Por Galicia Confidencial | Compostela | 08/07/2018 | Actualizada ás 22:00
O Día das Letras Galegas --o 17 de maio-- e o o Día Nacional de Galicia --o 25 de xullo-- son as dúas grandes datas para a cultura, a lingua e a identidade de Galicia. Unhas datas que a Xunta celebra polo alto e para ás que destina inxentes cantidades de diñeiro en publicidade institucional. Unha publicidade que, curiosamente, non vai para os medios que defenden esa lingua e esa cultura do país, senón para os grandes medios e familias mediaticas que escriben e publican maioritariamente en galego, principalmente, o Grupo Voz --editora de La Voz de Galicia-- e Prensa Ibérica --editora de Faro de Vigo e La Opinión de A Coruña--.
A Secretaría Xeral de Medios destinará este ano 954.000 euros en publicidade para salientar estas dúas grandes datas; 594.110,33 euros no caso do Día das Letras Galegas e 365.985,27 euros no caso do Día Nacional de Galicia. Unhas cantidades que, no caso das Letras Galegas, case que se duplicaron este ano con respecto ao 2017.
Desta cantidade, e a pesar do simbólico das datas, os medios esclusivamente en galego non recibirán máis alá de 20.000 euros en conxunto segundo as informacións recopiladas por GC. Galicia Confidencial, por exemplo, sendo o principal medio dixital en galego e un dos cibermedios máis lidos de Galicia, por riba de edicións dixitais doutros grandes medios en español, só percibirá 2.000 euros con IVE polas dúas campañas. Outras edicións dixitais en galego, tanto nacionais como locais, oscilan tamén entre os 2.000 e os 300 euros con IVE polas dúas campañas.
Estas dúas datas son os únicos días nos que o Goberno do PP inserta publicidade nos medios en galego, aínda que as cantidades son ridículas en comparación coas que se lles dan aos medios en español, incluída, nas súas versións dixitais.
OUTRAS SUBVENCIÓNS
A Xunta ten unha liña específica para impulsar o galego nos medios --o pasado ano foron case 1,7 millóns e este ano case 2 millóns- aínda que a maior parte dese orzamento vai para medios que usan, principalmente, o español. Esíxelles que cedan á lingua propia un 10% do seu espazo total, que en moitas ocasión non se cumpre, xa que algúns deles nin superan o 5%. Espazos que, xeralmente, son os mesmos en todos os medios: cultura e opinión, principalmente. Algúns medios, como é o caso de La Voz, xustifican o uso do galego utilizando algunha declaración dalgunha persoa en galego nunha noticia que está en español.
Independentemente destas axudas, a Xunta tamén outorga axudas específicas polo uso do galego. Son axudas que suman 201.000 euros --unha cantidade conxelada nos últimos anos a diferencia doutras partidas-- nos medios que usan exclusivamente o galego, fronte aos case 2 millóns dos que o fan en español. Esta diferencia de importe prodúcese malia que en teoría as dúas liñas de subvención comparten un fin: apoiar a difusión de noticias en galego.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.