Por Galicia Confidencial | Compostela | 08/05/2018 | Actualizada ás 09:00
A CIG lanzou o pasado 1 de maio unha convocatoria de folga xeral para o 19 de xuño. Unha convocatoria moi criticada polo resto dos sindicatos, especialmente, polos estatais. De feito, tanto UXT coma CC.OO. xa anunciaron que non apoian esta convocatorio porque entenden que a folga debería ser a nivel estatal.
Pola contra, outros sindicatos nacionalistas, como a Central Unitaria de Traballadores/as (CUT) aposta, precisamente, pola unidade sindical para facer unha fronte común contra o empresariado e as políticas económicas do Goberno central. Por iso, pediulle unha xuntanza á CIG para trasladarlle esta postura porque facela sen unidade “está condenada a ser pura estética e apariencia”.
O Secretariado Nacional (máximo órgano) da CUT decidiu manter un encontro coa CIG para analizar esta convocatoria, que non desbota, porque recoñece “unha urxencia obvia ante un contexto de recorte de dereitos sociais, económicos, civís e políticos para o conxunto do pobo traballador”.
"TRAMPA" DE MADRID
Pero tamén insiste na unidade de accións sindical, a pesar de recoñecer que CC.OO e UXT son, en parte, “responsables e xestoras cómplices da actual situación de bloqueo técnico do movemento obreiro”.“A letanía que quere poñernos á agarda dunha convocatoria lanzada dende Madrid é unha trampa para desmobilizar á clase traballadora galega e someternos aos tempos de CCOO e UGT, que lanzarán a Folga Xeral aos ritmos da súa campaña electoral”, critica.
E, aínda que apoia a convocatoria de folga galega, tamén advirte á CIG de que non adopte posturas “unilaterais”. Así, indica que unha folga mal convocada ou mal enfocada pode supoñer “un retroceso histórico” pero tamén insiste en que “non vai permitir que se cuestione a utilidade dunha folga en chave nacional galega”. “Non caben convocatorias intempestivas, inútiles, propagandísticas ou mesmo electoralistas que sirvan a fins alleos aos intereses do conxunto das traballadoras e traballadores de Galiza”, conclúe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.