Por que está tan de moda o populismo?

Como chegou Trump ao poder en Estados Unidos? Por que Le Pen conseguiu tanto apoio en Francia? Por que en Italia gobernan os anti-europeos? Por que agora se perde a confianza no proxecto político da Unión Europea? A politóloga Márian Martínez-Bascuñan apunta algunhas claves.

Por Uxía Iglesias | Santiago de Compostela | 12/06/2018 | Actualizada ás 22:35

Comparte esta noticia

Estamos nunha época en que se fala moito de populismo. Pero que é realmente o populismo? Como xorde e cales son os seus efectos? Precisamente destes temas falou a politóloga Máriam Martínez-Bascuñán nos coñecidos como Luns do Ateneo en Santiago de Compostela. Máriam, agora tamén Xefa de Opinión de El País, teorizou arredor desta palabra que hoxe en día está tan de moda. “O populismo entrou con forza na axenda política, pero de tanto empregala está deixando de significar cousas, convértese nun significante baleiro”, dixo. Utilízase cada vez máis como arma de descualificación política, mais é un concepto chave para comprender o mundo actual.

Máriam Martínez-Bascuñán no Luns do Ateneo
Máriam Martínez-Bascuñán no Luns do Ateneo

Márian citou o Brexit, a Trump ou a Le Pen en tanto que persoeiros que representan este populismo do que se fala hoxe en día.  “O único que dixemos nesta campaña do referéndum é que queremos volver tomar o control das nosas vidas, volver tomar o control das nosas fronteras”, di Nigel Farage, do partido antieuropeo UKIP, sobre o Brexit. “Make America Great Again”, apunta Trump, presidente dos Estados Unidos. “Quero volver poñer a República Francesa en orde”, sinala Marine Le Pen, presidenta da Agrupación Nacional. Todos estes emblemas responden a esa querenza de reaccionar contra o establecido, de facelo estalar todo.

“O populismo é a enfermidade pero tamén é a vacina. Un tabán que pica ao sistema e que o fai reaccionar”. E quere facelo reaccionar, moitas veces, para restablecer o equilibrio: as vellas formas de autoridade. O día en que Trump gañou as eleccións, Obama dixo del que representaba ese “irresistible argumento de estar disposto a facelo saltar todo polos aires”. E por que calan no pobo estes emblemas? Porque se apela directamente aos sentimentos da xente. Son movementos, xa non partidos, que simbolizan estados de ánimo, non intereses.

MUNDO DE CONTRADICIÓNS

Marián axudábase dunha palabras de Phillip Blom para facernos comprender esta época chea de contradicións, de friccións, de sensación de velocidade vertixinosa nos acontecementos. “Non hai terra firme na que pisar”. “Baby boomers contra millenials, cidade contra rural, medios de comunicación tradicionais contra redes sociais, o mundo dixital contra o analóxico, occidente contra oriente...”. Son todos eles conceptos dispares que provocan unha gran reacción neste mundo complexo. Con todo, iso que se erixe como novo “ dá a sensación de que non ten posibilidade de erixirse tamén como o lexítimo”.

Trump, presidente dos Estados Unidos
Trump, presidente dos Estados Unidos

Ondas de racismo e xenofobia asolagan hoxe Europa. “E o máis perigoso é que esta transformación, ademais de cuantitativa, é tamén cualitativa”. Téndense a normalizar e a tomar con naturalidade discursos de odio que quedan impunes. Os membros do Movemento Cinco Estrelas de Italia teñen mesmo falado do concepto de “raza branca europea”. Este populismo é “pura retórica, non é a alternativa”, ditou Máriam.  “Estamos nunha época onde as narrativas deixan de actuar como motor da historia e as opcións emerxentes non se poden considerar alternativas políticas”.

