Mentiras que custarán caro

As consecuencias da anulación do decreto eólico impulsado polos nacionalistas foron, son e serán terríbeis

Por F.Glez.Tenreiro | Narón | 31/03/2011

Comparte esta noticia

Pensabamos de nenos que mentir sempre traía consecuencias negativas para a persoa que mente: escoitabamos na casa os contos de Pinocho e do pastor trapalleiro que chamaba polo lobo, mentres que na escola nos ateigaban de utilisimas leccións de prosa medieval castellana nas que un tal conde Lucanor latricaba que non existía final feliz para os mentireiros.

Ficounos clara a moralexa até que chegamos ao instituto, onde había pillabáns a moreas que, por causa da idiosincracia adolescente, sempre parecían obter recompensa dos seus calotes. Malia todo, aleccionados pola voz castellana de don Juan Manuel, prognosticabamos que tales conductas recibirían ao final o seu merecido castigo.

Entrados en anos, todo aquilo nos soa xa a conto chino: hoxe aos mentireiros se lles chama listos e aos honestos, inxenuos ou mesmo parvos.

As forzas políticas máis adaptadas a esa realidade son tamén as que máis rédito sacan. Como proba, a vitoria electoral do PP nas últimas autonómicas, embazada por unha serie de mentiras nas que a imposición do galego e a ilegalidade do concurso eólico foron as más salientadas. Mentiras que, co tempo, se fixeron máis evidentes. Primeiro, co descrédito dunha asociación absolutamente kafkiana como Galicia Bilingüe e, más recentemente, coa sentenza do TSXG avalando, punto por punto, a legalidade do decreto eólico impulsado polos nacionalistas.

As consecuencias da anulación dese decreto foron e serán terríbeis: a paralización dun sector industrial incipiente; a perda dunha oportunidade única de implicar a sectores produtivos propios e ao goberno galego na produción enerxética; e, por último, os preitos millonarios que terá que afrontar Galiza para compensar o lucro cesante das empresas expoliadas arbitrariamente dos watios concedidos polo anterior goberno, e que algúns medios cifran xa por enriba dos 300 millóns de euros en indemnizacións, unha segunda Cidade da Cultura na contribución histórica do PP á ruína do noso país.

O problema non é xa que se premie ao mentireiro, como aconteceu coa vitoria electoral autonómica, senón que haxa tamén xustos que paguen por eses pecadores do oitavo mandamento. Porque, meus amigos, no negocio eólico galego, a todos nos está crecendo o nariz menos ao Pinocho Feijoo…

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Francisco Borxa González Tenreiro Francisco de Borxa González Tenreiro (Ferrol, 1976) é licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e tradutor certificado polo Birmingham City College. Traballou de tradutor e intérprete no Reino Unido e foi xefe de redacción do Grupo Hipala Communication en Málaga. Actualmente é director da axencia de tradución e comunicación englishpanish, en Ferrolterra.