Odiando a normalidade

O autoodio étnico galego continúa sendo, a pesar das "modas", a orixe dos nosos problemas diglósicos e, probabelmente, a principal barreira ao noso desenrolo económico.

Por F.Glez.Tenreiro | Narón | 11/05/2011

Comparte esta noticia

A conversa que mantivo en febreiro unha coruñesa, de nome Marta, con outra rapaza mallorquina no programa de lixo sociolóxico Gran Hermano -Marta dicía que lle daba "bajón" cando un bo mozo lle falaba en galego- foi a exposición de autoodio galego máis clara aparecida nos últimos anos nun medio televisivo de ámbito estatal.

Non pasaron nin dúas semanas antes de que o asunto ficase gardado no baúl dos recordos, despois de que o poder mediático reducise a cuestión a unha conduta individual. Mais lonxe de ser unha conduta illada, a minusvaloración psicolóxica que acompañaba a esta concursante de reality shows maniféstase diariamente na vida real de todos os galegos e galegas. A diglosia é soamente unha parte deste fenómeno, presente en todas as civilizacións minorizadas por un proceso colonizador, xa sexa este un proceso económico, cultural, lingüístico ou unha agrupación de todos eles.

A isto engádeselle un segundo fenómeno de negación, no que a maior parte da poboación e os seus representantes, de diferentes signos políticos -incluíndo certos sectores nacionalistas- prefiren afastarse da palabra autoodio e abrazar outras concepcións, din que máis modernas, e desde logo politicamente máis correctas, como o concepto ideal do bilingüismo cordial.

Porén, que non nos guste o nome “autoodio”, non quere dicir que non exista. Postos a recuar, sería máis útil facer uso do colonialismo lingüístico para referirnos ao concepto do autodio na súa forma anglosaxoa, "ethnic self-hatred", sobre a que existe abundante documentación en inglés.

Constátase a desgana política e social de atallar este problema, a pesar da súa urxencia, reflectida na colonización lingüística das cidades galegas -auténticos dinamizadores sociais, culturais e económicos dun país-, só superábel a través dun proceso similar inverso ao que provocou a castelanización. Porén, só unha pequena parte da nosa sociedade e dos nosos políticos se manifesta a favor da inmersión lingüística plena en galego.

Por encima de políticas lingüísticas equivocadas ou contrarias á recuperación do idioma propio, o autoodio é, pois, a principal barreira ao proceso de normalización lingüístico. De feito, as políticas galegofóbicas son soamente unha consecuencia máis dese autoodio, igual que a falta de reflexión dos votantes que as apoian para comprender que un país galego en galego ten moitas máis posibilidades de superar o seu conflito identitario que un país galego en castelán e, seica, superar tamén o que podería ser o principal escollo para o desenvolvemento dunha economía que, como Marta, está "de bajón".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Francisco Borxa González Tenreiro Francisco de Borxa González Tenreiro (Ferrol, 1976) é licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e tradutor certificado polo Birmingham City College. Traballou de tradutor e intérprete no Reino Unido e foi xefe de redacción do Grupo Hipala Communication en Málaga. Actualmente é director da axencia de tradución e comunicación englishpanish, en Ferrolterra.