A pesca de polbos en Galicia: unha tradición de séculos

Científicos do CSIC publican unha investigación sobre a evolución da pesca deste cefalópodo en Galicia desde o século XV.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 16/07/2018 | Actualizada ás 14:09

Comparte esta noticia

O Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) vén de publicar, xunto coa empresa galega Quadralia, os resultados dun estudo sobre a evolución da pesca do polbo en Galicia desde o século XV até a actualidade

Polbo galego
Polbo galego | Fonte: Xunta.

O traballo, titulado “O cultivo tradicional de polbos fronte á costa galega: historia e dinámica actual”, enmárcase nas investigacións que desenvolve o Grupo de Ecoloxía Pesqueira do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC en Vigo.

“Os cefalópodos supoñen unha importante fonte de alimentación humana, sendo un dos recursos mariños máis intensamente explotados a nivel mundial. O polbo común, Octopus  vulgaris, captúrase tradicionalmente en Galicia desde polo menos o período romano, aínda que probablemente desde moito antes”, explican Rafael Bañón, Jaime Otero e Alexandre Alonso (IIM-CSIC), autores do artigo, no que se sinala que a pesca regular do cefalópodo vén desde polo menos o século XV en Galicia.

Neste contexto, o traballo de investigación, publicado recentemente na revista Fisheries  Research, repasa a evolución da pesca do polbo en Galicia, desde as capturas no intermareal para consumo propio con ferramentas rudimentarias ata o inicio dunha pesqueira artesanal, pero a volumes industriais, a partir do século  XV.

Entre os datos que destacan nesta evolución figuran os referidos ás descargas de polbo nos portos galegos, que mostran valores máis ou menos estables ao redor das 2.000-4.000 toneladas/ano desde comezos do século pasado, agás desde mediados da década de 1950 ata finais da de 1970, onde se alcanzaron valores elevados de ata 16.000 toneladas/ano, atribuíbles a barcos de arrastre que faenaban no Banco Canario-Sahariano.

“Estímase que en 2016 un total de 1.255 barcos tiñan permiso en Galicia para pescar polbo con nasas, aínda que o uso efectivo da licenza era considerablemente menor, de 669 barcos”,

Segundo apuntan tamén os científicos “existe unha diminución evidente do esforzo pesqueiro desde a década do ano 2000”.

“Estímase que en 2016 un total de 1.255 barcos tiñan permiso en Galicia para pescar polbo con nasas, aínda que o uso efectivo da licenza era considerablemente menor, de 669 barcos”, explica Rafael Bañón, do IIM, quen destaca tamén sobre este aspecto que “existe unha diminución evidente do esforzo pesqueiro. A frota potencial diminuíu progresivamente, a un ritmo de aproximadamente 28 buques ao ano, desde 2003, mentres que a frota operacional e os días declarados de pesca fixérono a razón de aproximadamente 24 buques e 3.726 días por ano, respectivamente, desde o máximo alcanzado en 2004”.

O estudo tamén pon de relevo unha reordenación da frota segundo a tonelaxe ou TRB.

“A proporción de buques por segmento de tonelaxe mostra unha diminución dos buques dos segmentos inferiores e superiores, presumiblemente menos eficaces e rendibles, mentres que o número de barcos de segmentos intermedios, máis polivalentes, principalmente entre 2,5 e 4,99  TRB, aumentaron notablemente”, concreta Rafael  Bañón.

Por último, no traballo de investigación tamén se lle prestou atención ás estratexias de pesca ao longo do ano para esta frota, observándose que difiren dependendo da zona: nas Rías Baixas a nasa de polbo é a arte máis utilizada durante todo o ano, seguida a distancia doutras artes como a nasa de nécora, nenos… mentres que no arco Ártabro e Cantábrico o percebe supera en ocasións a propia actividade á nasa de polbo.

Os asinantes do artigo consideran que este “proporciona novas perspectivas sobre a dinámica actual da frota dedicada a unha importante pesqueira de pequena escala que debería ser útil para a revisión da xestión actual do recurso e o desenvolvemento e implementación de novos plans de avaliación e manexo para o polbo común en Galicia”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta