Carvalho Calero, novamente sen Día das Letras

A Real Academia Galega elixe a Antón Fraguas como homenaxeado para o Día das Letras de 2019. É a sétima ocasión na que o filólogo ferrolán queda ás portas de ser o homenaxeado.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 07/07/2018 | Actualizada ás 15:04

Comparte esta noticia

Ricardo Carvalho Calero terá que agardar novamente para ter o seu Día das Letras. Tras sete ocasións nas que a súa candidatura resultou finalista, o escritor e filólogo ferrolán segue sen ser o preferido polos académicos galegos.

Desta volta foi o historiador galego Antón Fraguas Fraguas (Loureiro, Cotobade, 1905 - Santiago de Compostela, 1999) o que resultou elixido para protagonizar o Día das Letras Galegas de 2019. Así o anunciou o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes, nunha rolda de prensa celebrada tras a votación realizada este sábado polos membros do pleno da institución.

Deste xeito impúxose a candidatura de Antón Fraguas sobre a do escritor ferrolán Ricardo Carvalho Calero, quen era a sétima vez que figuraba entre os finalistas para protagonizar o próximo 17 de maio. Unha negativa que ten moito que ver coa súa concepción do galego, próxima ao portugués, e rexeitada pola maioría dos membros da Real Academia Galega.

Filgueira Valverde (á dereita) e Carvalho Calero (ao seu carón) nun acto que tivo legar pouco despois de chegada a democracia
Filgueira Valverde (á dereita) e Carvalho Calero (ao seu carón) nun acto que tivo legar pouco despois de chegada a democracia

A candidatura de Antón Fraguas impúxose sobre a do escritor Ricardo Carvalho Calero por 16 votos fronte a oito. Segundo o presidente da RAG, a decisión foi froito dun "debate vivo e apaixonante" entre os defensores de "dúas grandes figuras". Sobre a candidatura do escritor ferrolán, Freixanes expresou que a RAG é "consciente" da "importancia" de Carvalho Calero. "Haberá un momento no que sairá (elixido)", asegurou.

Finalmente, Antón Fraguas será o homenaxeado, con quen a institución reivindica "a memoria, a cultura e a lingua do pobo", posto que, en palabras de Freixanes, foi "unha das persoas que máis tempo dedicou a recoller, sistematizar e coñecer esta riqueza".

"REFERENTE" DO GALEGUISMO

O académico que encabezou a candidatura gañadora, Francisco Díaz-Fierros, erixiu ao historiador e xeógrafo como unha "figura do galeguismo", referente "xa non só polo seu talante ético de defensa permanente do galego, senón pola súa capacidade de transmitir estes sentimentos a todo o mundo".

Ademais, destacou os máis de 300 libros e traballos que desenvolveu Antón Fraguas, unha "obra importante e de densidade" na que mostrou un galego "tan particular, tan auténtico, tan sinxelo e tan cariñoso" que "non houbo ninguén, quizais, que o fixese desa forma tan persoal e directa", expresou.

E é que Antón Fraguas, segundo o académico, recuperou "a voz do pobo": "Chegou no momento preciso para recoller os alicerces da nosa cultura, o noso mundo, o mundo campesiño que xa estaba a desaparecer".

ANTÓN FRAGUAS

Antón Fraguas Fraguas foi historiador, profesor e director e presidente do Museo do Pobo Galego, así como un dos fundadores da Sociedade de Lingua e membro das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos, no que inaugurou, baixo a dirección de Otero Pedrayo, os estudos de xeografía histórica.

Durante a súa mocidade publicou na revista 'Nós' e o xornal galeguista 'A Nosa Terra', e deixou biografías de personaxes ilustres como Manuel Murguía e Castelao, ademais da que foi a súa tese de doutoramento sobre o Colexio de Fonseca da USC. No campo no que máis destacou foi no estudo da cultura campesiña, especialmente do seu parte espiritual.

Foi profesor auxiliar de Xeografía e Historia na USC e en 1933 conseguiu a cátedra no instituto da Estrada, que lle foi arrebatada ao comezar a Guerra Civil, motivo polo cal tivo que dedicarse á educación privada ata 1950.

Compaxinou o ensino coa investigación en contacto con institucións como o Instituto Pai Sarmiento ou a RAG, na que ingresou en 1956 no sitio que deixou Castelao. Recibiu, entre outros galardóns, o Pedrón de Ouro, a Medalla Castelao, o Premio Trasalba e o Premio dás Letras e dás Artes da Xunta de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

4 anonimo

Ta ben esta coña de todos os anos. Non lle adican a Calero o Día, e veñen reintegratas e xente da U a poñer a parir á RAG. Hala, máis.

3 DFewed

Carvalho Calero tinha categoria intelectual de mais para ser homenageado pola Real Academia do Castrapo

2 fartadaRAG

Ausencias, as mulleres non existen

1 Marga

Porque as boas, por fortuna, seguen vivas. A norma dos dez anos dende o falecemento agoira que o mellor virá a mediados do XXI. Hoxe festexamos o século XX, que foi o que foi...

1 WSTK

Viva sempre o meu moi respectado don Antonio Fraguas, que, se vivirá, tería moito noxo por ser usado por impresentables contra Ricardo Carvalho Calero. Bernardo