Alternativas políticas que atopan nas redes sociais a vía para comunicarse e achegarse ao pobo. Fronte á crise de soberanía nacional, “o populismo suple este problema cun reforzo da identidade nacional”. Así pois, segundo Máriam, en lugar de atallarse con medidas redistributivas, intenta intensificar unha identidade nacional que non soluciona a situación. “Só fragmentar o espazo público”, esa esfera ou espazo compartido onde se decide o que atinxe a todo un pobo. E se se fragmenta, rómpense consensos básicos sobre o significados de conceptos fundamentais para a cohesión social, e consecuentemente, para o bo funcionamento da sociedade. “Como entendemos a democracia agora? Como liberdade ou como aplicación estrita da lei?”, preguntouse a politóloga.

AS FALACIAS DO POPULISMO

O político de masas, ese “home forte con capacidade de representar o pobo”, cre que a forma real de democracia é preguntando directamente, mediante referéndum. Rexeita, pois, os poderes intermedios, “que son os que garanten realmente a democracia representativa”. O populismo implica varias falacias. A primeira delas: representación contraponse a participación. Entende que o sistema representativo aliena ao pobo, pero ao mesmo tempo, ese político de masas representa ao pobo. A segunda delas: para crear vínculo hai que cultivar identidade. “Cando aquilo que constrúe a cohesión social da comunidade non é a solidariedade senón a identidade, o que facemos é dividir o pobo”, dixo Máriam.

O obxectivo de todo populismo é o retorno a unha comunidade fraterna ameazada por unhas novas pautas de cohesión social. Así pois, os movementos populistas como o de Trump ou Le Pen desexan volver a unha pasado idealizado mediante a exclusión do distinto, da mestizaxe e do pluralismo. “Contrapoñen unha elite sempre corrupta e un pobo sempre bo: unha visión simplista da realidade política”. “Facerse coa hexemonía”, o fin último destas ondas populistas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

3 Gustavo

O gordo é que en Europa queden partidos pseudonazis como o PNV, que defende o Rh negativo e a suposta raza vasca, ou líderes xenófobos como el catalán Torrá.

1 Serafín

Pois Gustaviño, o do RH do PNV é vello demáis, curiosamente coincide --sempre esqueces-- cando en España grandes intelectos españolistas falaban de raza (celebrando o Día de la Raza --agora disfrazado de Hispanidade--, ben anos despois, cun fascista chamado Franco (curioso, os fascistas e os amigos dos nazis son os españolistas, de novo esqueces), mesmo fixeron unha película e aínda hoxe se repite en manifestacións colectivas, como o fútbol) non che sei, igual tes que facerte mirar... Nos nosos tempos, eu xa vin pretos como conselleiros do goberno basco, e señoras con vestimenta e cultura árabe como deputadas nacionalistas (catalanistas) en Cataluña. Entón, de que presumen no PP e Ciudadanos? Non será pseudonazi e racista o teu nacionalismo españolista?

2 galegoexiliado

A culpa do que chamades populismo téñena os buenistas da esquerda progre, que enchen Eurabia de ilegales e inadapatados, e o que é ainda peor, enchen Eurabia de gobernos da estrema dereita. Asco me da un país e un continente donde temos que abergoñarnos da nosa raza blanca para ser políticamente correctos. Que lle imos a facer, blanco, pelo loiro, europeo, e orgulloso de selo.

1 José

Ti si que és un inadaptado e teño dúbidas de que poidas ser legal biolóxicamente falando. Vai pedir traballo a x-men

1 o pais papelucho falsario

eu creo que andan a confundir a opinión publica co termo de populismo, xurdido en america latina xunto con peron, Getulio Vargas, etc... non creo que teña nada que ver con lepen, nin trump nin ningún dos políticos reaccionarios miserentos!!! que son representantes dos grandes poderes precisamente!!! algún e un fascista declarado, pero que nos van decir xente que escribe no xornal "independete" da maña, de independente nada precisamente sinon o servizo da trilateral e do capitalismo sionento, precisamente, están a confundir intencionadamente, o populismo desde os citados ata chavez (anque se declarase socialista tiña mais do primeiro que do segundo) , eu nembargantes prefiro o ecuatoriano Velasco Ibarra, nin siquera lerroux e un político populista sinon un demagogo que traballaba para o poder, contra os políticos catalanistas nos anos vinte e contra os representantes dos traballadore nos 30 - https://es.wikipedia.org/wiki/Jos%C...