A ANPA do IES de Brión solicita un novo diagnóstico sobre a situación do centro

A asociación de nais e pais (ANPA) do IES de Brión (A Coruña) solicitou este domingo, no seu cuarto día de peche no centro, un novo diagnóstico sobre a situación do mesmo por parte da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/09/2018 | Actualizada ás 20:15

Comparte esta noticia

Nun comunicado, as familias tachan de "decepcionante" a resposta que lles deu o conselleiro deste departamento, Román Rodríguez, nun encontro mantido este sábado. Neste contexto, o mandatario trasladoulles que "non hai trato discriminatorio algún" cara ao centro.

Reunión da ANPA do IES de Brión (A Coruña). ANPA
Reunión da ANPA do IES de Brión (A Coruña). ANPA

"O conselleiro ampárase nas cifras que lle achegan desde a inspección, que insiste en que, aínda que o número de alumnos crece este curso, non se precisan máis docentes que no curso pasado porque vai haber os mesmos grupos", explica a ANPA.

Así, a asociación reiterou que "a única solución" pasa por sumar tres profesores ao claustro "para non sacrificar a calidade da educación nin pór en risco a convivencia no centro".

"Visto que a inspectora non quere ver máis aló da folla de Excell, e así llo transmite ao conselleiro, desde as familias reclamamos un segundo diagnóstico da situación que buscaremos petando a todas as portas que sexan necesarias para que se reverta esta situación", advirten.

Mentres tanto, o peche no centro manterase, á vez que a asociación propón ás familias "que non envíen ao centro" aos alumnos este luns. Porén, a ANPA fixo un chamamento a "respectar a opinión dos que crean que, coa dotación actual, os seus fillos van ter unha educación de calidade".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta