A maioría das mulleres en Galicia adaptan máis o seu horario para conciliar

O 75% dos fogares recorre á axuda dos avós. As actividades extraescolares e o servizo de comedor foron as prestacións máis demandadas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/07/2018 | Actualizada ás 18:33

Comparte esta noticia

Tres de cada catro fogares galegos que precisan axuda para ocuparse do coidado dos nenos mentres os seus pais e nais traballan, recorren aos avós que viven fóra da unidade familiar para atender aos menores. Así se desprende da enquisa estrutural aos fogares do Instituto Galego de Estatística (IGE) sobre o coidado de menores e a conciliación familiar de 2017, na que se analiza a situación das vivendas galegas nas que hai nenos a cargo e o tempo que pasan os menores de 12 anos nos centros de educación infantil e os colexios.

Un carriño de bebé. Europa Press - Archivo
Un carriño de bebé. Europa Press - Archivo | Fonte: Europa Press

Desta maneira, os avós revélanse como o cimento sobre o que se apoia o 74,91 por cento dos fogares que non poden conciliar a súa vida familiar e laboral. Esta cifra é moi similar no período de vacacións, durante o que o 73,49 por cento dos pais apóianse nos avós para que se ocupen dos menores. Paralelamente, son as mulleres as que flexibilizan máis a súa xornada para adaptarse á conciliación. Deste xeito, sete de cada dez mulleres traballadoras reduciron a súa xornada laboral para poder atender aos seus fillos, un total de 30.150, cantidade que triplica aos homes que fixeron o mesmo, só 9.320.

Neste sentido, o colectivo feminino segue sendo o que máis se involucra no coidado dos nenos, xa que de todas as persoas que reducen o seu tempo de traballo para conciliar a vida familiar, as mulleres son un 76,39 por cento; e os homes, un 23,61%. Con todo, as mulleres non só se acollen á redución da xornada, senón que tamén son maioría á hora de axudar aos seus fillos cos deberes, acompañalos ao parque, xogar con eles ou compartir actividades, tarefas nas que están presentes máis do 90 por cento das nais, fronte ao 80% dos pais.

ACTIVIDADES E COMEDOR

O conxunto de actividades lectivas e non lectivas ocuparon en 2017 máis de 32 horas semanais aos menores galegos de entre 3 e 12 anos. Por exemplo, dentro dos centros, as actividades extraescolares e o servizo de comedor foron as prestacións máis demandadas, cunha asistencia de 4 de cada 10 nenos matriculados. Neste senso, é destacable o feito de que cada vez máis escolares entre 0 e 12 anos asisten a este tipo de actividades non lectivas. De feito, en 2017 fixérono un 72% deles, mentres que en 2012 a porcentaxe redúcese ao 70,42%.

En correlación con esta maior asistencia, os datos do IGE tamén sinalan que a tendencia de menores matriculados no primeiro ciclo de educación infantil é ascendente e en 2017 o 49% dos menores entre 0 e 3 anos asistiron a un centro escolar, mentres que en 2012 fixérono o 43% deles.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta