Santa Paciencia

Rematou a Semana Santa e rematou tamén o “via crucis” daqueles a quen lles produce aversión calquera tipo de festexo orientado ao despregamento público dun martirio físico inútil.

Por F.Glez.Tenreiro | Fene | 27/04/2011

Comparte esta noticia

 Máis, se cadra, cando tales festexos adoitan ter unha orixe, cando menos revisábel, de adoutrinamento subliminal dirixido á creación artificial dunha cultura “española”. 

Ao igual que acontence coa autoproclamada, deliberadamente, “fiesta nacional” – que pena de bois, dicía Castelao – que se celebra todos os anos nas cidades de A Coruña e Pontevedra, as celebracións de Semana Santa teñen un carácter aberrante na nosa cultura.
 
A máis representativa destas asincronías culturais en Galiza é a comparsa relixiosa-militar da Pascua ferrolá, unha representación a pequena escala das procesións andaluzas máis devanceiras: a sevillana e a malagueña. Fóra das conxeturas históricas que se poidan formar do contubernio clerical-castrense na cidade natal do caudillo, resulta absurdo o empecinamento dalgúns por defender unha “tradición” orixinada na posguerra – nunha época de intensa represión e imposicion do ideario católico-fascista – amparados polos efectos balsámicos do turismo na hostalería local (o turismo, outra das grandes ideas alleas que na súa aplicación superlativa está sustituíndo a tradición galega de “servirse do traballo” pola práctica de “traballar para servir”).
 
Tendo en conta as datas nas que se celebra – días non laborais desde o punto de vista laico –; a constricción festiva que se supón acompaña a todo evento relixioso; e a súa condición de “réplica” de festexos alleos cunha tradición e dimensión moito maiores noutras latitudes, a xustificación económica é perfectamente refutábel propoñendo alternativas de lecer e festivais autóctonos facilmente rebuscábeis na historia e mitoloxía propias e, de seguro, cunha maior tradición en número de anos que os desfiles dos pasos de Semana Santa.
 
Só hai que fixarse no número de persoas que visitan cada ano a veciña vila de Ortigueira – con pouco máis de sete mil habitantes – durante a semana que dura o seu festival celta, para decatarse de que as procesións relixiosas non son señuelos turísticos irresistíbeis, nen moitos menos, irremplazábeis.
 
Convencido como estou de que este tipo de festexos, como calquera outro anacronismo, acabará por desaparecer ou restrinxido a meros actos marxinais para os máis devotos relixiosos, seguireime enfrontando aos postulados inmobilistas daqueles que confunden tradición con cultura, turismo con industria e relixión con ética.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Francisco Borxa González Tenreiro Francisco de Borxa González Tenreiro (Ferrol, 1976) é licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e tradutor certificado polo Birmingham City College. Traballou de tradutor e intérprete no Reino Unido e foi xefe de redacción do Grupo Hipala Communication en Málaga. Actualmente é director da axencia de tradución e comunicación englishpanish, en Ferrolterra.