Noruega, unha excepción cultural

Ás veces, as ideas precisan dun impulso lector. Eis o que me aconteceu cando lía, de forma atenta e tranquila, o recente libro de André Schiffrin, El dinero y las palabras (Península, 2011).

Por Xabier Ron | Santiago | 04/05/2011

Comparte esta noticia

Este autor coñece moi ben o mundo do que fala, xa que é un dos grandes editores do actual panorama. Despois de estar 30 anos a fronte de Pantheon Books, en 1990 funda The New Press para seguir editando sen estar sometido ao ditado dun gran grupo empresarial.

O alento veu, desta volta, no segundo capítulo, o que lle dedica a Noruega. Este país, cunha poboación de 4,6 millóns de habitantes, amosa que se pode resistir a vaga homoxeneizadora que estende o pensamento único neoliberal.

Ao longo de todo o século XX, Noruega puxo en marcha medidas para achegar a cultura ao pobo. Entre elas, un sistema itinerante de teatro, de cine e exposicións de arte. Mais será ao longo da década dos 60 do século XX cando se consolide a audaz política cultural de Noruega.

Prensa

Desde o punto de vista dos xornais, Noruega conta cuns 224 xornais, dos que 82 saen cando menos 4 veces por semana. A difusión dos xornais diarios é de 607 exemplares por cada 1.000 habitantes, a máis alta do mundo.

O goberno de Noruega, consciente da importancia da pluralidade nunha democracia, concede axudas aos xornais minoritarios.  Non se lles concede subsidios aos xornais que distribúen dividendos entre os accionistas, senón que se axuda aos xornais de pequena difusión (entre 2.000 e 6.000 exemplares). Os xornais considerados referencia en materia política e económica reciben subvencións, asi como os que están vencellados a algún partido. Estas diferentes axudas representan entre un 2 e un 3% do volume de facturación anual da prensa. Os xornais quedan exentos do IVE. E niso hai coincidencia entre as diferentes forzas políticas.

Pero isto non significa que se libere dos conglomerados capitalistas, xa que 3 grandes grupos controlan máis da metade da difusión de prensa e están nas radios e na televisión.

Libros

O goberno propúxose como meta manter unha edición independente. Desde 1965 creouse un órgano, o Art Council, dedicado a garantir a editores un mínimo de vendas de certos títulos, adquirindo unha parte da tiraxe para dotar as bibliotecas públicas. Cada ano, o Council adquire 1.000 exemplares de 220 títulos de ficción, 1500 exemplares de 130 de literatura xuvenil, 1000 exemplares de 70 ensaios. Ademais, as bibliotecas reciben 100 traducións e 14 revistas culturais.

Os autores vense axudados cuns dereitos sobre os libros comprados que se elevan ao 20-22%, o dobre do que se fai noutros países.
O sistema funciona ben e axuda ás pequenas bibliotecas espalladas por todo o país. E aténdese de forma axeitada á presenza de tres linguas oficiais.

Cine

É, como sinala Schiffrin, “el programa más radical que se aplica en Noruega, y que es también el más antiguo: la propiedad pública de las salas de cine” (p. 50).

Parte de 1913. Neses tempos desenvolvíanse por todo o país actividades cívicas, bibliotecas, centros de educación popular e colexios locais. Nesa dinámica de educación e formación do pobo insírese o control das salas de cine por parte das municipalidades. En 1932 a metade das salas de cine do país eran propiedade das municipalidades. Representaban o 90% do mercado das películas: “el cine se consideraba un servicio cultural y no una fuente de beneficios” (p. 51).

E con elas deuse amparo a unha industria nacional cinematográfica propia. Para poder financiar os esforzos desta industria estableceuse unha pequena taxa sobre as entradas.

Existe unha organización nacional das salas de cine municipais que informa sobre novas películas e que pon en marcha un circuito itinerante que chega ás rexións máis afastadas (do que se benefician milleiros de persoas cada ano).

Este cine nada ten que ver cos multicines de filosofía capitalista que tamén existen en Noruega.

Conclusión

Pódese resistir. Pero hai que ter vontade política. Noruega non vendeu ao sector financeiro internacional as institucións chave que garanten a independencia cultural e, importante, a pluralidade e diversidade informativa.

O sistema de axudas aos sectores da prensa, do libro e ás bibliotecas públicas, asi como a filosofía cinematográfica, son demostracións de que a educación e a formación e o acceso á cultura son unha preocupación real para as autoridades políticas de Noruega e van máis aló do recinto escolar.

Comprenderon que o cine é unha poderosa ferramenta educadora, e saben que o cine, se é capitaneado polo mantra da maximización de beneficios, só serve para des-culturalizar ao pobo, anestesialo e sometelo á uniformización da consumista golosina visual, ao mesmo tempo que esmorece o cine local e nacional. Saben que perderían a misión de servizo público coa que dignifican ao cine.

Desde estas terras galegas, onde as pequenas salas están en vías de extinción, onde hai que agardar festivais para ver películas non comerciais e en versión orixinal, onde películas e curtas de creadores locais e nacionais non chegan sequera a estrearse debido ao monopolio de quen pon as cotas grazas á deixadez da clase dirixente, un olla con admiración a política cultural de Noruega.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xabier Ron Nado en Lyon (Francia), 16 de febreiro de 1970. Licenciado en Filoloxía Románica pola USC. Na actualidade docente de lingua francesa no CPI Pontecesures. Especialista na lírica dos trobadores románicos, sobre todo do cancioneiro galego-portugués, dos que versa a súa tese de doutoramente, en fase de elaboración. Activista político e social, milita no Partido Comunista de Galicia, sendo membro do Comité Central; é igualmente membro da executiva de Esquerda Unida, onde desenvolve a responsabilidade de Secretario de Movementos Sociais; coordinador comarcal de Esquerda Unida en Compostela. Vencellado ás reivindicacións do movemento migratorio de Galicia é membro do Foro Galego de Inmigración desde a súa creación. É deputado por AGE no Parlamento galego.