Así será a nova Xunta que quere Feijóo

O presidente galego rodease de perfís técnicos e de cargos leais que non lle fagan sombra e sexan case como “soldados” ao seu cargo para traballar por “Galicia, Galicia e Galicia”. O peso do seu goberno recaerá en tres consellerías.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 27/09/2018 | Actualizada ás 15:25

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, puxo a andar o seu sexto goberno. Un goberno que non saíu dunhas eleccións, senón en previsión doutras nas que o PPdeG ten postas moitas esperanzas para recuperar o poder perdido nas outras grandes institucións galegas; as deputacións e os gobernos das grandes cidades.

Toma de posesión do novo goberno da Xunta
Toma de posesión do novo goberno da Xunta | Fonte: xunta.gal

Por iso, e baixo o seu lema de “Galicia, Galicia, Galicia” que popularizou en 2016, o líder popular fixo un novo goberno a súa imaxe e semellanza. Perfís moi técnicos e cargos afíns que sexan traballadores e non lle fagan sombra. E o certo é que, desde que chegou ao Goberno galego, Feijóo asumiu un papel de líder total, sen ninguén, que ouse, discutir as súas decisións. Outra cousa son as provincias e, Ourense, especialmente.

Agora, o único gran perfil político do seu executivo é Alfonso Rueda, o seu vicepresidente, con quen entrou da man en 2009. Precisamente, Rueda segue en “stand by” dentro da Xunta, á espera do seu momento. Polo momento, Feijóo segue confiando nel para asumir tarefas de coordinación.“O vicepresidente, Alfonso Rueda, seguirá a cargo da coordinación do novo Goberno e das relacións coas demais Administracións, nun tempo onde os cidadáns reclaman traballo conxunto e coordinado en beneficio de todos”, dixo este xoves na presentación do novo Executivo.

XACOBEO

A segunda pedra angular do seu goberno será, agora, o Xacobeo 2021. Un evento que o pode catapultar, de novo, cara á Presidencia da Xunta. Por iso, puxo en marcha unha consellería case adicada en esclusiva a ese evento, copiando o esquema de Fraga, con aquela famosa megaconsellería de Pérez Varela de Turismo e Cultura. 

Toma de posesión do novo Goberno de Feijóo após a remodelación de 2018. Europa Press
Toma de posesión do novo Goberno de Feijóo após a remodelación de 2018. Europa Press

Nesta liña, o propio Feijóo destacou no acto de toma de posesión dos novos conselleiros este xoves que un dos retos a afrontar é a preparación do Xacobeo, “unha oportunidade única para amosar ao mundo a comunidade como é: unha terra acolledora, rica en cultura e cun amplo patrimonio”, dixo. “Por iso, hai que traballar co obxectivo de facer o mellor Ano Santo da nosa Historia. Ese é o principal cometido da nova Consellería de Cultura e Turismo”, dixo, precisando que con ese fin únense as competencias en patrimonio, en cultura e en turismo.

Curiosamente, nesta consellería tamén estarán as competencias relacionadas coa defensa e promoción da lingua galega porque, segundo insistiu o líder do PPdeG, este novo departamento está para “defender a identidade galega e a proxectala cara ao exterior”. Ata o de agora, Política Lingüística dependía directamente do presidente.

ECONOMÍA E FACENDA

E a terceira pedra angula do novo proxecto de Feijóo seguirá sendo a Economía e a Facenda. Por iso conta con Valeriano Martínez, para elaborar uns “orzamentos que cada ano son máis expansivos, pero tamén máis eficaces, e liderar as nosas reivindicacións dun sistema xusto de financiamento do estado das autonomías”. Unhas tarefas que compartirá o conselleiro de Economia, Francisco Conde, en quen Feijóo confía para que algún día poida discutirlle o poder absoluto a Abel Caballero en Vigo.

En relación á reordenación de competencias entre as Consellerías de Infraestruturas e Medio Ambiente, o titular da Xunta explicou que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade unifica todas as competencias en obras públicas, ao incorporar tamén as infraestruturas hidráulicas: non só as estradas e autovías, senón tamén as de saneamento e depuración, e a construción da maioría dos edificios públicos, ademais das competencias relacionadas coa mobilidade e o transporte.

Pola súa banda, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda incorpora –como indica o seu nome- as competencias en vivenda e rehabilitación, quedando así agrupadas no mesmo departamento que o urbanismo e a paisaxe.

EDUCACIÓN E POLÍTICA SOCIAL

Ademais destas dúas reordenacións, Feijóo subliñou que a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional terá como obxectivo “reforzar a aposta pola educación pública”. “A xestión da Educación Pública deixa de ser unha das principais preocupacións desta consellería para converterse na única prioridade, baixo a dirección de Carmen Pomar”, dixo Feijóo xustificando un deparmento que deixa de vincularse con Cultura e que non terá o peso da nova consellería de Román Rodríguez dentro do novo goberno.

Política Social seguirá como ata agora a pesar da chegada de Fabiola García, unha muller do entorno e da total confianza do presidente.  A chegada a Medio Rural do parlamentario José González é, segundo apuntou Feijóo, para fortalecer o diálogo; “calidades –recordou- que fixeron posible pechar, co apoio de dous grupos que representan as tres cuartas partes da Cámara, un dos ditames máis importantes desta década: o da Comisión de estudo de incendios e política forestal”.

Os restos dos departamentos non rexistran cambios nos seus organigramas. Feijóo segue confiando nestes “soldados” para realizar os seu eficaz traballo de “zapadores” nesa “Galicia, Galicia, Galicia” que quere o seu presidente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta