar, a pesar de que non este en Galicia.

Por iso, co gallo do Día do Libro, a Real Academia Galega volve deterse nesta obra central da nosa literatura medieval cunha mostra das pezas máis significativas arredor dela que custodia a biblioteca da institución. Entre elas poderán verse, desde hoxe e ata o 4 de maio, o artigo na revista Arte Español do libreiro que lle deu nome, Pedro Vindel, no que anunciaba, en febreiro de 1914, a súa descuberta e un dos escasísimos exemplares do libriño que publicou un ano despois de atopalo por casualidade, que inclúe unha edición facsimilar deste tesouro. Esta copia foi a que empregou o académico Eladio Oviedo y Arce para o seu estudo sobre o pergamiño, outra publicación singular que tamén forma parte da mostra.

"Un feliz descubrimiento acaba de hacerse, que aporta nuevos datos, y que es de importancia suma para la historia de la música y los cantos y bailes populares en España (...). Se trata de un pergamino del siglo XIII que contiene siete Canciones o Cantigas de Amor. Esta vitela, que es una maravillosa joya musical, la hemos hallado sirviendo de forro a un Códice del siglo XIV", escribía Pedro Vindel na introdución do libriño que acompañou de nove fotogravados do pergamiño que pasaría á historia co seu apelido. Desta primeira edición do documento, realizada en Madrid, tiráronse moi poucos exemplares para distribución privada e só dez se puxeron á venda ao prezo de 25 pesetas, indícase na propia obra.

OUTRAS OBRAS

A Academia conserva unha das poucas copias impresas do volume, a que pertenceu a un dos académico fundadores da RAG, Eladio Oviedo y Arce, primeiro galego, coa colaboración do académico correspondente Santiago Tafall Abad, que estudou seriamente o pergamiño. A interpretación e crítica do texto literario do primeiro, acompañada do texto musical, a cargo do segundo, foi publicada no Boletín da Real Academia Galega entre 1916 e 1917, e posteriormente nunha separata que tamén se pode ver na exposición.

Un ano despois, en 1918, morría Oviedo y Arce e, tras varios intentos de venda sen éxito a unha institución española por parte de Pedro Vindel, o pergamiño era mercado por Rafael Mitjana, diplomático e musicólogo residente en Suecia. As cantigas de amigo máis antigas que se conservan con notación musical en calquera lingua da literatura europea xa non volverían a España ata o pasado mes de outubro, cando o Museo do Mar de Galicia lles abriu as portas nunha exposición coorganizada pola Universidade de Vigo e a Consellería de Cultura.

axe da reprodución facsimilar do Pergamiño Vindel incluída no libro que lle dedicou ao documento o libreiro Pedro Vindel en 1915, pouco despois de descubrilo
axe da reprodución facsimilar do Pergamiño Vindel incluída no libro que lle dedicou ao documento o libreiro Pedro Vindel en 1915, pouco despois de descubrilo | Fonte: Biblioteca da Real Academia Galega

Cuberta da separata co estudo do Pergamiño Vindel que o académico Eladio Oviedo y Arce publicara no Boletín da Academia entre 1916 e 1917
Cuberta da separata co estudo do Pergamiño Vindel que o académico Eladio Oviedo y Arce publicara no Boletín da Academia entre 1916 e 1917 | Fonte: Biblioteca da Real Academia Galega
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta