O líder do partido ultradereitista VOX segue obsesionado con Feijóo

Santiago Abascal volve cargar en redes sociais contra o presidente da Xunta. Desta vez contrapón unhas declaracións de Alberto Núñez Feijóo en El Mundo sobre a política española con outras que fixo o actor e director Clint Eastwood hai dous anos en apoio a Donald Trump.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 24/09/2018 | Actualizada ás 20:16

Comparte esta noticia

O partido utradereitista VOX segue facendo campaña contra o Partido Popular, ao que pretende debilitar co seu discurso ultranacionalista para roubarlle os seus electores máis escorados á dereita. Nesa disputa, o seu presidente, Santiago Abascal, mantén a súa particular obsesión co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, ao que ten como un dos seus obxectivos prioritarios nos seus constantes ataques ao PP. 

O presidente de VOX, Santiago Abascal, carga de novo contra Feijóo nas redes sociais.
O presidente de VOX, Santiago Abascal, carga de novo contra Feijóo nas redes sociais.

Este mesmo ano, ante a posible designación de Alberto Núñez Feijóó como novo líder do PP a nivel estatal —finalmente frustrada polo propio presidente da Xunta— suscitou todo tipo de reaccións non só no seu partido ou na oposición en Galicia; tamén na ultradereita española. En VOX decidiron daquela emprender unha campaña contra o actual presidente da Xunta, ao que acusaron de defender que Galicia é unha nación. Acusación á que non tardou en responder o Partido Popular galego, que dixo non aceptar "leccións de ninguén" na defensa de España.

"Para Nuñez Feijoo, igual que para Pedro Sánchez, «Galicia es una nación sin Estado». ¡Qué se sepa! Si crees que la única nación de los gallegos es España, RT", publicou en xuño pasado o líder ultradereitista, acompañando o seu chío dunha bandeira española.

Abascal recuperou en Twitter unhas declaracións nas que Feijóo se refería a Galicia como "nación sen Estado", algo que produce urticaria no ultranacionalismo español: "Nosotros históricamente tenemos muchos elementos para denominarnos, utilizando la terminología habitual, nación sin Estado", dicía o presidente da Xunta.

Agora, o líder ultradereitista volve poñer o punto de mira en Feijóo. Este luns, de madrugada, publicaba un novo chío comparando unhas declaracións do presidente galego desta mesma semana con outras do actor, director e confeso votante dereitista Clint Eastwood de hai dous anos. A idea, de novo, tentar ridiculizar a Feijóo ante os potencias votantes máis reaccionarios do lado conservador.

"Elijan: ¿Eastwood o Feijoó? Yo creo que tiene más puntería Clint", escribiu en Twitter o presidente de VOX, acompañando a mensaxe de capturas de pantallas de dous artigos. O primeiro, a entrevista que Feijóo concedeu ao xornal El Mundo, publicada onte domingo, con este titular: "Feijóo, desde su escondite gallego: «Sobran machos alfa en la política»". A segunda, unhas declaracións de Clint Eastwood á revista Esquire en novembro de 2016, nas que defende ao populista presidente estadounidense Donald Trump, recollidas por varios medios; Abascal mostrou o titular do xornal El Sol de Colombia, no que Eastwood dicía: “Vivimos en una generación de nenazas”.

Así tentou o líder de VOX, mediante esta comparación, descualificar outra vez o presidente da Xunta, co que mantén unha particular obsesión.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta