A explosión dun bidón de baterías produce queimaduras a un traballador en Padrón

Os efectivos sanitarios atenderon e evacuaron ao operario ferido até o Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS)

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/09/2018 | Actualizada ás 10:11

Comparte esta noticia

Un operario resultou ferido na tarde do pasado xoves 27 de setembro en Padrón (A Coruña), ao producirse a explosión dun bidón con baterías de vehículos situado no interior dun camión que estaba a descargar.

Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña
Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña | Fonte: @urg_CHUAC.

Así o confirmaron fontes da Garda Civil da localidade coruñesa. Segundo apuntou o 112 Galicia, a explosión produciuse nunha nave do Polígono Industrial de Pazos, na parroquia padronesa de Iria Flavia, ao fío das 18,35 horas.

En concreto, estas mesmas fontes precisaron que un particular contactou co 112 Galicia para alertar do sucedido, e indicaba que o traballador se atopaba ferido e consciente. Ademais, engadía que o bidón estaba a arder. A Garda Civil explicou a Europa Press que a tapa do bidón, ao estourar, golpeou ao traballador no abdome e que "o ácido das baterías produciulle diversas queimaduras".

Con estes datos, o persoal do 112 Galicia puxo os feitos en coñecemento do 061-Urxencias Sanitarias, dos Bombeiros de Boiro, do GES de Padrón, da Garda Civil e da Policía Local.

Unha vez na nave industrial, os efectivos sanitarios atenderon e evacuaron ao operario ferido até o Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS). Pola súa banda, os bombeiros de Boiro sufocaron o lume e comprobaron as baterías afectadas para restablecer as condicións de seguridade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta