Tregua entre Soraya Sáenz de Santamaría e Pablo Casado tras a morte de Albor

Os dous candidatos coinciden na homenaxe ao primeiro presidente da Xunta que será soterrado este venres.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/07/2018 | Actualizada ás 10:51

Comparte esta noticia

Os dous candidatos a liderar o PP nacional, Soraya Sáenz de Santamaría e Pablo Casado, coincidiron este venres na súa homenaxe ao primeiro presidente da Comunidade galega, Gerardo Fernández Albor, falecido este xoves aos 100 anos.

Pablo Casado e Soraya Sáenz de Santamaría
Pablo Casado e Soraya Sáenz de Santamaría | Fonte: burgosconecta.com

Así, á primeira hora deste venres acudiron ao tanatorio compostelán de Boisaca para trasladar as súas condolencias á familia. A expresidenta Soraya Sáenz de Santamaría chegou a primeira, acompañada dos exministros Íñigo Méndez de Vigo e Fátima Báñez e, pouco despois, fíxoo Pablo Casado, arroupado polo secretario xeral do PP galego, Miguel Tellado.

Os dous candidatos fixeron oco á súa axenda electoral para o Congreso para render homenaxe ao que, en palabras de Pablo Casado, representa o "galeguismo constitucional" e é referente, como tamén subliñou Santamaría, do Partido Popular en España.

Tanto Casado como Santamaría estiveron acompañados do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen despediu á vicepresidenta no aparcadoiro do tanatorio, tendo en conta que este venres ten programados outros actos de partido. Santamaría lembrou que "era un home moi cariñoso e moi cordial" e subliñou que "conserva" os recortes das reflexións de Albor escritas no xornal local 'El Correo Gallego' e que el mesmo lle enviaba.

Casado, ao ser preguntado por se tivo ocasión de falar dunha candidatura única coa seu rival na contenda interna, destacou que este venres uniunos a "homenaxe" a Albor e reivindicou "o legado dos mellores".

"HUMANISTA"

A exvicepresidenta destacou que se trataba dun médico "humanista" e subliñou o seu "humor tan fino". "Conversar con el é un dos praceres que ás veces che dá a política e que a min mo deu, e quédome con iso", apuntou Santamaría, quen rexeitou contestar a calquera outra cuestión porque "non é o sitio, nin o lugar".

Pablo Casado lamentou que desapareceu un dos "referentes": "Humanista, austero, honrado, brillante e fundador do galeguismo constitucional que tan ben encarna o PP de Galicia". Así, convidou a "sentirse todos herdeiros dunha forma de facer política", tamén a nivel internacional e europeo.

O exvicesecretario de Comunicación expresou a súa "admiración" cara a Albor. "Falamos de Gerardo Fernández Albor porque tanto Soraya como eu admiramos que ese legado o recollesen os seus sucesores, tanto Fraga como Alberto Núñez Feijóo", concluíu, ao ser preguntado por se falaran dunha eventual candidatura conxunta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta