Temas: PATRONAL LUGO

A patronal de Lugo descarta que a CEG teña "perigo de desaparecer" ante a ausencia de candidatos a dirixila

A CEG "está por enriba de todo", asegura o secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo, Jaime López.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/07/2018 | Actualizada ás 13:06

Comparte esta noticia

O secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e membro do órgano de goberno da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Jaime López, descarta que a patronal galega corra o "perigo de desaparecer" despois de retornar á provisionalidade despois da renuncia do presidente Antonio Fontenla e a ausencia de candidatos a sucedelo.

Os catro presidentes provinciais da CEG en reunión. CEG - Archivo
Os catro presidentes provinciais da CEG en reunión. CEG - Archivo

O pasado venres pechábase o prazo para a presentación de candidaturas a dirixir a patronal sen que ninguén se postulase para asumir o liderado dos empresarios galegos, logo de que pasasen até tres presidentes no últimos catro anos. Jaime López afanouse en proclamar que a CEG "está por enriba de todo e non ten perigo de desaparecer". "É unha organización que está regulada e que ten unha historia detrás, que asume a representación de todo o que asumimos no ámbito provincial e sectorial", manifestou.

"Eu creo que ao final se vai impor o sentido común e a organización porase a traballar", atreveuse a aventurar. O empresario lucense lembrou que o que se acordou nos "órganos" da CEG é "a creación dunha comisión de traballo, que por fin vai abordar dunha forma seria e contundente a reforma dos estatutos".

Dos actuais estatutos, Jaime López pondera que son uns preceptos que "establecen un sistema de bloqueo que impiden a toma de decisións de forma executiva e rápida, que é o que os empresarios necesitan". Recoñece que "hai moitos elementos desfasados" e defende que na reforma se contemple "a representación de cada organización".

Temas: PATRONAL LUGO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta